Páxina do arquivo. Sen ligazóns no corpo da páxina. E con datas erradas (polo momento) |
Nunha entrada rutinaria na web do concello para procura de información, onte, vino: a web estaba totalmente desarticulada. O motivo parece ser que era a ligazón á nova páxina de arquivo, que tamén o estaba.
Esta mañá xa está amañado, xa se poden ver as novas do concello, onte inaccesibles de xeito normal, e a nova páxina do arquivo tamén está visible e cunha presentación adecuada.
Aínda que non puiden estar o sábado para a presentación do arquivo dixitalizado, onte estimei moita precipitación na realización das páxinas, aínda que o seu amaño ven mellorar a miña consideración. Animo a usar a páxina do arquivo dixitalizado de Ribadeo, na que se pode atopar moita historia da nosa vila, e que supón un satélite máis á páxina principal do concello,
De calquera xeito, de primeiras, nótase aínda pequenos e non tan pequnenos detalles a mellorar. Por exemplo, non hai unha ligazón de retorno á páxina do concello (si hai posto o enderezo, pero sorprendentemente, sen ligazón), pertence a outro dominio e ten outra extensión, .org, que foi variada hai xa tempo na páxina principal a .gal, o tempo de carga é moi grande, ... pero son cousas menores. Algo maior, aínda que tamén doado de solventar, é que parece que se podan atopar actas no arquivo ata 2013, mais na páxina do concello faltan actas de 2015, e non hai ningunha de 2016 nin de 2017 nestes momentos. Claro que se tentas atopar actas tan próximas no arquivo, levas unha decepción: ó procurar con máis detalle, atópaste con que o das actas ata 2013 debe ser unha errata ou un desexo a acometer no futuro, pois non hai actas máis aló de 1729. Pero non é un caso único, pois se se comeza a mirar o 'cadro de clasificación' (rotulado no enderezo como 'cuadro', formato .pdf, sen ligazóns a outros lugares), hai moitas máis cousas das que aparecen en realidade na páxina html, (sen ligazóns tampouco, pero cunha subpáxina que si as ten), na que polo momento só hai o epígrafe 'actas', como xa dixen, ata o 1729.
Si está o 'andel do cronista oficial', que polo que parece, será unha especie de blog de Eduardo Gutiérrez (polo momento), complementario ás súas publicacións noutros lugares, e con necesidade dun repaso de formato.
Unha web que promete moito, pero que polo momento, está con esas promesas por diante e por cumprir. Tal parece, visto o descadre das páxinas que se observaba onte, que foi moi precipitada a presentación, e que pouco a pouco, polo menos os fondos documentais xa escaneados no taller irán aparecendo paseniñamente na nova web.
Ningún comentario:
Publicar un comentario