20170616

Macrocorte de luz

Normalmente son microcortes. Na práctica, tódolos días, aínda que non estean sinalados nos listados que os van acumulando no blog. Ás veces, multirepetidos, e algún cunha duración algo máis longa. A tolerancia das compañías eléctricas é abondo diferente fronte a estes cortes e ó manexo da factura da luz. Aínda que ambas vaian en aumento. Como a sensación de impotencia dos usuarios, que nos vemos desprotexidos fronte a un atraco premeditado, alevoso e se non con nocturnidade, ao menos con falta de luz. O mantemento da rede eléctrica na zona convírtenos en cidadáns de segunda e paganos non só de custes desorbitados alegando o mantemento da estrutura (custes fixos) e enerxía (custes variables da factura), senón tamén dos custes asociados a desperfectos en electrodomésticos e os de incidencia nos negocios. E... as compañías parecen saber que xa estamos afeitos, que pouco a pouco van subindo o nivel.
O de onte foi de outra categoría: corte de luz na zona centro entre 15:20 e 16:25h. Varias referencias indican que a extensión non foi pequena.
Causa? Pregúntome máis ben se fai falta engadir causa ás habituais. Din (circunstancias persoais impedíronme comprobalo) que ardeu un transformador no mercado. Todos sabemos que os imprevistos existen, e hainos disculpables, máis a serie de cortes repetidos, repetitivos, que sufre a zona, fan que calquera incidencia que haxa pase a ser, en principio, outra consecuencia máis da desatención pagada que sufrimos.
Non, non foi o apagón de Nova Iorque do 77, con desórdenes e aumento de nacementos nove meses despois, senón un máis, esta vez, macro, e coma sempre, sen desorde, e contra a igrexa (con fodida, pero sen fillos...). Os xornais, polo menos en dixital, non poñen nada. E nota do concello, tampouco se ve na web, polo menos a estas horas...

Ningún comentario: