Esta semana que rematou deixou precintos do concello de Ribadeo a varios establecementos en funcionamento: os apartamentos Faro Isla Pancha e os clubes Carús e Kiss. Como me cadrou pasar por diante dun destes establecementos o sábado, e tiña curiosidade de coñecer como son os precintados e o que permiten ou non facer, parei tomar algunha foto.
Por se non se ve ben, neste caso, a máis do papel timbrado do concello e dun logotipo co escudo do Concello de Ribadeo, aparece 'PRECINTADO // MOTIVO: RESOLUCIÓN DA ALCALDÍA DE DATA 29 DE MAIO DE 2017 // EXPEDIENTE. 850 / 2017 // POLICÍA LOCAL. CONCELLO DE RIBADEO'
A posición do papel, protexido con plástico e pegado con cinta adhesiva transparente, di ás claras que é unha nota de aviso, pero que non impide nada nin da fe por rotura de que a porta non se abriu, pois está sobre unha folla e non entre as dúas.
Eu tiña unha idea máis próxima de precintar á que aparece no dicionario da RAG: "precintar
verbo transitivo
Pór precinto a [un paquete, porta, caixa etc.] para que non sexa aberto ou manipulado.
Os contadores da auga están precintados cun selo de chumbo.
CONFRONTAR selar
A policía precintou o local."
ou co que aporta para 'precinto' a RAE: "precinto
Del lat. praecinctus 'acción de ceñir'.
1. m. Ligadura o señal sellada con que se cierran cajones, baúles, fardos, paquetes, legajos, puertas, cajas fuertes, etc., con el fin de que no se abran sino cuando y por quien corresponda legalmente.
2. m. Acción y efecto de precintar.
"
Ningún comentario:
Publicar un comentario