20170926

Reme, 36 anos de abandono dunha leitería

   Entérome pola prensa que a leitería de Reme está a punto para o derribo.
    Deixou de funcionar hai 36 anos, no 1981, e xa hai dez que se acusou o mal estado das instalacións antes xestionadas por Kraft e agora pertencentes a Industrias Lácteas Asturianas, ILAs, con base en Anleo, Navia, e filial de Reny-Picot.
A leitería de Reme, fotografada no 2014 por Google.
    Dende que parou de funcionar, conha plantilla daquela de 49 persoas, a fábrica foi máis ou menos baleirada de canto tivera utilidade, saqueada, usada como parede para artistas gráficos afeizoados ou diana para lanzadores de pedras, pero os edificios e algunha cousa de menor utilidade ou máis difícil de saquear aínda queda en pé, como se pode observar na captura de Google de 2014 que deixo arriba.
    A súa situación ó pé do Río Pequeno, visible en toda unha ampla curva da LU-133, fai que a súa existencia e deterioro non pasen desapercibidos.
Datos catastrais da zona centrada na leitería.
    Agora afróntase o seu 'desmantelamento e demolición' nunha zona protexida que contribuiu a que estes dez anos foran pasando, aínda que o expediente está aberto só dende o 2015.
    No seu momento coñecíaa 'todo o mundo'. Hoxe hai moita xente en Ribadeo que non sabe onde está nin que son 'esas ruínas'.
   Por certo, que na zona houbo outra leitería, esta de tipo cooperativo, Mondigoleite, preto de A Ponte de Arante, que funcionou nun curto período a finais dos 80 do pasado século, nunha nave que hoxe é taller de automóbiles. Potencia e riqueza leiteira doutros tempos, non de hoxe.
Imaxe centrada na antiga Mondigoleite, co Santuario das Virtudes na parte superior esquerda.

Ningún comentario: