20170816

ESCUDO DE ARMAS DA CASA DE QUINTALONGA DE SANTALLA DE VILAOSENDE E ESCUDOS POLICROMADOS DA CAPELA DE SAN ROQUE DE RIBADEO. Francisco José Campos Dorado


Este Escudo de Armas está colocado na fachada oriental da Casa-Pazo de Quintalonga na parroquia de Santalla de Vilaosende. É un escudo con forma ovalada, medio partido e cortado, con bordura gravada de tal forma, que coincide a lenda có correspondente brasón de cada cuartel: “MONTENEGRO” (flanco destro, 1º cuartel)- EN LAS ARMAS Y EL BENCER LAMAS ES DE SOSTENER (rodea toda a partición baixa ou 3º cuartel)- BAAMONDE(S) (flanco sinistro, 2º cuartel). Este tipo de distribución dun escudo de armas cos brasóns das liñaxes familiares, soen estar distribuídas para representar: 1º) as armas do avó paterno; 2º) armas do avó materno, e as veces, as armas da avoa materna; 3º) as armas da avoa paterna.
A forma ovalada do escudo, como arma de defensa, foi usada polos antigos gregos, e na Heráldica española, é costume que a usen as damas e os eclesiásticos. Neste caso, ó estar timbrado cun casco de fidalgo, que só é admitido na regra Heráldica aos cabaleiros, debe corresponder o escudo familiar dunha dama. A viseira levantada ensinando tres grilletas, é a dun fidalgo de tres liñas paternas e maternas. O casco mostra un burelete adornado de catro plumas, e o adorno exterior consiste nunha cartela que soporta o escudo, asemellando volutas dun pergamiño nos soportes, e carece de adorno no sostén (pola parte baixa)
1º cuartel: unha “M” coroada das Armas dos MONTENEGRO (se tivera esmaltes sería: en campo de sinople, unha “M” de prata surmontada dunha coroa real de ouro)
2º cuartel: unha “M” coroada e rodeada de sete peixes das Armas dos BAAMONDE (se tivera esmaltes sería: en campo de azur, unha “M” de ouro, coroada do mesmo metal, bordura de gules con sete peixes de prata). Este brasón tamén o podemos ver no segundo cuartel do Escudo de Armas da Capela de Lourdes da Igrexa de Sta. María do Campode Ribadeo (tamén en La Comarca del Eo, 6-Maio-2017).
3º cuartel: esta partición baixa, presenta as Armas dos LAMAS, que son as mesmas que as do escudo exterior da Capela de San Roque (tamén en La Comarca del Eo, 30-Xullo-2016) coa advertencia de que están invertidas en xefe, as armas dos LUACES e dos DONIS. Neste escudo: 1º) son de DONIS (tres lises ben ordenadas); 2º) LUACES (cinco estrelas de seis puntas surmontadas por un crecente ranversado); 3º) LAMAS (cinco lapas de lume ou “llamas”). No escudo da Capela de San Roque: 1º) son de LUACES; 2º) DONIS e 3º) LAMAS.
As armas dos LUACES son as da Casa de Camarasa (en campo de azur, cinco estrelas de ouro surmontadas dun crecente ranversado de prata).
Na Internet, na páxina de “Xenealoxía.org. Investigando a HistoriaFamiliar en Galicia” e noutras varias fontes, atopamos a seguinte xenealoxía:
D. Pedro NUÑEZ (ou ÁLVAREZ) DE LAMAS BAAMONDE, que presenta Preito de Fidalguía na Real Chancillería de Valladolid no ano 1539 (Sala de Fidalgos, Caixa 1506,1), foi quen creou vínculo e maiorazgo dos bens da Casa de Quintalonga na parroquia de Santalla de Vilaosende do Concello de Ribadeo. A acta fundacional di que fixera moitos servizos, probablemente de armas, o emperador Carlos I de España e V de Alemaña (rei entre 1517-1556). D. Pedro casou con Dª Teresa RODRIGUEZ DE CORA E BAAMONDE, e faleceu sen descendencia, polo que seguiu a liña sucesoria seu irmán D. Lope ALVAREZ DE LAMAS BAAMONDE, que aparece empadroado como fidalgo nos padróns da parroquia de Sante concello de Trabada en 1580. Casou con Dª María DE LINARES. Tiveron por fillos a D. Fernando que faleceu en América en 1590 e a D. Rodrigo que herdou Quintalonga.
D. Rodrigo tivo por fillo a D. Gaspar LAMAS BAAMONDE que casou con Dª Catalina DEL BUSTO ANDRADE. (Nota: á vista desta xenealoxía, parece que no Escudo de Armas dos BUSTO, que explicaba no artigo “Casa brasonada da Rúa Viejo Pancho” (La Comarca del Eo, 24-Decembro-2016) o primeiro cuartel, parece ser, brasón dos ANDRADE). D. Gaspar e Dª. Catalina tiveron por fillo a D. Antonio Lamas Baamonde, Señor da Casa de Quintalonga de Vilaosende que casou con Dª. María MONTENEGRO SANJURJO, filla de D. Pedro NÚÑEZ DE MONTENEGRO SANJURJO e LANTOIRA e de Dª María de AGUIAR e PEDROSA. D. Antonio faleceu o 27-Marzo-1705.
D. Antonio e Dª María Montenegro, tiveron seis fillos: 1) D. Antonio de LAMAS E MONTENEGRO que casou con Dª. Isabel MENENDEZ DE NAVIA E VILLAAMIL, natural de Ribadeo, filla de D. Baltasar MENÉNDEZ DE NAVIA E VILLAAMIL e de Dª María de ESTRADA E MANRRIQUEZ.
2) D. Gaspar de Lamas Montenegro, foi cura reitor propio da freguesía de Cabarcos en 1722, é Comisario do Santo Oficio da Inquisición. Como nota interesante atopamos que D. Gaspar, sendo xa cura de Cabarcos, foi unha das testemuñas da voda de Dª María PARDO DE ULLOA E LOSADA (filla do Capitán D. Juan PARDO DE CELA E TABOADA e de Dª Antonia ULLOA LOSADA E VALLEDOR, seguramente os donos da Casa de Pumarín de S. Miguel de Reinante) que casou con D. Diego DEL BUSTO E VILLAAMIL (fillo de D. Domingo DEL BUSTO E VILLAAMIL e de Dª María DE SIERRA E OSORIO, seguramente veciños de Ribadeo) cuxo matrimonio se celebrou o 3-Xuño-1700 en San Miguel de Reinante (Libro Matrimonios Nº1 (1670-1738) Folio 175-V).
3) D. José de Lamas, que foi cura da freguesía de Santalla de Vilaosende. 4) Dª. María de Montenegro e Sanjurjo, foi monxa no convento de Santa Clara de Ribadeo, e pasou de monxa de velo branco a monxa de velo negro o 10-Outubro-1686. 5) Dª. Juana Marta de Lamas e Montenegro. Casou o 11-Decembro-1695 con D. Pedro Teodoro MIRANDA E SANJURJO. 6) D. Francisco de Lamas e Montenegro.
D. Antonio de LAMAS E MONTENEGRO (primoxénito de D. Antonio Lamas Baamonde e de Dª María Montenegro Sanjurjo), casou con Dª. Isabel MENENDEZ DE NAVIA E VILLAAMIL, e tiveron tres fillos: 1) D. José Antonio LAMAS E MENÉNDEZ, dono da Casa de Quintalonga onde faleceu o 1 de Xaneiro de 1755, que casou con D. Maria Luisa MOSCOSO E LEMOS (ver máis abaixo)
2) D. Gaspar Antonio de Lamas e Menéndez que casou con D.ª Micaela Rosa BUSTO E SIERRA e tiveron por filla a Dª. Maria Ignacia LAMAS E BUSTO que casou en Ribadeo, 11-Outubro-1745, con D. Jacìnto VALLEDOR PRESNO QUEIPO DE LLANO, fillo de D. García Francisco Valledor Presno e D.ª Melchora María Queipo de Llano.
3) D.ª Maria Francisca de Lamas, casou o 31 de xullo de 1707 con D. Francisco PLÁCIDO POSSE SAAVEDRA E VILLAR DE FRANCO, fillo de D. Roque Posse e Villar de Franco e D.ª Margarita Saavedra, rexedor perpetuo da cidade de Betanzos.
Hai un preito do ano 1722, na Real Chancillería de Valladolid que corrobora parte dos membros desta xenealoxía: Preito de D. José Antonio de Lamas Menéndez, veciño da freguesía de Santa Eulalia de Vilaosende, con D. Gaspar de Lamas Montenegro, cura de San Julián de Cabarcos, D. José Bernardo de Lamas, cura da freguesía de Santa Eulalia de Vilaosende, D. Pedro Teodoro de Miranda y Sanjurjo e súa muller Dª. Juana Marta de Lamas Montenegro, veciños da freguesía de Santa María de Conforto, posuidores e herdeiros dos bens que quedaron de D. Antonio de Lamas Bahamonde, sobre o pago de certos pesos de prata chegados de Indias como agregados ó vínculo que fundou D. Antonio de Lamas Bahamonde (Código de referencia: ES.47186.ARCHV/8.12.3.2//PL CIVILES,FERNANDO ALONSO (F),CAJA 2204,2)
Chegados a este punto, pasemos a estudar os ESCUDOS POLICROMADOS DA CAPELA DE SAN ROQUE, pois pertencen a esta familia, nas ramas familiares do maiorazgo desta capela.



Estes escudos están, un a cada lado, no alto do retablo do altar maior da Capela de San Roque. O escudo esquerdo, segundo miramos o altar (foto 2ª do artigo) é un escudo español cuartelado en catro, e obsérvese que a boca do escudo (o borde ou liña que delimita o interior ou campo), está formada por unha sarta de cinco deceas de contas dun rosario eclesiástico. A mesma característica ocorre no escudo dereito (foto 3ª). Isto parece indicar que ámbolos dous escudos pertencen a familias de relixiosos con nobreza de fidalgos. Non obstante, debemos notar que na Heráldica, os cascos son privativos da armería masculina, quedando excluídos para timbrar con el as armas das damas e do clero, polo que son escudos brasonados de familia (Tratado de Genealogía, Heráldica y Derecho Nobiliario, Curso de Licencia, Instituto Luis de Salazar y Castro –C.S.I.C- Madrid 1961, p.139)
O escudo esquerdo (foto 2ª) está timbrado cun casco de cabaleiro, pero non vemos que presente algunha das Armas dos señores que profesaban nas Ordes Militares que dependían da Igrexa, como: a Orde de Malta, á do Santo Sepulcro ou a Orde de Santiago. Estas Armas (cruces características de cada Orde) deberían estar acoladas ou sitas por detrás do escudo. Por isto, o escudo esquerdo debe ser o dun cabaleiro relacionado coa Igrexa ou cun abade que está baixo a xurisdición dun bispo ou dun arcebispo, e timbra as súas armas cun casco de Fidalgo, por ser o seu escudo familiar (como xa dixemos, os eclesiásticos nunca timbran o Escudo de Armas cun casco).
Escudo esquerdo, primeiro cuartel: parecen armas dos PARDO ou dos PARDO DE CELA (axadrezado de doce xaqueles en campo de gules, seis alzados: 1 central, 2, 1, 2, con tres ordes de contraveros de ouro e seis afundidos alternados). Estas armas xunto coa aguia dos terceiro cuartel, están falando dun matrimonio dos PARDO DE AGUIAR.
Segundo cuartel: en campo de azur, unha cabeza de lobo degolada de ouro, lampasada de gules. Esta cabeza de lobo está representada de forma moi expresiva, pois claramente se ven as gotas de sangre saíndo do corte da “decapitación”. Son armas dos MOSCOSO, con brisura nos esmaltes (con cambio da cor dos esmaltes), pois o brasón da primoxenitura dos MOSCOSO preséntase: en campo de ouro unha cabeza de lobo degolada de sable (de cor negro) lampasada de gules (coa lingua á vista e con esmalte de cor vermello, distinto á cor negro do resto da cabeza)
Terceiro cuartel: en campo de azur, unha aguia de ouro mirando a sinistra. Son armas dos AGUIAR, das máis primitivas da casa soar de Galicia, situada cerca de Lugo.
Cuarto cuartel: en campo de gules un castelo de oito ameas, con tres torres de ouro, a central de homenaxe de cinco ameas, donxonada (que ten outra menor sobre ela) e o todo acostado (acompañado en ambos flancos) con dúas torres de ouro, sobre ondas do mesmo metal. Parecen armas dos NOVOA que teñen parentesco desde moi antigo cos MOSCOSO.
Deste escudo dos MOSCOSO (foto 2) atopamos a xenealoxía na Casa de Quintalonga. Como arriba vimos, D. José Antonio Lamas Menéndez (f.1-Xaneiro-1755) dono da Casa de Quintalonga, estaba casado con Dª María Luisa Moscoso e Lemos. Tiveron por fillos a: 1) D. Luís LAMAS MOSCOSO (n.4-xullo-1734 en Santalla de Vilaosende). 2) D José Antonio Lamas Moscoso que casou coa súa prima irmá Dª Ignacia Lamas. 3) Dª Gertrudis Lamas Moscoso, nacida en Vilaosende que casou con D. Antonio VENTURA DE AGUIAR, natural de Ribadeo, e tiveron por filla a Dª Ramona Vicenta AGUIAR LAMAS E MOSCOSO, que casou o 1-Xuño-1785 co seu primo D. Antonio Jacinto POSSE VALLEDOR. 4) D. Vicente Antonio Lamas e Moscoso, nacido en Vilaosende, 17-Marzo-1730, Señor da Casa de Quintalonga, casou o 27-Decembro-1763 con Dª. María Josefa DE LA TORRE E PONTE, do Concello de Bergondo (A Coruña). Ela era filla de D. Cayetano Josef DE LA TORRE E ROMERO e de Dª. María Josefa DE PONTE VARELA E REYMONDEZ. Ambos da parroquia de Bergondo.
Un irmán de D. José Antonio Lamas Ménendez, D. Gaspar, casou con Dª. Micaela Rosa BUSTO E SIERRA, e tiveron por filla a Dª Maria Ignacia LAMAS E BUSTO que casou en Ribadeo o 11-Outubro-1745, con D. Jacìnto Valledor Presno y Queipo de Llano, fillo de D. García Francisco Valledor Presno e de Dª. Melchora Maria Queipo de Llano.
Por outro lado, o escudo da dereita segundo miramos para o retablo do altar maior (foto 4) é dos MENÉNDEZ NAVIA VILLAAMIL SIERRA Y FUERTES, cuartelado exactamente igual e cos mesmos mobles ou figuras que os escudos de armas de Ribadeo, da Casa do Patín e da casa patrucial de D. Baltasar e Dª Antonia (casa do antigo Comercio de Maseda), e igual que o da Casa do Outeiro de San Miguel de Reinante. Podemos ver a xenealoxía ata Dª. María Teresa LAMAS SANJURJO (1886-1970) casada con D. José Navarro Reverter, no artigo “Casa Brasonada do Parque de Ribadeo" (tamén en La Comarca del Eo, 21-Maio-2016)
Como sabemos polo testamento de 1668, explicado en “Escudos do AltarMaior de Santa María do Campo” (tamén en La Comarca del Eo, 4-Marzo-2017), D. Baltasar MENÉNDEZ NAVIA VILLAAMIL SIERRA Y FUERTES, fundador do maiorazgo da Capela de San Roque (Ribadeo Antiguo de Francisco Lanza (páx.259), era fillo de D. Sancho Menéndez Navia y Villaamil e de Dª Magdalena RODRIGUEZ DE SIERRA Y FUERTES naturais da vila de Navia. D. Baltasar casou con Dª Antonia de HESTRADA Y RÍO, filla de D.Francisco RODRIGUEZ DE RÍO e de Dª Antonia HESTRADA MANRIQUEZ veciños de Ribadeo.
O escudo (foto 2) tamén parece relacionado coa liñaxe da familia de Dª Antonia Estrada Manrique, descendente de D. Hernando Duque de Estrada, que tivo por filla a Dª Juana de ESTRADA MANRIQUE E MOSCOSO, irmá maior do Arzobispo de Sevilla, casada co capitán D. Sancho PARDO OSORIO, Cabaleiro de Santiago, General das Galeras de Indias, procedente da Casa PARDO DE VALLEDOR de Asturias e señor da Casa de Donlebún de Figueiras. Dª Juana viviu no século XVI pois fai doazón duns bens o 23-Agosto-1597, e tivo unha filla, Dª Francisca PARDO OSORIO Y ESTRADA que casou con D. Pedro BOLAÑO PIMENTEL, señor de Torés.
Un tío de Dª.Francisca, D. Juan PARDO OSORIO, falece en 1630 nun barco de guerra, pelexando contra dos holandeses (resumido: Blasones y Linajes de Galicia, J.S. Crespo del Pozo, Tomo II páx.395, e Tomo IV páx.127)
Este relato xenealóxico recompilado, en parte, na páxina de Internet “Xenealoxía.org. Investigando a Historia Familiar en Galicia”, non cabe dúbida de que é intricado de ler e quizais haberá que corrixilo nalgún punto. Pero dado o grado de interés que representan os enlaces matrimoniais e de parentesco entre as distintas Casas Brasonadas do Concello de Ribadeo, así como, entre os membros das familias fidalgas que hoxe son veciños que non dispoñen de Escudo de Armas nas súas casas, nunca me privo de facer unha recompilación o máis detallada e escrupulosa que me é posible, pois seguramente facilitará algún estudo posterior da Heráldica, Xenealoxía e Nobiliaria dos Escudos de Armas de Ribadeo, que sen dúbida, si queremos poñer en valor este riquísimo patrimonio, alguén terá que facer algún día, pois eu soamente o albisco, e intento “reflotar” ou aflorar á superficie un tema esquecido e apaixonante, que haberá que investigalo en toda a súa dimensión histórica, pois, sen dúbida, todos estes señores marcaron a maioría dos pasos de desenrolo económico e social daquel Ribadeo Antigo e moitos do Ribadeo actual.

Ningún comentario: