20171110

A Mariña, nun fóra de área

Como se nun partido de fútbol se tratara. Con esa tranquilidade e como se esa fora a consecuencia, a Mariña está a perder o partido coa área sanitaria. Agora, lévanse os historiais médicos en papel a Lugo. Sen dixitalizalos na súa totalidade. Algún haberá que traer de Lugo para algunha consulta... sempre será preferible a levar o paciente a Lugo, non? A Mariña está cada vez máis dependente, e iso non é bó.
A semana pasada, Feijoo dicía nos Foros de Debate en Ribadeo (segundo os xornais), ó ser preguntado sobre a sanidade na nosa comarca «Me remito aos feitos», en alusión á ampliación do hospital, prometida hai máis dunha década e só executada en parte despois de dar servizo mesmo en contedores. Por certo, as obras de ampliación son a desculpa para o traslado de expedientes: vai usarse o espazo para outra cousa, tendo como consecuencia algo non previsto hai unha década. E por certo, que casualidade, os datos persoais dos pacientes van ser xestionados -en Lugo- por unha empresa privada. Ou sexa, non só dependencia, senón un pouquiño máis de privatización. A remisión ós feitos está clara: cada vez menos autonomía, menos servizo público e máis privado, máis dependencia de Lugo e non só levando médicos de Burela, senón levando enfermos a Lugo. Mentres, a dixitalización total será 'o próximo ano' en caso de que se faga, pois non sería a primeira promesa de gardar historial que non se cumpriu: aí está a destrución de placas pese á promesa de dixitalización.
E o persoal?  'A outra cousa, bolboreta'!, e menos ampliación para as novas necesidades despois da 'ampliación'.
Mentres, séguese a protestar pola centralización sanitaria en Lugo todos os mércores ás 12 da mañá no centro de saúde de Ribadeo, entre outros puntos.
Protesta no Centro de Saúde de Ribadeo, este mércores
 Pódense alegar motivos de eficiencia ('rendemento dunha labor', como se fai, sexa ou non certo), pero non de eficacia ('que en conxunto, da o resultado esperado' aínda que se tente confundir as verbas e mesmo nos dicionarios xeralistas se faga) e menos aínda de consideración humana do servizo. "Non á supresión da área sanitaria da Mariña".

Ningún comentario: