Coido que non esaxero ó dicir que a instauración dun centro comercial no Vilar cambiou 'para sempre' o comercio de Ribadeo e influiu de xeito decisivo no futuro da vila. Para ben, mal ou regular, iso é outro tema, pero a importancia é innegable.
E xa ten algo de historia. Cando se abriu, a comunicación coa rotonda do Voar foi a clave da súa comunicación. Logo veu a cesion da travesía de Fomento ó concello e a realización da nova rotonda coincidindo coa apertura de Lidl, que se veu a sumar a Bricoking, compartiu rotonda cunha grande superficie de capital chinés, engaidu Decathlon (agora Koodza) e Merkal, viu xurdir despois en lugar próximo un Mercadona, á distancia que permite ADMotos, Hiperauto e Puerta Norte... desprazando o centro comercial de Ribadeo.
Pero isa é a historia 'visible'. Resulta que primeiro instalado, Eroski, vendeu ó pouco o local que seguiu xestionando. Non sei cantas persoas no pobo se enteraron, pero coido que non demasiadas. O comprador de local e terreo foi un fondo de inversións, Tristan Capital, inglés, e dentro do que cabe, cunha certa transparencia sobre os seus negocios, de xeito que ata aparece na wikipedia en inglés, asignándolle un monto de inversións duns 7500 millóns de euros.
Logo de tempo, veu a venda de Eroski a Vegalsa, claro, non do edificio, que xa estaba vendido, senón da tenda en si e da xestión. Foi Vegalsa a que puxo os cartos para a reforma que sufriu, pero a propiedade de terreo e edificio seguía a ser inglesa. Agora, unha compañía chipriota, MDSR investments LTD, da que non atopei páxina web directa nin máis referencias doutro tipo, mercou por 149 millóns de euros un paquete que inclúe a propiedade inmobiliaria no Vilar. Di algunha nota de prensa que a compañía é israelí, pero parece que aínda que poda ser de capital israelí, a nivel legal, non o é. E mentres as novas se trasladan polos círculos iniciados, aquí rematamos de enterarnos que Vegalsa, compañía con sede en galicia, opera nunhas instalacións inmobiliarias de propiedade chipriota e situadas en Ribadeo.
Polo momento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario