20170817

ESCUDO DE ARMAS DO PAZO-TORRE DE CEDOFEITA. Francisco José Campos Dorado


Este Escudo de Armas español en punta (foto 1) cuxa forma aparece en Galiza a primeiros do século XVI (O Libro da Heráldica Galega, D. Luciano Fariña Couto, Fundación Barrié de la Maza, 2001, páx.29), está tallado en madeira escura e colocado nun espazo rebaixado do paramento da Torre do Pazo, na fachada principal Sur ou do mediodía, na parte media, cara á dereita segundo se mira. É un escudo partido, que presenta na primeira partición, unha torre donxonada (unha torre sobre doutra) cun brazo armado empuñando unha espada núa (desenvaiñada) que sae do homenaxe (torre superior) e que apunta á sinistra. Este brazo empuñando unha espada saíndo do ameado, ou dunha fiestra ou do portón dunha torre, atópase en brasóns de varios liñaxes de Galiza: CID (saíndo do portón); INCLAN (saíndo dunha fiestra); PARDIÑAS (saíndo do ameado); RIESTRA (saíndo do ameado); ROUCO (saíndo do portón); e tamén aparece como parte dun dos brasóns dos HERNÁNDEZ de Castela.
 A segunda partición está cuartelada en cruz:
1º cuartel) Un león rampante mirando a destra.
2º cuartel) Cinco roeis ou cinco bezantes en sotuer (en aspa): dous en xefe, un central e dous en punta.
3º cuartel) Cinco roeis ou cinco bezantes igual dispostos que os do segundo cuartel (Nota: os bezantes e os roeis son figuras circulares que se distinguen en que os bezantes sempre son de metal: ouro ou prata, e os roeis son de cor: gules, sinople, azur, púrpura ou sable).
4º cuartel) Un león rampante mirando a destra, máis pequeniño, pero de igual disposición que o do primeiro cuartel.
Parecen Armas de QUINDÓS (1º e 4º, en campo de ouro un león rampante de gules; 2º e 3º, en campo de gules “oito” bezantes de prata colocados en dous paos de catro; neste brasón, cinco en aspa). Está timbrado cunha celada mirando a destra de fidalgo de tres liñas paternas e maternas (viseira levantada ensinando tres grilletas) e surmontada dun burelete adornado de seis plumas. Os adornos laterais da celada, así como, os dos flancos do escudo, consisten en volutas elegantemente talladas, e en punta, sostido por unha concha de vieira (de posible referencia ó Camiño de Santiago)

Á fachada Sur do Pazo-Torre (tamén coñecido en Cedofeita como a Casa Grande) accédese desde o exterior por un portón con grosa porta reforzada con cravos, que da a un patio interior de servizo á Torre, e a unha íntima e sinxela capela particular, onde se atopa no centro do retablo a imaxe da Virxe de Nosa Señora da Soedade da súa devoción, vestida cun manto de veludo negro, dentro dun fornelo acristalado rodeado de anxos e rematado na parte superior por un escudo perfilado de ouro (foto 2 arriba) timbrado con coroa real e brasonado en campo de azur coas Armas de Santa María: no centro o anagrama de María (letras MA entrelazadas) en gules, entre os símbolos da Paixón: en xefe, a coroa de espiñas en sinople, e en punta, os tres cravos da crucifixión de Xesús en gules, colocados, un central en pao ó que se unen inclinados por ambos lados os outros dous, tocándose coas puntas. Á esquerda do altar hai a imaxe dun Ecce Homo nun cadro en alto relevo e unha imaxe enteira da Virxe do Carme. Na meseta do propio altar, unha taboiña escrita (foto 2 abaixo) recorda a concesión que: “El Ilmo. Sr. D. Francisco Cuadrillero y la Mora del Consexo de S.M. Obispo y Sr. de la Ziudad de Mondoñedo, conzedió quarenta días de induljenzia, a todas las personas que rrezaren una Salbe delante de esta Santísima Himajen de Nuestra Sra. de la Soledad, Año de 1785”.
A situación do Escudo de Armas na fachada, nesa ampla cavidade feita á posta no muro, e que o material utilizado para construílo sexa madeira, parece darnos a entender que todo está preparado e pensado para que o escudo de madeira fora aloxado alí, por un período de tempo relativamente corto, resgardado da choiva torrencial e da inclemencia do tempo, antes de ser cambiado por un escudo de pedra. Estas características teñen unha lectura moi peculiar que vamos explicar facendo un pequeno resumo dunha lección desenrolada polo Barón de Cobos de Belchite.
Por un lado, explica o Barón de Cobos, un escudo heráldico, non é proba de nobreza do liñaxe que presenta, non embargante, por costume, un Escudo de Armas sempre é signo de Nobreza. E se un escudo, tallado en pedra de cantería, ornamenta a fachada dunha casona ou dun pazo ¿Quen é capaz de crer que os seus antigos moradores, non eran fidalgos coñecidos, incluso con certo anhelo de arrogancia que exteriorizaban no seu escudo? ¿Como se pode admitir, que en pequenos pobos (como Cedofeita, neste caso) o Estado Nobre (os fidalgos locais), e aínda a clase plebea, lle permitiran a un intruso calquera colocar un Escudo de Armas, insultante para moitos fidalgos, que si tiñan dereito a colocalo e, que por motivos de dificultade económica non o facían, e estaban empadroados no Estado Llano en vez de no Estado Nobre?. Por esta sinxela razón, tódalas pedras armeiras anteriores a 1830, poden considerarse proba secundaria ou complementaria de Nobreza.
Por outro lado, moitas veces os interesados en demostrar a súa nobreza, cando ó seu dereito lle conviña, poñían na súa casa un escudo de madeira, con carácter provisional, e entonces procedíase á denuncia por “posesión ilícita de Escudo de Armas” do Fiscal ante a Corte, por delito e indicio de infracción criminal das leis do Reino. Entón, a parte denunciada presentaba a proba ou probas documentais e testemuñais, remitindo as posesorias de Fidalguía por actos distintivos de baronía, tales como: cargos privativos dos Nobres nos Municipios onde había distinción de Estados, reputación, nome e emprego distinguidos, exención de alcabalas, goces de veciñanza, etc, e con elas a inspección ocular do solar coñecido e notorio dos Fidalgos, xa de sangue, xa de privilexio, brasóns antigos, etc. A toda esta documentación, contrapoñíase a aportada pola parte contraditoria, e á súa vista, ditábase Sentencia baixo as reservas ordinarias dos xuízos de propiedade plenaria. A Sentencia pasaba de ser, cousa xulgada, para sentar Executoria, posto que este Tribunal que xulgaba era Supremo e as súas decisións eran firmes e inapelables. Chegados a este momento, os fidalgos, eran absoltos da “denuncia de Escudo de Armas ilexítimo”, e xa podían usalo con plena liberdade, esculpíndoo en pedra nas súas casas ou pazos e ostentándoo publicamente en sepulturas, carruaxes, selos, tapices e alfaias (Apuntes de Nobiliaria y Nociones de Genealogía y Heráldica, Curso de Grado, Instituto Luís de Salazar y Castro –C.S.I.C.- Madrid 1960, Tema XII desenrolado polo Barón de Cobos de Belchite, páx. 188-189).
¿Que pasou para que os moradores do Pazo de Cedofeita non cambiaran o material do Escudo de Armas de madeira para pedra? Parece ser que o escudo, “foi posto alí por D. Diego Pertierra, e que antes puido estar nunha dependencia da fortaleza” (Fortalezas de Lugo y su Provincia, D. Manuel Vázquez Seijas, Tomo IV, páx. 92, Museo Provincial de Lugo, 1967)
Sabemos (ibidem, páx. 83 e Tomo III, páx. 88) que en 1202 o bispo mindoniense D. Paio de Cebeyra, cuxa sé bispal estaba establecida en Ribadeo, fixo unha permuta co rei Afonso IX, na que este lle deu todo o coto de Villaronte e o castelo de Portela a cambio do de Folgoso e das Terras de Ribadeo onde se comprendía o Coto de Cedofeita, Covelas, As Anzas, Vilela, Casal de Mon, Fuleirós e Pagadi, o coto de Sta. Eulalia da Devesa, Vilamariz, Cinxe, Piñeira e Vilaselán entre outras herdades (ibidem, Tomo III, páx.88) (Nota: todas estas posesións entregoullas o rei D. Afonso IX aos cidadáns e poboación de Ribadeo, reservando soamente para o bispado as primicias e diezmos, de tal forma que ó Concello de Ribadeo, xamais lle estivese permitido vender, pignorar -empeñar ou dar en prenda- conmutar, ou dar de outro modo as mencionadas herdades, a ningunha orde ou relixión, a non ser á sé ou ó bispo de Mondoñedo, nin tampouco ó bispo nin a igrexa, se lles permitía conceder encomenda, a non ser á propia sé ou o Concello de Ribadeo...) (ibidem Tomo III, páx.88-89) ¿Estará aínda vixente esta disposición de D. Afonso IX, de que ó Concello de Ribadeo: “xamais lle estivese permitido vender, empeñar, conmutar ou dar a outro...” o concernente á explotación da pequena herdade da Illa Pancha?
Os antecesores da liñaxe dos Cedofeita, remóntanse a D. Pedro de Cedofeita, abade do Mosteiro de Lourenzá, desde 1430-1462. D. Álvaro de Cedofeita, sobriño de D. Pedro que foi o seu sucesor, e que a gobernou ata 1471. En 1535 era dona do coto de Cedofeita, Dª Blanca RIBADENEIRA E PIMENTEL, muller de D. Antonio de TOVAR, señor do pazo fortaleza de Tovar en Canedo (Santo Tomé de Lourenzá) e xentil home do rei Carlos I. Súa filla Dª Brianda, casou con D. Fernán PÉREZ DE SEIXAS, señor da fortaleza de San Paio de Narla. Logo o Coto pasou a mans de D. Afonso ORDOÑEZ DE SEIXAS, e máis tarde, á liñaxe dos POUSADA de Mondoñedo. Un sacerdote desta familia vivía cunha sobriña e cun servinte chamado D. Diego PERTIERRA, quen se casou con ela a desgusto do tío. D. Diego era do Franco, Asturias, e quedoulle o Coto de Cedofeita pola herdanza da súa muller. Tiveron varios fillos, e un deles casouse cunha señora da familia GUZMAN, posiblemente da liñaxe de San Martín dos Oscos.
Segundo Real Carta Executoria de 6-Febreiro- 1738, D. Domingo Antonio García Pertierra, veciño de Cedofeita, orixinario de S. Pedro de Andés, Concello de Navia, presentou amparo de nobreza na Real Chancillería de Valladolid, facendo constar que seu pai D. Manuel García da Áspera, casado con Dª Dominga Alonso Pérez, era Fidalgo Notorio de Sangue, igual que o fora seu avó D. Domingo García de Santamarina, casado con Dª Teresa Álvarez, e máis ascendentes por liña recta de varón que vivirán na citada feligresía de S. Pedro de Andés. Non obstante, aqueles Homes-Bos, non lle quixeron dar o Estado de Nobreza por haberse pasado a vivir a Cedofeita. D. Domingo suplicáballes servisen despachar Real Provisión para que o Consello de Homes-Bos de Cedofeita, lle recoñecesen a nobreza que lle correspondía. Os Alcaldes dos Fidalgos, despacháronlle Real Provisión: “...que era público e notorio que estaban nos listados de fidalgos, os tales ascendentes, na parroquia de San Pedro de Andés: D. Pedro GARCÍA PERTIERRA en 1668, 1674, 1680, 1686, 1692 (Nota: os Padróns de Nobres, facíanse cada sesenio ou setenio); D. Domingo García Pertierra en 1704, 1710; D. Domingo GARCIA SANTAMARINA e seu irmán D. Antonio 1717, 1722; Manuel García 1731, 1737 e D. Domingo García. O 10-Novembro-1778 figura como veciño do coto de Cedofeita D. Diego PERTIERRA E RUBIÑOS. En 25-Decembro-1867 outórganse partixas dos bens de Dª Nicolasa CANCIO PERTIERRA viúva de D. Antonio GUZMAN E CANCIO, ao seu neto, inmediato sucesor, D. Ramón GUZMÁN E BERMÚDEZ.
En 1955, eran donos do Pazo-Torre de Cedofeita, D. Antonio Guzmán, que era Xuíz na Fonsagrada, e estaba casado con súa prima Dª Dominica Martínez Guzmán, a quen lle quedou o Pazo en usufruto ó quedar viúva. No ano 2000, era súa dona, Dª Valentina Guzmán Prieto, aveciñada en Ribadeo, que o herdara de seu pai D. Federico Guzmán, pois D. Antonio non tivo fillos e pasoulle a herdanza familiar ó seu irmán.
No Pazo de Cedofeita, a Torre non foi construída para ser fortaleza, se non que foi levantada, como varias outras na Galiza, como símbolo señorial de poderío e grandeza. Recordando a aqueles antigos señores nobres, sabemos que os irmáns fidalgos D. Juan “O Novo” e D. Gregorio de Cedofeita, sostiveron preitos de fidalguía na Real Chancillería de Valladolid, no ano 1538 (caixa 656,10) e no ano 1542 (caixa 143,4). Por isto, o Padre Crespo (Linajes y Blasones de Galicia, Volume II-páx. 320) opina que D. Juan de Cedofeita “O Vello” obtivo a executoria dos Reis Católicos. Os señores do Pazo de Cedofeita chegaron a verse tan poderosos e autónomos no seu señorío, que nos comezos do reinado de Sabela II (reina 1833-1868), xuntáronse cos señores do Pazo de Quintalonga de Vilaosende, e cós señores de Arante, Cubelas e Couxela, así como, cós veciños das súas respectivas parroquias, e constituíronse en concello independente do de Ribadeo, titulándoo Concello de Cedofeita con sé en Sante. A Xunta do Concello de Ribadeo tivo que terminar ameazándoos con mandarlles as tropas que había en Ribadeo para que se disolveran, pero un ano máis tarde, en 1864, solicitáronlle a súa pretensión directamente á raíña Sabela II, quen por Decreto Real, suprimiu os Concellos de Cedofeita e de Reinante (Ribadeo Antigo, Francisco Lanza, páx. 78). Cedofeita seguiu sendo do Concello de Ribadeo, e Reinante (San Miguel e Santiago) pasou a ser de Barreiros, pero... ¡esa é outra historia!
Desde aquí darlle as máis expresivas grazas á actual dona do Pazo, Dª Ana Suárez Guzmán, quen tivo a amabilidade e xentileza de pasarse unha tarde enteira ensinándome as particularidades da construción das diferentes estancias do pazo, das escaleiras da torre, da Capela e do grande e magnífico pombal da finca, así mesmo, grazas por relatarme as historias e vicisitudes do tan vetusto Pazo-Torre de Cedofeita.

Ningún comentario: