300 euros diarios. Segundo a nota de prensa do concello, ese é o éxito medio, cifrado en vendas, das casetas que participaron na IV edición da feira do libro de Ribadeo. 'Uns 10 000 €' entre 11 casetas, entre 3 días. Non sei a porcentaxe que lles queda ós libreiros, e polo tanto non podo xulgar se é un éxito como dí a nota de prensa (supoñamos unha porcentaxe de ganancia do 40% en cada libro, 120 € diarios) ou un fracaso (supoñamos un 5%, 15 € diarios). Tampouco teño moi claro como se botaron as contas, aínda que si que se arredondaron á alza.
De calquera xeito, a animación cultural que supón o conxunto de actos arredor da feira é un activo inmaterial a considerar. O mesmo que supón a ampliación en relación a anos anteriores (2014 -e aquí-, 2015, 2016 e a deste ano, 2017).
A feira supuxo de novo (xa o ano pasado deixou de ser no parque) o desprazamento da concentración motera dende o lugar típico usado nas concentracións dende o 2008 ó aparcamento, e xa teño escoitado voces a favor e en contra, dende que o parque non é lugar para motos, pasando polo ruído das actividades no aparcamento, ata que o aparcamento está lonxe da hostalería local o que é unha perda e falta de atracción para a concentración. 350 motos inscritas, logo por riba das 500 persoas, farían que, en termos estritamente económicos, o impacto de gasto para Ribadeo fora maior a partir de 20 €/px, tendo ademáis en conta que o impacto multiplicador de cada euro en Ribadeo sería superior. E tamén con actividades, se ben doutro tipo diferente.
500 m, distancia en liña recta entre o lugar do parque no que se facía a concentración de motos e o aparcamento, onde se fai.
Ningún comentario:
Publicar un comentario