20170928

PLENO BALEIRO : PREGUNTA SEN RESPOSTA. Colectivo 'Por nuestro Faro'


   No Pleno Municipal do pasado 21 de Setembro  a concelleira do PSOE Dna. Aurora González preguntou ao Sr. Alcalde pola sua resposta ao informe do Defensor del Pueblo recibido o 22 de agosto. Nese informe o Defensor del Pueblo ratificouse no emitido o día 16 de febreiro de 2017 no que xa se tivera pronunciado sobre a falla do informe de non afeccion a Rede Natura 2000 no expediente que conduciu a concesión da illa Pancha para dous apartamentos turísticos e posterior licencia de obras outorgada polo Concello. Compre suliñar que, no seu primeiro documento do 16 de febreiro, o Defensor suxería a paralización das obras ata que se subsanasen as deficiencias detectadas, pero Concello, Xunta e Puertos fixeron caso omiso, abrironse os apartamentos, e volveron pecharse por outras deficiencias, pero o informe cuxa carencia denunciou o Defensor segue sen aparecer. Compre lembrar que xa no pleno do 23 de Marzo de 2017 a mesma concelleira preguntou polo mesmo asunto con referencia á comunicación do Defensor do 16 de febreiro sen conquerir máis que evasivas, chegando o alcalde a afirmar que o Defensor podía ser un incompetente.
   A resposta do pasado 21 de setembro poderíase calificar de alucinante se non andivesemos por terreos xa moi pisados: o Sr. Alcalde volta a acubillarse á defensiva baixo o tópico de que  as  licencias son actividades regradas, cousa que ninguén lle discute nen lle preguntou, a pregunta é qué fai o Concello cando se lle advirte que falta un informe preceptivo e vinculante dado que esa carencia cuestiona a legalidade de todo o proceso que remata na concesión da licencia. E aquí, como hai seis meses, non hai resposta coherente senon simples evasivas: que o Defensor é un simple consultor sen competencias executivas, en última instancia que a sua opinion é de inferior calidade que a dos servizos xurídicos da Autoridade Portuaria, que ademáis de ser a promotora do programa “Faros de España” goza do privilexio da infalibilidade según criterio do Sr. Alcalde de Ribadeo. En fin, o Sr. Alcalde pretende convencernos de que mirar para outro lado ou ponerse de perfil non son decisións políticas pero non nos explica por qué consultou ao Defensor cando foi o asunto das luces da ponte. Ao mellor non se sabía daquela que só era un consultor intrascendente. Para rematar, a imaxe que da o Sr. Alcalde de Ribadeo é a de quen non pode xustificar a súa politica contraditoria, esvaída, partidaria de privatizar o noso patrimonio e, sí, unha vez ao ano ir contemplar como voan os paxariños, foto promocional incluida.
Colectivo “Por nuestro faro”

Ningún comentario: