A nota de prensa do Concello:
CON GRUPOS DE FIGUEIRAS, FOZ E A ESTRADA
Mostra de Teatro Afeccinado
04/10/2017
Mati, viúva de Daniel Cortezón, e Farruco, concelleiro de Cultura, na presentación. |
A Concellaría de Cultura presentou hoxe a XIV Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, que se celebrará do 6 ao 8 de outubro. As representacións serán no Teatro ás 20:30 horas, agás o domingo que será ás 19:30.
A mostra comezará o venres coa representación da Asociación de Mayores Cristo del Buen Viaje, de Figueiras, que porá en escena a obra titulada A trastada. O grupo de teatro O Batán, de Cangas de Foz, presentará o sábado Bicos de vinagre, e Disfunción Continua, de A Estrada, o domingo Departamento de selección. Na presentación celebrada hoxe no salón de plenos do Concello de Ribadeo, o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, estivo acompañado da viúva do dramaturgo ribadense Daniel Cortezón, Mati González.
O edil ribadense dixo que "con moito orgullo presentamos a décimo cuarta edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón. Son xa catorce anos desenvolvendo esta actividade que nos permite dar a coñecer o teatro que se fai pola nosa contorna e tamén por grupos que veñen de máis lonxe".
Graña sinalou que "nesta décimo cuarta edición que vai ser este venres, este sábado e este domingo, poderemos ver a representación dun grupo de teatro duns veciños nosos das Figueiras, é o grupo da Asociación de Mayores Cristo del Buen Viaje e vainos representar A trastada. Como ben pode verse a través do título é un conxunto de trastadas que fai a personaxe principal da obra e que é unha comedia que pode endulzarnos ben a tarde do venres, e poderemos pasalo moi ben ás oito e media no Teatro de Ribadeo. Imos ver como os nosos veciños doutro lado da ría fan teatro igual que eles veñen aquí outras veces e ven cómo nós facemos teatro. O importante é intercambiar e ver a xente distinta que fai teatro".
O concelleiro de Cultura engadiu que "o sábado, tamén no Teatro ás oito e media, o grupo de teatro O Batán, de Cangas de Foz, visítanos. É outro grupo de teatro de aquí cerca, xa da Mariña luguesa, que vai representar Bicos de vinagre. Combina un pouco comedia e algo de traxedia, pero nun formato un pouco distinto ao do venres".
Farruco Graña subliñou que "o domingo tamén no Teatro, pero ás sete e media, porque o grupo que nos visita ven desde A Estrada e pediron que puidera ser un pouco antes a representación teatral. Disfunción Continua representará Departamento de selección. É o reflexo da vida mesma, a xente buscando traballo que ten que pasar por un grupo de selección e que se ve sometida a unha serie de probas. É unha metáfora da vida mesma, as dificultades que nos mostra o día a día, os momentos doces e algún sabor cómico, pero tamén momentos dramáticos e que reflicten un pouco a condición humana. Diso trátase a fin de contas o teatro, de reflectir a condición humana, en clave de humor, en clave traxicómica, noutras ocasións en clave de traxedia".
O concelleiro ribadense declarou que "en Ribadeo sempre estamos abertos e abertas a ver e a facer teatro, a aprender dos demais e a mostrar aos demais o que sabemos facer. Así que convido a toda a veciñanza do propio concello de Ribadeo e dos concellos limítrofes a ver e a asistir ás representacións teatrais da décimo cuarta edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón".
Pola súa banda a viúva do dramaturgo ribadense Daniel Cortezón, Mati González, quixo "animar á xente a que acuda a esta mostra. Xa van catorce edicións e creo que xa ten unha traxectoria moi importante. Gustaríame que fora moita xente e sobre todo especialmente que a xente do grupo de teatro de Ribadeo acudira para opinar, valorar e ver aos distintos grupos de teatro afeccionado que temos en Galicia e neste caso tamén na parte de Asturias".
Ningún comentario:
Publicar un comentario