Estou oíndo chover antes de amencer. Que non chova torrencialmente para evitar que a terra queimada vaia parar ós ríos é a pregaria de hoxe. A de antonte era para evitar as mortes e o terreo queimado. Pero onte non había pregaria, senón noite a mediodía, luces acesas nas casas e nos coches para poder ver sabendo que o Sol estaba no máis alto do ceo, nubes cargadas de cinza que facían o efecto dunha eclipse, dunha luz fantasmal que sabía a eucalipto queimado mentras as novas seguían achegando que os incendios estaban controlados, pero non extintos. O frío non era intenso, só un entretempo que non obstante contrastaba co agobio de temperatura do día anterior, propio doutros lugares, non de Ribadeo. Un entretempo apagado que metía o medo no corpo, o medo ó futuro.
Si, hoxe a situación xa está normalizada. A auga apaga o lume. A temperatura é de outono. Galicia non é unha encendida Galifornia. Tal parece que nos podamos esquecer xa das mortes, dos eucaliptus, do cambio climático, dos incendiarios, da falta de medios ordenada, da erosión do terreo, das cidades ardendo, do cheire a eucalipto na penumbra. Xa non fai falta que poñamos medios, que cambiemos a ordenación do noso terreo, que tentemos un decrecemento ordeado evitando contaminación e efecto invernadoiro, que... Non, hoxe voltará Cataluña, coas súas empresas marchando cara ó poder central, esquecendo que de aquí levan marchando moito tempo. Ou Venezuela, que alí hai moita perda de liberdade da oposición, como se aquí o título de lei mordaza fora un conto. Ou a emigración perversa, tratándose de inmigración pero variando a palabra porque xa estamos afeitos a ver como marchan os nosos na procura dun futuro mellor.
Mentres, podemos quedar parados, voltar a facer vida normal, o cambio climático non vai connosco, a política para os políticos, que máis nos da o que faigan nos montes se nós non temos monte (ben, si, unha leira pequena que non vale para nada), cada quen que se apañe.
E resulta que nós temos dificultades para apañarnos, e sabemos que aqueles veciños poden apañarse ben, pero aqueles outros non teñen recursos para apañarse, nin ben nin mal, pero podemos seguir a discutir de calquera cousa, mentres poidamos poñernos de perfil.
Comezaba hoxe falando de pregarias. É cousa de lembrarse do refraneiro: a deus rogando, e co mazo dando.
Onte tomáronse e publicáronse moitas fotos da negrura a mediodía, a media tarde. As que veñen a continuación só son unha testemuña máis dun ceo que ás veces deixaba ver o espectro da luz apagada a unha beira e as tebras a outra. As tres fotos seguintes están tomadas entre as catro e media e as cinco e media da tarde dun día de comezo de outono, onte.
A seguinte só foi un belo aviso, ceo vermello o día anterior, de que o Sol comezaba a ser filtrado:
Un par de artigos para saber de lume:
http://lapoesiadelconocimiento.blogspot.com.es/2017/10/tienes-fuego.html
'Fuego, mentiras y plantaciones de eucalipto' en ctxt
Ningún comentario:
Publicar un comentario