20170701
De fogueiras e vaidades
De fogueiras e de vaidades (Ligazón á versión castelá)
Mellor caer en graza que ser gracioso. Esta expresión tense dito sempre de certo xeito, sorna, e no fondo certa incredulidade, por insostible a longo prazo, sabendo que a verdade estaba noutro lugar, o lugar do que sabería apezala. Pero se a vida fora tan sinxela como a aprendemos cando nenos, non teriamos que estar hoxe na procura das razóns que levan a uns ou ós outros a erguer exemplos de graza informativa e gardiáns de templos a dedo.
Sabemos do atractivo incomparable do empresariado, chamado a rescatar o mundo da súa propia mediocridade inmobilista, ese empresariado que rebenta os bancos a golpe de préstamos e surfea con graza a onda de subvencións para brilar cunha auréola de tempada alta ata que volta de novo o inverno. E esa ideoloxía de brillantina, moitas veces coa esperanza de vida dunha bengala no medio da Ría, é a que pretende levar o gato á auga. Hai que dicir, que ese prototipo cae moito en graza -seguindo co refrán- en certos medios de comunicación, os que cantan as excelencias do progreso segundo o cheo ata a bandeira dos hoteis ou catedralicio meses antes de que aconteza. Grazas a eses medios, soubemos de hoteis que se abrían, enchían, e reservaban con tanta antelación que, chegado o momento da verdade, precintábanse. E isto, que no mundo no que vivimos pode parecer unha frase con malas intencións, non é máis que a verdade núa, pero nesto, como en todo, asistimos a unha nova interpretación da ética baseada en valores estraños.
Que é o que prima aquí? Imos tentar explicalo. Vexamos, que é "Por nuestro faro"? Hai pouco puidemos ver publicada unha reclamación do colectivo, perfectamente lícita e baseada na legalidade máis básica, reducida a un ínfimo recadro no medio dunha colaxe inverosímil de noticias breves: obituarios, feridos e mortes en accidentes de tráfico, xornadas e seminarios. No titular non se podía mesmo nin ler o nome do colectivo. Pero se, ademais, dita reivindicación presétase na primeira liña como procedente dun grupo creado en internet (despois de dous anos de loita para ter información, comunicacións co Defensor del Pueblo, escritos ó alcalde e Puertos, organización de actos, reunións regulares, etc.), un turista un pouco despistado aínda podería pensar que "Por nuestro faro" é pouco máis ca unha aplicación para tablets.
Reclamar información, subliñar o ilegal, esixir que se cumpra a normativa vixente, non debería estar penado coa marxinación ou o desprezo informativo. Como non se debería vitimar ós que incumpren as normas, adicarlles páxinas de papel e espazo dixital, como se saltar as regras 'á torera' entrase dentro deste xogo do poderío en voga, e os demais tiveramos que cerrar o pico para deixar entrar ata o máis íntimo espazo do noso patrimonio ese progreso devastador que sen estudo de viabilidade, asegúrannos, será algo prodixioso. As proxeccións de futuro no trato do tema desafían por tempos os límites da lóxica. Coa mesma presenza que se suxire que dous apartamentos poden impulsar o turismo da rexión, as perdas causadas polo peche parecen que serán enormes. O que eu non daría para ver todos eses números.
Á marxe do que un medio decida estender como unha verdade inapelable, recoñeceremos que un empresario pódese facer moito daniño, se alguén, por breve que sexa, decide aplicar un pouco de presión chamada lei. Pero iso xa o sabíamos, certo? Ou non? Témome que non, e así o de sempre permítese en plena festa seguir a insultar ás nais dos membros deste grupo que suxire verdades, un xeito como calquera outro para celebrar a noite de San Xoán, quizais, para algúns, pero o que está claro é que non será a el ó que sacrifiquen na fogueira da información.
Covadonga Suárez, colectivo "Por nuestro faro"
Etiquetas:
Covadonga Suárez,
Illa Pancha,
Suso Fernández
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario