20170710

ESCUDO DE ARMAS DO PAZO DE GUIMARÁN E ESCUDOS DA IGREXA DE VILASELÁN. Francisco José Campos Dorado


Este magnífico Escudo de Armas do Pazo de Guimarán (foto 1, supra), está formado por unha pedra armeira central, rodeada de catro pedras de cantería totalmente talladas que conforman un espectacular conxunto. Está timbrado cun casco de fidalgo antigo con seis plumas, que segundo o Escudo da Cédula de Certificación de Fidalguía, Nobreza e Armas de D. Bernardo Rodríguez Arango e Mon (Arquivo Privado do Pazo de Guimarán) (foto 2, infra), teñen as cores: verde, vermello, azul, marelo, branco e púrpura. Os lados do casco están adornados con follas de carballo abertas e os flancos do escudo de pedra, con acantos volteados, mentres que no escudo do pergamiño son lambrequines, rodetes e xiras. No sostén presenta adornos simétricos de molduras e grimpolas ou bandeirolas, e no medio un adorno a modo de metopa, no que resalta mirando ó fronte, a cabeza dun doncel con rizos.

 Tanto o escudo en pedra do Pazo de Guimarán como o representado no papel pergamiño da Cédula de Fidalguía, firmada polo Rei de Armas D. Juan Alphonso de Guerra y Sandoval na coroada Vila de Madrid a nove de Xullo de 1740, así como, os dous escudos idénticos (foto 3, infra) que timbran os retablos laterais das capelas da Igrexa de Vilaselán, no lateral esquerdo o de Nosa Señora da Inmaculada Concepción, e no lateral dereito o retablo de Nosa Señora do Rosario; todos eles están cuartelados en catro e presentan as mesmas Armas, con algunhas diferenzas nos detalles e cores. Xeralmente este tipo de cuartelado en catro, úsase para representar as armas dos catro avós (dous avós e dúas avoas): 1º) apelido avó paterno; 2º) apelido avó materno; 3º) apelido avoa paterna; 4º) apelido avoa materna.
Segundo a Cédula de Fidalguía (CF en diante) os cuarteis representan os brasóns: 1º RODRIGUEZ; 2º ARANGO; 3º MURIAS e 4º MON. Por suposto, non somos ninguén para contradicir a literatura dunha Cédula de Fidalguía do século XVIII, firmada por un Rei de Armas e por múltiples testemuñas, pero engadiremos algún comentario baseándonos noutras descricións heráldicas.
Primeiro cuartel: segundo CF, son Armas do apelido RODRIGUEZ, Señor de Sanabria, Mestre da Orde e Cabaleiro de Santiago: (foto 2) “pintan por Armas, en campo de ouro tres barras verdes”. Segundo as normas Heráldicas son: “en campo de ouro tres faixas (en relevo no escudo de pedra) de sinople” (escudo CF). Estas faixas parecen tamén as Armas dos MESIA ou MESSIA, as cales xa vimos no cuarto cuartel do escudo da Casa Brasonada da Rúa Bispo Veres (tamén en La Comarca del Eo, 4-Xuño-2016), chamada Casa de Vior.
Mentres que nos escudos da Igrexa de Vilaselán os campos dos cuarteis son de ouro (dourados con pan de ouro) exactamente igual que aparecen na Cédula de Guimarán, os esmaltes ou cores das faixas son moi discutibles pois o artista parece que vernizou tódolos mobles ou figuras cunha sustancia que se “oxidou”, quedando todas dun cor pardo, tal, que non as deixa definir. Por isto as faixas poden corresponder as Armas de varios liñaxes, como o de D. Carlos ÁLVAREZ DE MON, que vivía en Ribadeo en 1794 (en campo de prata tres faixas de gules, e entre cada dúas faixas dous armiños de sable, os cales faltan neste brasón). Non descartamos que a liñaxe puidera ser dos BARREIRA, BARRERA ou “DE LA BARRERA” (en campo de prata tres faixas de gules) ou dos PARGA (en campo de azur tres faixas de ouro).
As faixas deste primeiro cuartel xunto coa aguia (dos AGUIAR ou dos PARDO) do terceiro cuartel, son Armas do brasón dos VILLAAMIL que tamén aparecen no Escudo da Rúa Antonio Otero (tamén en La Comarca del Eo, 16-Xullo-2016) e no terceiro cuartel do escudo dereito da Casa dos MIRANDA (tamén en La Comarca del Eo, 3-Decembro-2016). Segundo cuartel: segundo CF, corresponde á Familia ARANGO: (foto 2) “en campo de ouro un espiño de sinople con froito de estripeiras vermellas [cast., “majuelas rojas”], e dous lobos de sable (cor negro) lampasados de vermello (con lingua vermella de distinta cor que o corpo de sable), empinados o tronco, e unha orla de doce pezas: seis, en campo de azur, dentro unha estrela de ouro e as outras seis en campo de prata unha panela vermella. (Nota: o estripeiro [cast., espino majuelo]  é unha árbore delgada das rosáceas, de madeira dura, de ramas espiñosas, que produce un froito de baias redondas, tenras, carnosas de sabor doce e coloradas).
En Vilaselán (foto 3), os animais empinados no tronco dunha árbore “conífera”, son cabras, polo que poden ser armas dos PARDO das Terras de Ribadeo, frecuente brasón con árbores, así como, na zona asturiana (Blasones y Linajes de Galicia, J.S. Crespo del Pozo Volumen I, páx. 372). En campo de prata unha árbore de sinople (un freixo) terrasada do mesmo (có chan de sinople), acostada (acompañada en ámbolos dous flancos) de dúas cabras de sable (cor negro) empinadas ó tronco.
Estas Armas tamén poden verse no escudo dereito da fachada da Casa dos MIRANDA, na rúa Amando Pérez de Ribadeo, no primeiro cuartel semicortado e partido, na parte alta da partición esquerda vese unha árbore con dúas cabras empinadas coméndolle nas follas. Aquí parecen ser Armas dos SOTELO ou SOUTELO: en campo de prata, unha árbore de sinople (cor verde) e dúas cabras de sable (cor negro) empinadas no tronco. Este brasón pode falar do parentesco entre a familia ARANGO, coa de D. Ramón María MIRANDA E MON.
Por outro lado, no escudo de pedra da Casa de Guimarán, os animais empinados son lobos, polo que parecen Armas dos SOTELO ou SOUTELO, señores de Xunqueira De Ambía onde teñen solar e pazo (“O Libro da Heráldica Galega”, D. Luciano Fariña Couto, 2001). En campo de ouro, unha árbore frutada (con fruta) de sinople, terrasada do mesmo, acostada de dous lobos de sable empinados o tronco.
As Armas da liñaxe SOTELO, son confusas nos Nobiliarios, pois mentres os animais en campo de prata son cabras, en campo de ouro son lobos, e ás veces intercámbianse.
A bordura de ouro, cargada de seis panelas (follas de álamo) intercaladas entre seis estrelas de seis (Vilaselán) ou oito puntas (Guimarán) semellan as da bordura compostelán, pois este brasón e moi antigo, e pode referirse a familias asentadas no Porto de Ribadeo que era a entrada Norte por mar do Camiño de Santiago, e polo século XI, XII, XIII e máis en diante, as calas e praias de Guimarán, Porcillán e Cabanela, eran os desembarcadoiros naturais para calquera viaxeiro que chegara por mar, tanto de Francia como dos Países Baixos e Nórdicos ou de Inglaterra. Nembargante, segundo se explica na CF de Guimarán, de mediados do século XVIII, as panelas, significan que o cabaleiro brasonado estivo nunha sinalada vitoria, e as estrelas, a paz conseguida para a súa patria. Por outra banda, estas Armas de ARANGO difiren moito das que se atopan no Escudo da Aduana Vella (tamén en La Comarca del Eo, 16-Abril-2016) onde se representan no 4º cuartel con cinco corvos pousados pois derivan da liñaxe dos CUERVO que tiveron o señorío no val de Arango do concello asturiano de Pravia: “en campo de prata, seis corvos de sable (cor negro) postos de dous en dous”.
Terceiro cuartel: segundo CF, son Armas da Familia MURIAS, cuxa primeira noticia data de D. Álvaro Sánchez de Murias, que serviu a Fernando III “El Santo” (rei de 1230 a 1252) na conquista de Sevilla (1250) e a Afonso X “o Sabio” (rei de 1252 a 1284) na conquista de Xerez da Fronteira. As Armas, segundo CF: “en campo de ouro unha aguia de sable (negra) volante e rampante”. A esta breve descrición, nós engadimos, que a aguia mira á destra, e está linguada de gules (con lingua de cor vermella) e armada e picada de prata (con garras e pico de cor prata).
Tamén parece brasón dos AGUIAR, dos PARDO ou dos PARDO DE AGUIAR que xunto coas faixas do primeiro cuartel, son Armas, como xa vimos, do Escudo da rúa Antonio Otero, e do escudo dereito da Casa dos MIRANDA.
Cuarto cuartel: segundo CF, son Armas da Casa de MON: (foto 2) “en campo de ouro un carballo de sinople sobre terrasado natural, acompañado dun home armado que está asido cunha man a unha das ramas e dous cans atados o tronco con cadeas. (Nota: os cans están parados ou arrestados cara a sinistra, inmóbiles, de perfil e cos pés parellos dous a dous). Sobre o terrasado dúas espadas tendidas (Nota: espadas de cazoleta á destra e punta á sinistra) acompañadas dun brazo armado cunha daga empuñada, e está chorreando sangue. Orla de ouro dividida con perfil vermello e nela o “mote” (lema) seguinte con letras vermellas: ESTAS ARMAS Y BLASÓN SON DE LA CASA DE MON, COMO FUERTE LAS GANE Y ASÍ LAS DEFENDERÉ. Esta orla vese claramente nos escudos da Igrexa de Vilaselán (foto 4).
No escudo de pedra do Pazo de Guimarán vemos, ós pés da árbore, un brazo movente (como en movemento) armado cunha espada corta en posición de apuñalar cara abaixo; sinistrado de dous facheiros (soportes cónicos) tombados onde se poñían os fachos (antorchas) para alumar as estancias ou os corredores, e dos que saen dúas teas acesas con pequenas lapas de lume. Nos escudos da Igrexa de Vilaselán (foto 3) soamente está o brazo movente empuñando unha espada corta, pero non hai nin espadas, nin facheiros.
A descrición antedita, difire bastante coa explicada no brasonado do Padre D. José Crespo del Pozo (Blasones y Linajes de Galicia, volumen III, páx. 310): “en campo de ouro, unha árbore de sinople (cor verde), sobre terrasado do mesmo (sinople); no flanco destro un cabaleiro de “punta en branco” tronzando unha rama da árbore coa man sinistra, e movente do franco sinistro un brazo armado, empuñando unha espada de cazoleta, guarnecida de prata, en acción de cortar a man do cabaleiro dito. Do pé da árbore saen unhas chamas, de gules e ouro, e ao seu tronco están atados cunha corda dos cans afrontados (un fronte o outro), do seu cor, e asida o mesmo tronco, unha mao coa moneca ensanguentada. Ó lado sinistro da terrasa, outras dúas espadas, como a descrita, cruzadas e cravadas nela”. D. Bernardo Rodríguez de Arango y Mon, está claramente citado na Igrexa de Vilaselán, e verifica a súa proba de nobreza na Real Chancillería de Valladolid en Preito de Fidalguía de 1747 sendo veciño da feligresía de Santa María de Vilaselán, xurisdición de Ribadeo (Código ES.47186.ARCHV/ 8.10.4 //SALA DE HIJOSDALGO,CAJA 1106,2).



Segundo entramos na Igrexa de Vilaselán pola porta lateral de entrada, encontramos de fronte o retablo da Virxe das Dores, policromado en fondos azuis, morados e con múltiples molduras douradas, en cuxo centro se atopa a talla vestida da Virxe Dolorosa entre dúas columnas barrocas. Arriba un Cristo Crucificado do século XVIII, surmontado por unha gran concha de vieira. Detrás do Cristo Crucificado hai un fresco con fondo azul que representa, con gran profusión de edificios, a paisaxe dunha cidade que non recoñecemos, pero segundo nos di a nosa historiadora ribadense Dª Celia Castro, posiblemente sexa a representación idealizada da "Xerusalén Celeste", que é o que se sole poñer sempre detrás dos Crucificados pois aínda que as casas reproduzan unha cidade real, esta non se corresponde con ningunha concreta. É unha receita que normalmente se repite no arte, e da que podemos ver outro exemplo, detrás do Cristo Crucificado do retablo do Altar Maior da Igrexa Parroquial de Sta. María do Campo de Ribadeo. Sobre o propio altar, ó centro da predela do retablo, está o sagrario, e a ambos extremos atopamos dous “medallóns” coa lenda que alude a doazón aportada para facelo. Á esquerda, segundo se mira: “ESTE RETABLO MANDO HACER I PINTAR A SU COSTA I VOCACIÓN D. BERNARDO RODRIGUEZ ARANGO Y MON”, e á dereita: “Y Dª BERNARDA LUISA GONZALEZ SU MUJER VECINOS DE ESTA PARROQUIA”.
No centro do templo, hai outros dous retablos laterais. Segundo miramos ó altar maior, en cuxo centro se encontra a imaxe vestida da Virxe de Vilaselán, no lateral esquerdo está o retablo de Nosa Señora da Inmaculada Concepción, timbrado polo Escudo Brasonado do Pazo de Guimarán, que pertencía D. Bernardo Rodríguez Arango y Mon. No lateral dereito, está o retablo da Nosa Señora do Rosario, en cuxa parte superior hai un San Francisco e sobre el atopamos outro escudo coas Armas do Pazo de Guimarán, de idénticas características as do retablo esquerdo (Vilaselán, Aproximación Histórica, D. José María Rodríguez Díaz, páx.72)
Estes elegantes Escudos de Armas (foto 3) son de estilo español, feitos en madeira policromada, que pertence o patronazgo da Casa de Guimarán, quen doou os tres retablos laterais do templo. Ámbolos dous escudos están timbrados con celada de fidalgo antigo mirando á destra, un almete ou casco cerrado do século XVII, véndoselles tres grilletas da visera e burelete encristado. Os cascos, de cor cinabrio escuro, teñen feitura moi esférica e pulida que parecen indicar que son de aceiro templado, e están adornados con molduras a modo de lambrequines curtos. A ámbolos dous lados, levan soportes conformados por volutas de follas de acanto que alcanzan ata ambos cantóns do xefe.
A Capela do Pazo de Guimarán está dedicada a Virxe do Rosario de Chiquinquirá e a San Bernardo. Foi construída no ano 1740 por D. Bernardo Rodríguez Arango y Mon, e convertida en Oratorio privado en 1790, mediante un Breve Pontificio do Papa Pío VI a D. Ramón María de Miranda y Mon e a súa muller Dª María Josefa de Arango y Saco, que vivía con súa nai Dª Luísa Saco y Abraldes, viúva de D. Bernardo Felipe Rodríguez de Arango y Mon, fillo de D. Bernardo Rodríguez Arango y Mon, fundador do Pazo de Guimarán, e de Dª Bernarda Luisa.
A fundación de Vilaselán fíxose cumprindo os desexos do tío do fundador por liña materna, D. José Fernández de Murias y Mon, da Casa dos Fernández Murias e Mon de Vilanova dos Oscos. D. José morreu solteiro en Cádiz (6-Febreiro-1769) e deixou como herdeiro universal o seu sobriño D. Bernardo Rodríguez de Arango y Mon a quen lle correspondeu unha importante fortuna que tiña en Cádiz e en San Francisco de Quito (Ecuador) (Vilaselán, Aproximación Histórica, José María Rodríguez Díaz, páx. 100-101).
D. Bernardo emigrara a Perú de onde regresou rico. Era coñecido en Ribadeo como D. Bernardo “O Indiano”, posiblemente o primeiro Indiano de Ribadeo, e foi nomeado Alcalde de Honra de Ribadeo. Os Rodríguez Arango quixeron despachar contas en Cádiz en 1773, e foinas liquidar con plenos poderes o mordomo da Casa de Guimarán, D. Antonio Raimundo Ibañez. Cós 12 000 pesos das rendas gaditanas, que cobrou D. Raimundo, comprou unhas partidas de aceite de oliva que transportou en barco en ánforas de arxila ata Ribadeo, onde aínda se conserva unha ánfora daquelas no patio de Guimarán. Coas ganancias obtidas pola venta do aceite en Ribadeo, Ibañez, que parece ser gañou 12 000 pesos pois dobrou o capital invertido, empezou a labrarse a fortuna do futuro Marqués de Sargadelos... ¡Pero esa é outra historia!
Quero desde aquí, darlle as máis expresivas grazas a Dª María José Suárez García de Paredes, que tan amablemente dedicou toda unha tarde, a mostrarme os escudos, tapices e o precioso Pazo de Guimarán, e que tan profusamente me comentou algunha das súas lendarias historias, igualmente estender o agradecemento a D. Federico García de Paredes Moro quen me mostrou e me deixou copiar as Armas e parte da literatura da Cédula de Certificación de Fidalguía de D. Bernardo Rodríguez Arango, todas elas foron conversas e notas fundamentais que me serviron de base documental para este traballo.

Ningún comentario: