20170602

Unha liña de autobús esquecida

Queres subir o luns en autobús de liña á festa das Cruces?
Agora que se trata tanto da reodenación das liñas de autobús en Galicia, e onte tamén en Ribadeo da promoción da Romaxe das Cruces a Festa de Interese Turístico de Galicia...
Estou tratando de enterarme, pero non parece doado. As liñas de autobús na zona van sufrir un cambio, aproveitando as liñas de recollida de alumnado. Vale, non é a primeira vez que se fai, e xa sufriu algunha 'operación acordeón': deixar, non deixar, regular (=deixar con condicións)... Por idea, está ben.
Hai ao menos dúas cousas que considerar, e non sei como o van facer. A primeira, o horario. Non sei se vai producir unha diminución de horarios, ou só unha adaptación dalgúns, entre outras cuestións relativas. A outra, sobre a subvención. Tampouco teño moita idea de ata que punto unha subvención de liñas pode significar unha sinxela transferencia discriminatoria que poda favorecer favores ou favorecer sinxelamente a comunicación de zonas máis illadas. Dependerá da regulación, claro. Pero é que non está nada clara esa regulación.
A cousa é que temos un problema de comunicacións comunitarias por estrada nun momento no que as súas equivalentes por vía férrea prevén un futuro moi negro. Mesmo hai liñas esquecidas.
No mapa que o outro día traía a Voz de Galicia había unha liña dende Ribadeo que dubido que moitos ribadenses souberan interpretar nunha primeira ollada. Trátase da liña Ribadeo- Trabada. O seu recorrido, no mapa que deixo embaixo, 37 minutos en turismo, 50 minutos en autobús segundo o horario da empresa que se encarga, Eocar:
 Fai servizo nunha zona rural de ambos concellos, permitindo que a xente veña a Ribadeo á mañá (chegada ás 10:40, pon o seu horario) e retorne ó mediodía (sae de Ribadeo ás 13:00). Non sei se é ou non deficitaria, mais entendo que na súa actual configuración pénsase precisamente para permitir que o autobús que a cobre poda facer tamén o transporte escolar e así aumentar o rendemento económico. Supoño que será unha das que se integre no transporte escolar que ven a primeira hora para o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo Fierros, pero as liñas de transporte escolar, coa súa necesidade de malla cerrada e os menos de 500 m cacareados estes días como un logro pola administración como distancias máxima para acceder ó bus, fan que non sexa tan doado o facer unha previsión sen estar 'na cabeza' da administración: as posibilidades son múltiples, e posiblemente, na procura de rendemento económico, non demasiado boas. Mentres, a dispersa poboación de Galicia seguiremos a sufrir algunha consecuencia indesexada desa dispersión (difícil de xestionar e coido que moitas veces mal xestionada): un illamento crecente nun momento no que o transporte comunitario vai véndose máis e máis necesario en todo o mundo por cuestións ambientais, de recursos e de custes.
Sobre esta liña e outras mantidas pola mesma empresa:
Ribadeo e a racionalización do transporte (20151123)
Autobuses ás catedrais (20150626)
Servizo complementario (20100709)

Ningún comentario: