20170912
Escudos de Armas da antiga Fortaleza de Ribadeo. Francisco José Campos Dorado
A antiga Fortaleza de Ribadeo, que se encontraba onde hoxe se levanta a Torre dos Moreno, estaba formada por dúas torres, murallas e casas vivenda, descrita con todo luxo de detalles na inestimable obra, “Ribadeo Antiguo” de Francisco Lanza Álvarez (páx. 133-142). Nesta antiga edificación, había dous escudos xemelgos e acolados (que se arriman por un lado) (Fig.1) e que reproducimos aquí de dita obra, para clarexar mellor as explicacións deste artigo.
O primeiro acolado, mostra tres lises, que Francisco Lanza en páx. 135, di que: “segundo a Crónica, pertencían ó liñaxe do cabaleiro Lobesgue”, referíndose a Pierre Lobesgue de Villaines ou Pierre Le Begue de Villaines, primeiro Conde de Ribadeo, título que lle concedeu o rei Henrique II de Trastámara o 20 de Decembro de 1369, despois dos acontecementos de Montiel onde mataron, o seu medio irmán, o rei Pedro I “O Cruel”, quen fixera matar vilmente a Dª Leonor Núñez de Guzmán Ponce de León, mantida do rei Alfonso XI de Castela “O Xusticeiro”, e nai de Henrique II, cuarto dos dez fillos que tiveron xuntos, coñecidos como a familia Trastámara, cuxa dinastía reinou en Castela desde 1369 a 1504 en que faleceu Sabela a Católica.
Este dato, da orixe das tres lises, que aporta Francisco Lanza, non parece correcto pois segundo datos actuais da Gran Enciclopedia Gallega de D. Silverio Cañada, 1974 (Tomo XXVI, páx.213) a liñaxe de Pierre de Villaines represéntase co escudo da (Fig.3): en campo de prata (si é metal), ou ben, en campo en branco, liso e sen sinal (si é esmalte), tres leóns rampantes armados, de sable e ben ordenados (tres leóns levantados nas patas traseiras, de cor negro mirando á destra e coas garras de distinto esmalte, de gules, colocados dous en xefe e un en punta) e no franco-cuartel (cantón destro de honor) as armas de Castela e León, de Henrique II de Castela (rei 1369-1379), que cargan sobre o león do primeiro cantón. (Nota: ó ser un escudo estranxeiro, non sabemos si o campo é de prata ou de esmalte branco, ou ben, deixado en branco sen sinal algunha) (Ciencia del Blasón, D. Modesto Costa y Turell, ano 1858, páx.27)
O escudo das lises parece pertencer, ás Armas dos Borbón (Heráldica, Genealogía y Nobiliaria de Galicia, Tomo LIV, páx.362). ¿E como podían estar gravadas na antiga fortaleza de Ribadeo, que databa de finais do século XIV ou de primeiros do XV, as armas da Casa de Borbón, que como sabemos, esta dinastía de reis, chegou a España con D. Felipe de Anjou, neto de Luis XIV de Francia, e reinou no século XVIII co título de Felipe V (rei 1724-1746)?
As tres flores de lis da Casa de Borbón do rei Felipe V son as que aparecen no escusón do abismo ou do sobretodo do escudo actual de España, e parecen as mesmas lises gravadas na fortaleza de Ribadeo desde tan antigo, debido a que son as Armas de Dª Margarita de Borbón, filla do Duque de Borbón, que contraeu matrimonio o 24-Mayo-1433 en primeiras nupcias con D. Rodrigo de Villandrando (1378-1448) que desde o 22-Decembro-1431 foi o terceiro Conde de Ribadeo, título que lle outorgara o rei Xoán II de Castela (rei 1406-1454) ao que lle salvou a vida de ser asasinado en Toledo por parciais do infante Henrique de Aragón en 1431. Isto ocorría o día da Epifanía, polo que o rei lle firmou en Torrijos o curioso privilexio de darlle tódolos anos o traxe que usara ese día. Así mesmo, concédelle en Zamora, ese mesmo ano de 1431, o Condado de Ribadeo (Blasones y Linajes de Galicia, D. Jose Santiago Crespo del Pozo, Volumen V, páx.257) e cuxo título lle validou o 22-Abril-1435.
Na figura 2, vemos o Escudo de Armas de D. Rodrigo de Villandrando, timbrado coa coroa condal de Conde de Ribadeo. Descríbese como un escudo español, cuartelado en cruz: 1º e 4º) En campo de prata, un crecente tornado (coas puntas cara á destra) xaquelado de sable e ouro (semellando a cuadrícula dun taboleiro de xadrez en negro e ouro). En 2º e 3º) en campo de ouro tres faixas de azur. Bordura de azur, cargada con oito castelos de ouro.
D. Rodrigo foi un grandísimo, terrible e extraordinario cabaleiro, nacido en Illa, parroquia de Eutrimo (Ourense) que loitou o lado de Xoana de Arco contra Inglaterra ó servizo do rei Carlos VII de Francia, e cubriuse de gloria en Anthon ó derrotar ao Príncipe de Orange. Carlos VII nomeouno Chambelán (xentilhome distinguido que podía acompañar ao rei na súa cámara ou en actos públicos) e os ingleses concedéronlle a Orde da Xarreteira (Blasones y Linajes de Galicia, J.S. Crespo del Pozo, Volumen V, páx. 257). (Nota: a Orde da Xarreteira é unha das máis buscadas de Europa, fundada no ano 1335 por Eduardo III de Inglaterra. “Ciencia del Blasón”, D. Modesto Costa y Turell, ano 1858, páx. 396). É moi posible, que gracias a esta boa relación que tiña cos ingleses, lle pedira autorización a Juan II, para poder comerciar libremente por vía marítima con Inglaterra, e incluso que moito daquel comercio entrara por Ribadeo, pois daquela era vila de realengo, que exercía os seus foros, como competía ao seu estado e calidade...” (Ribadeo Antigo, páx.48-49)
Ó chegar aquí, preséntasenos unha ¿feble? dúbida. O escudo das tres lises, parece de certo das Armas dos Borbón, polo matrimonio de D. Rodrigo con Dª Margarita de Borbón, como vemos na bibliografía consultada, pero, facémonos a pregunta ¿porqué en vez de estar acolados os escudos de Borbón con Villandrando, que corresponden as Armas do matrimonio, están as de Borbón con Castela-León? ¿Estarán equivocados os razoamentos que se fixeron ata ó da aquí?. Vexamos outra teoría que nos xurde e que tamén puidera ser certa. D. Rodrigo pelexou en Francia o servizo do rei Carlos VII, e particularmente, o lado de Xoana de Arco (1412-1431) heroína militar, chamada a “Doncela de Orleáns”, pois ademais de outros enfrontamentos, gañou a batalla de Patay contra dos ingleses no sitio de Orleáns. ¿Non puideran ser as lises, as das Armas de Orleáns, como un recordo de D. Rodrigo cara a Xoana, a quen queimaron viva o 30-Maio-1431, na praza de Ruán, os 19 anos, pois foi acusada de herexía polos cregos, e sentenciada a morte polo Duque de Bedford?. Como vemos, as lises están acoladas as de Castela-León do rei Xoán II, ámbalas dúas son Armas e brasóns, das dignidades militares ás que serviu e defendeu D. Rodrigo, e ¿será por iso que as mandou acolar xuntas, como recordo de dúas inesquecibles accións guerreiras en combate, que o elevaron á clase alta da nobreza?. Visto desde esta perspectiva militar do cabaleiro D. Rodrigo, parece incluso máis lóxico o acolado Orleáns-Castela León, que Borbón-Castela León, aínda que estas tamén fagan referencia as dúas casas reais coas que D. Rodrigo tivo vínculos de sangue e de servizo, respectivamente. Pero sen outra documentación, quédanos apuntada a dúbida.
Quero facer notar aquí, para que conste, que o Condado de Ribadeo, é o título condal máis antigo que se conserva en España, contradicindo o que se di no libro, “Tratado de Genealogía, Heráldica y Derecho Nobiliario” (Curso de Licencia, Instituto Luís de Salazar y Castro -C.S.I.C.-, Madrid 1961, páx. 226): “el título condal más antiguo de los que hoy se conservan es el de Niebla, concedido por el Rey Don Enrique, el de las Mercedes, en el año 1371, a Don Juan Alfonso de Guzmán el Bueno, IV Señor de San Lúcar de Barrameda”. Como xa vimos, este mesmo rei, Don Enrique II de Trastámara “O das Mercedes”, xa lle concedera dous anos antes, en 1369, a Pierre de Villaines, o título de Conde de Ribadeo. Polo tanto, segundo isto o título de Conde de Ribadeo é máis antigo que o de Conde de Niebla.
Continuando có que íamos. Dª Margarita de Borbón falece no ano 1438 (Heráldica, Genealogía y Nobiliaria de Galicia, Tomo LIV, páx.362) e con ela, D. Rodrigo, tivo tres fillos: D. Carlos que se quedou en Francia, herdeiro dos bens por liña materna (parece ser que morreu novo), Dª Sabela e Dª María que se viñeron con D. Rodrigo para España cando o chamaron para entrar ó servizo do rei Xoán II de Castela. Dª Sabela casou con D. Lorenzo de Figueroa, primeiro Conde de A Coruña, e Dª María foi relixiosa no convento de San Quirce de Valladolid.
D. Rodrigo de Villandrando casou en segundas nupcias, polo ano 1440, con Dª Beatriz de Zúñiga, filla de D. Diego López de Zúñiga ou de Estúñiga, II Señor de Monterrey e Xustiza Maior de Castela e de Dª Elvira de Biedma, que entre outros títulos, era Señora de Ribera e do Coto de Bermuid, e dos estados de Limia e de Monterrey (“Rodrigo de Villandrando Conde de Ribadeo”, Benito Pereira Domínguez, ano 2000, páx.127-128. Edicións Glifos). Con Dª Beatriz tivo dous fillos: D. Pedro e Dª Mariana. A D. Pedro como primoxénito, deixoulle tódolos bens, seguindo a costume da nobreza, e foi o cuarto Conde de Ribadeo por herdanza de seu pai, e cuxo privilexio lle foi confirmado polos Reis Católicos o 20 Marzo de 1484. Estivo casado con Dª Leonor Rodríguez, coa que non tivo descendencia. D. Pedro, testou en 1516, en favor de súa irmá, Dª Mariana de Villandrando e Zúñiga, que herdou o título de Condesa de Ribadeo (Heráldica, Genealogía y Nobiliaria de Galicia, Tomo LIV, páx.363). Si D. Pedro foi o cuarto Conde, Dª Mariana, tería que ser a quinta Condesa de Ribadeo, pero segundo Francisco Lanza (páx.58) o título de Conde, D. Pedro, deixoullo o seu sobriño, D. Diego (fillo de Dª Mariana).
Chegados a este apartado de Dª Mariana, hai unha verdadeira confusión xenealóxica, pois dependendo da fonte en que bebamos, nos saen a relucir señores distintos, case co mesmo nome. Creo que todas estas xenealoxías embarulladas fixéronse a posta e de forma interesada para tapar, si é que puideran, os feitos fraudulentos que se desenrolaron en contra das Terras de Ribadeo e dos privilexios que tiña o Condado, que de forma moi elegante, pero sen pelos na lingua, denuncia Francisco Lanza Álvarez no Ribadeo Antiguo. Vexamos a que nos estamos a referir.
1) No Ribadeo Antiguo (páx.58), dise que D. Pedro de Villandrando, deixou o condado ao seu sobriño, D. Diego Gómez de Sarmiento, primeiro Conde de Salinas. Como veremos, este D. Diego, 1º conde de Salinas, non é seu sobriño, se non seu cuñado, e si llo deixou a seu sobriño, este é o 2º Conde de Salinas e non o primeiro.
2) Na obra, “Heráldica, Genealogía y Nobiliaria de Galicia” (Tomo LIV, páx.363) din que Dª Mariana casou con D. Diego Gómez de Sarmiento, 2º Conde de Salinas, pois o 1º Conde de Salinas foi seu pai D. Diego Sarmiento e Mendoza, desde o ano 1470.
3) Na obra “Blasones y Linajes de Galicia” (J.S. Crespo del Pozo, Volumen V, páx. 258) dise que D. Rodrigo de Villandrando, do segundo matrimonio con Dª Beatriz, tivo por fillo a D. Rodrigo de Villandrando y Estúñiga, 2º Conde de Ribadeo (cousa que non é certa, pois si seu pai era xa o 3º Conde de Ribadeo, seu fillo tivo que ser o 4º, e por certo, tampouco se chamaba Rodrigo, se non, Pedro Villandrando e Zúñiga). O título pasou a D. Diego Gómez Sarmiento (polo tanto 5º Conde de Ribadeo e non ó 3º como frei J. Crespo apunta) fillo de Dª Mariana de Villandrando que estaba casada con D. Diego Gómez Sarmiento. Aquí dinnos que D. Diego, chamado 3º Conde de Ribadeo foi 2º Conde de Salinas, por tanto, quen foi 1º Conde de Salinas, foi seu pai que estaba casado con Dª Mariana. Dato que para min é o máis lóxico, pois consultado o “Dicionario Heráldico y Nobiliario de Fernando González-Doria” (páx.218) o título de Conde Salinas, foi concedido por D. Henrique IV de Castela, en 1470, a D. Diego Gómez Sarmiento y Mendoza. Este apelido Mendoza, ten que ser do marido de Dª Mariana, pois os apelidos do seu fillo D. Diego, serán, Gómez Sarmiento de Villandrando e Zúñiga.
Vemos que no apartado 2) D. Diego Gómez de Sarmiento, marido de Dª Mariana é o 2º Conde Salinas, cousa que contradí o apartado 3), pois baixo o noso punto de vista, o marido de Dª Mariana é D. Diego Gómez Sarmiento y Mendoza, o 1º Conde Salinas.
Por outra banda, si lemos a xenealoxía do libriño “Los Trajes del Rey” 1878-1975 (Casa das Letras, Fundación Caixa Galicia, Xullo 2007, páx. 16) a confusión aumenta, pois Dª Mariana (chamada nesta obra, Dª María) cásase có seu tío segundo D. Pedro Ruiz Sarmiento e o seu primoxénito Diego Pérez Sarmiento de Villandrando, cásase con Dª María de Ulloa, cuxo fillo de ámbolos dous, D. Diego Gómez Sarmiento y Villandrando foi o 4º Conde de Ribadeo (dato non certo, pois D. Rodrigo era o 3º Conde, seu fillo o 4º, súa irmá a 5ª, pois “(ella) se convirtiera en la segunda titular del que, según las cuentas oficiales de la corona castellana, era un nuevo condado ribadense” (ibidem, páx.16) polo tanto, e por este camiño, seu fillo era o 6º Conde de Ribadeo.
Pero os datos confusos, non só están na secuencia dos Condes de Ribadeo, que tamén, se non na numeración dos Condes de Salinas, que neste caso, para min é máis relevante o dato de quen foi o 1º e o 2ª Conde de Salinas, pois este “personaje”, como amablemente Francisco Lanza lle chama a este tipo (Ribadeo Antiguo, páx.59), vendeu impunemente as Terras da Pobra de Navia entrerríos Eo-Navia, usurpando os dereitos e conculcando a propiedade das Terras de Ribadeo. ¿Que amaños e chanchullos deberon levarse a acabo para vender en 8500 ducados ditas terras e servidumes? Todos os que fixeron falta.
A escritura de compra-venta firmouse no ano 1551, en Medina del Campo (¡o lado da casa!) estando representado o Conde de Ribadeo (polo tanto estaba “desaparecido” do acto), polo Alcalde Maior, Barco Martínez, que ninguén sabe de onde veu, pero algo nos esclarece sobre a súa orixe, o tema “Los Alcaldes” (Ribadeo Antiguo, páx.78-79) onde se nos di que o Alcalde: “prestaba juramento por Dios y sobre la señal de la cruz, prometiendo hacer bien y fielmente su oficio...” “...Pese a tanta obligación, a tanta promesa y a tanto juramento, los alcaldes -(eran) criados de los condes, extraños casi siempre al país, desconocedores del idioma, usos y costumbres de la tierra que venían a gobernar- apenas hicieron otra cosa que usurpar los derechos y conculcar las libertades tradicionales de Ribadeo, siempre, claro está, en beneficio propio y para mayor gloria y provecho de sus amos” (ibidem, páx.80).
Francisco Lanza (páx.58-59) dinos que o último Conde de Ribadeo que tamén foi Señor da Pobla de Navia, foi D. Diego Gómez de Sarmiento ¿Mendoza ou Villandrando?.
Polas datas da compravenda (1551) tivo que ser Villandrando, e así o confirman na obra “Los Trajes del Rey” (páx. 16).
A venta que fixo este personaxe, Diego Gómez Sarmiento de Villandrando, como arriba vimos, fillo de Dª Mariana, 6º Conde de Ribadeo e 2º Conde Salinas, fixo modificar os lindes do señorío de Ribadeo, pero ¿como é posible que a venta de parte dun señorío, de un señor para outro, fixera cambiar os dominios do Reino de Galiza, e as fronteiras civís e eclesiásticas, pasando a ser o río Eo e a Ría de Ribadeo, fronteira nobiliaria (entre o Reino de Galiza e o Principado de Asturias) e fronteira eclesiástica entre a dioceses de Mondoñedo e a de Oviedo ou entre os conventus Lucensis e o convento Asturicensi?.
A mediados do século XII, debido a “deslealdade e cobiza de algúns bispos” perdeu a Mitra mindoniense o concello de Reboredo (orixe do de Castropol), ou terras inter-fluviales Navia-Eo, que pasaron a ser da mitra oventense (Ribadeo Antigo, páx.64). A pesar das liortas e “arreglos” bispais, as Terras de Ribadeo seguiron nomeándose como tales, durante todo o señorío dos condes, pois a estes pertencía a Pobra de Navia, que eran esas mesmas terras, o que fixo incorrer en notables erros a “moitos dos que escribiron sobre as antigüidades do noso país” (ibidem), pois “Ribadeo non pertenceu nunca a dioceses de Oviedo, nin ó señorío dos seus bispos, e estes, polo tanto, nada tiveron que dar nin que emendar” (ibidem, páx.65).
Pero ¿tiña no ano 1551, aquel personaxe D. Diego, Conde de Ribadeo e Conde Salinas, algunha base para alegar que vendía as Terras Eo-Navia, “porque estaba cansado dos obstáculos que sempre lle poñían os seus revoltosos vasallos...”. Si, había moitas bases ben orquestradas por Preitos Civís, que estaban a litigar arreo, os señores de Navia, polos impostos e diezmos da entrada de sal que tiñan que pagarlle ó Conde Ribadeo, por cada descarga naquel porto. No século XV, Castela estaba desangrada economicamente polas guerras continuas contra dos árabes. Tiña que sacar cartos de onde fora, e aumentaba os impostos de tódolos produtos comerciais. Un dos máis rendibles, era o imposto do sal, pois era a materia prima imprescindible para conservar os alimentos de carne e de pescado, para conservar as peles dos animais, antes de curtilas, e outros moitos usos. O sal era comercializado en grandes cantidades por vía marítima, e no Mar Cantábrico a Ría de Ribadeo era un dos portos de descarga de sal por excelencia, cuxos impostos cobraba o Conde de Ribadeo. Pero en Navia, tamén se descargaban pequenas cantidades de sal, das que tiñan que pagarlle os impostos ao Conde de Ribadeo, e pagar impostos nunca lle gustou pagalos a ninguén, e ós señores comerciantes, tampouco.
Na Real Chancillería de Valladolid hai varios preitos sobre este tema, dos que destacamos: 1) Preito dos anos 1502 e 1503, do Concello, xustiza e rexemento de Navia, contra D. Pedro de Villandrando, Conde de Ribadeo e de Navia. Sobre Petición do concello de Navia para que D. Pedro de Villandrando, señor de dita vila non os perturbe no dereito que teñen do sal e vendela na mesma (Ref. ES.47186.ARCHV/ 8.12.7.6 // PL.CIVILES, PÉREZ ALONSO (F),CAJA 302,2.).
2) Preito entre os anos 1539–1557, de xustiza e rexemento do Concello de Castropol, contra do Concello, xustiza e rexemento de Ribadeo e contra D. Diego Gómez Sarmiento y de Villandrando, conde de Salinas e de Ribadeo, reclamando a execución dunha carta executoria que se pronunciaba sobre o diezmo das mercadorías que se cargaban e descargaban no Porto de Ribadeo, sobre o diezmo da sal e sobre o dereito dos navíos pequenos a cargar e descargar libremente no porto de Castropol. (Ref. ES.47186.ARCHV/8.12.3.2//PL CIVILES,FERNANDO ALONSO (F),CAJA 1275,1/1276,1)
Aquel “arranxo” bispal do século XII, en contra dos intereses de Ribadeo, foi corrixido e aumentado por dito Conde, D. Diego, en 1551, e por D. Juan de Grijalba, xuíz da comisión que en 1580, veu resolver o preito dos límites e xurisdición das vilas de Ribadeo e Castropol, que sostiveron D. Sancho Méndez por Castropol, e por Ribadeo o Alcalde Maior, o “moi magnífico señor” D. Xulián de Carranza, o cal, lendo entre liñas (ibidem páx.66) era un “moi vendido sinvergüenza”.
Pero os Condes de Ribadeo, a parte de non facer nada polo Concello nin polo pobo de Ribadeo, excepto cobrar rendas (non moi elevadas), si tomaron como si foran da súa propiedade privada algunhas posesións, como a Fortaleza, que outro dos condes de Riabdeo, pertencente a Casa de Hijar e o Ducado de Alba, vendeu aos irmáns Moreno, entremediando no trato o “excelsa” Banca de Casas, para destruír a Fortaleza de Ribadeo, e construír a Torre dos Moreno. E pregúntome eu, a día de hoxe ¿non poderían haber construído os Moreno, a mesma torre noutra parte do Campo de San Francisco, sen necesidade de destruír aquela magnífica torre medieval, do século XIV primeiros do XV? Si, seguro que había outro sitio onde facela, pero cando se xuntan caciques e cartos, fanse cacicadas e estas vense o cabo dun tempo, nas desfeitas realizadas polas súas mentes avarentas, cobizosas e sen vergoña.
Outro exemplo da incultura en Historia das institucións correspondentes da Xunta de Galicia e da municipalidade do Concello de Ribadeo, e a denominación do espazo da Biosfera, “Oscos-Río Eo e Terras de Burón” que desde Setembro de 2011, campa polas Terras de Ribadeo e de Miranda, chegando xa os Irmandiños, ou sexa, A Devesa, os límites do Oeste do municipio de Ribadeo (xa conquistaron o Este, agora van por todo), denunciado por min en dous artigos “Buronlandia” (La Comarca del Eo 1-Outubro-2011) e “Buronlandia (II) a un Juan Sen Nome” (ibidem, 12-Novembro-211) ¿Canto queda para empezaren a referirse a posesión de Santiago e de S. Miguel de Reinante? Eu creo que a este ritmo, cincuenta anos, non máis.
Pobre Ribadeo, que tes que pelexar polas túas pertenzas, tódolos días do ano, e como nos descoidemos, xa verás como a “Illa Pancha” vai pasar, gracias as manobras de Portos de Galicia, de ben público a pasar a ser alugada para ben privado, e dentro de pouco a ser do Arquipélago Británico... ¡non por nada! Pero os ingleses teñen moitas posibilidades de reivindicar incluso o Condado, pois como D. Rodrigo de Villandrando pertencía a Orde da Xarreteira, quizais “por tradición dos privilexios concedidos ao Conde de Ribadeo...”. ¡Xa veremos, pero hai xente para todo...!
Etiquetas:
historia,
Pancho Campos,
torre dos Moreno
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario