20170601

Pleno especial sobre petición para a festa das Cruces

Hoxe. Si, este si estaba avisado por unha nova do concello. Dende hai tres días. Como non vou poder ir, pero é previsible (ver a nota de prensa embaixo) unanimidade e rapidez para pedir que a Romaría das Cruces sexa Festa de Interese Turístico de Galicia, unha pequena lembranza dun pleno ordinario, de 24 de marzo deste ano, onde se presentou unha moción relacionada coa festa.
E, unha lembranza máis: este luns, 5 de xuño de 2017, toca romaxe nas Cruces!
A continuación, a nota de prensa do concello:

A SESIÓN DARÁ COMEZO ÁS 20:30 HORAS
Romaxe das Cruces
30/05/2017
No pleno extraordinario que se celebrará este xoves, día 1 de xuño, someterase a aprobación unha proposta relativa á declaración de festa de interese turístico de Galicia para a Romaxe das Cruces que ten lugar e A Ponte (Arante). Asinan esta iniciativa a asociación de veciños O Formigueiro, o párroco, un historiador especialista na romaxe, a concelleira e a técnica de Turismo, e os voceiros municipais do PP, PSOE e Ciudadanos.
A concelleira de Turismo, Ana Martínez, lembrou que "esta é unha festa na que se celebra a vitoria dos veciños e das veciñas, a forza, a unión, de sete parroquias, ademais tamén esa unión de dous concellos, o de Ribadeo e o de Trabada, coas parroquias que participaron para defenderse ante o exército de Napoleón durante a guerra da Independencia, alá polo ano 1809. Falamos de máis de douscentos anos de antigüidade e case unha celebración ininterrompida, e iso ten valor porque precisamente os veciños, os verdadeiros artífices desa festa, son os que conseguen que siga estando aí, siga estando viva, siga mantendo a tradición, e eu creo que iso debería ser valorado dunha maneira bastante importante".
A edil nacionalista subliñou que "o interese non soamente está no turismo, eu creo que este é un interese que vai moito máis aló, é un lugar de interese patrimonial. Temos un santuario magnífico cunhas pinturas que non se poden atopar, únicas en Galicia. Temos historia, relixiosidade, o Camiño de Santiago pasando á súa beira, creo que o enclave é magnífico. Ademais despois de percorrer os diferentes santuarios que imos atopando desde Ribadeo ata A Ponte ao pé do Camiño de Santiago, chegar aquí é practicamente como quen chega a Compostela. Pode atoparse aí con algo magnífico e ademais eu creo que esa é a posta en valor que temos que ter".
A concelleira ribadense dixo que "a declaración da festa en si é importante, pero eu penso que debemos ir máis aló e poñer en valor todo o que supón, todo o que define ese culmen final de chegar á festa".
Ana Martínez quere "darlle as grazas a esa mesa que traballou para facer unha memoria relativa a todo isto. A mesa estivo composta pola asociación de veciños O Formigueiro, polo seu presidente Javier González, pola súa secretaria Azucena González, quen participou dunha maneira moi activa cando estaba de xerente comarcal en poñer en valor esta festa e a súa participación foi fundamental en canto á documentación e ao traballo para a elaboración da memoria. Quero darlle as grazas tamén ao párroco Carlos Trevín, que aportou información e traballo importante, a Emilio Piñeiroa, historiador e experto no santuario das Cruces e en todo o que conforma a propia celebración, á técnica de Turismo, a Begoña, que leva tempo traballando para conformar este traballo, e aos voceiros e voceiras dos grupos que formamos a Corporación Municipal".
A concelleira de Turismo declarou que "para min foi un luxo participar e consensuar unha proposta que desde logo non leva ningunha connotación política, simplemente é a posta en valor do noso territorio, do noso patrimonio, dos nosos veciños. Conseguir que isto teña nun futuro máis peso en canto a que desde as diferentes administracións teñan en conta a necesidade que hai de axudar a valorizar o propio santuario, de dar visibilidade a algo tan magnífico como son as pinturas que se atopan na propia capela. Creo que temos unha xoia no noso concello que está na Ponte de Arante, e desde logo con esta declaración de festa de interese turístico buscamos acender esa chispa que dea lugar a que se teña en conta o verdadeiro valor do que supón a Ponte de Arante. Polo tanto nesta semana, de maneira unánime e conxunta, levaremos a pleno a declaración e a petición de festa de interese turístico para a festa das Cruces, que se vai celebrar xa o vindeiro luns día 5".
A edil quere "convidar a que a xente acuda a ver ese bandeo de pendóns, esa convivencia entre as diferentes parroquias e os diferentes concellos como son Trabada e Ribadeo, na unión da propia Ponte de Arante. Fago este convite para vernos e xuntarnos todos o luns na Ponte de Arante".

Ningún comentario: