20171128
ESCUDO DE ARMAS DA CASA DE GARCÍA DE VILANDRIZ (A DEVESA). Francisco José Campos Dorado
Esta pedra armeira (foto 1, supra), re-debuxada para mellor vela, está labrada en mármore branco listado de baixa resistencia á abrasión, que non aguantou ben a intemperie e esvaeceu ós seus mobles e elementos ornamentais, ademais de haber sufrido golpes de diversas ferramentas cando se fixeron obras de remodelación e caleado da fachada da casa o largo dos séculos, o que desfigurou particularmente a labra da parte central.
Segundo podemos ver, este brasón, consta dun pequeno escudo español, cuxo ámbito está perfilado por unha bordura que toma, aproximadamente, a décima parte da súa latitude. Está timbrado cunha cruz cadrada, que bifurca o brazo vertical na parte baixa, facendo a figura dunha cruz de áncora, cuxos extremos sobre pasan ambos cantóns do xefe. O adorno exterior en ámbolos dous flancos é tan amplo, ao largo e ancho, como o propio escudo, e na parte alta presenta a ambos lados un adorno de plumas en cuxo centro resaltan unhas formas de “V” baleiras (rañuradas) concéntricas unhas a outras máis pequenas, que parecen querer representar o candelabro do Templo de Xerusalén, tal como aparece nunha fiestra románica abocinada da Capela da Virxe do Camiño (foto 2, infra), do que nos falaba en “Templarios na Vilavella” o noso tan recordado lingüista, historiador e veciño José Mª Rodríguez Díaz, en Xullo-2016.
En ámbolos dous flancos dos soportes, un bocel curvado (unha moldura convexa con perfil de media caña que se vai curvando para formar debuxos) encerra algo así, como tres plumas rectas punta abaixo, posible reminiscencia das alas de anxos (en adoración, como as do escudo actual da Deputación de Lugo) ou plumas da figura heráldica dun “grifo” ou animal fabuloso con medio corpo de aguia e medio corpo inferior de león, ou quizais queiran representar raios de luz ou lapas de lume que se desprenden como un resplandor, do propio campo do escudo. Na parte baixa o adorno forma dúas amplas “S” case simétricas, por oposición a un eixe central vertical, que rematan o brasón de forma sinxela, arte austero e harmónica composición.
Na parte alta da cartela está escrita unha lenda: “VIVA IHS MA...(símbolo de letras entrelazadas de SANTA MARIA, similares ás do escudo da capela do Pazo de Cedofeita, tamén en La Comarca del Eo, 5-Agosto-2017) R I...” (a parte final está ilexible debido a un pegón de cemento) o que quer dicir: “VIVA JESUCRISTO SANTA MARIA R I...”. Na parte inferior da cartela pódemos ler a data: “ANO DE 1755”. Estes símbolos “IHS”, en cuxo centro da asta da “H” hai unha pequena cruz, e MA tamén podemos velos na antiga casa de Cacabelos de Abaixo, que data do ano 1759, e que describimos no artigo “Escudo da Casa de Cristos” (tamén en La Comarca del Eo, 14-Xuño-2016). Non sabemos si tiveron relación os primixenios propietarios destas casas, pois carecemos de calquera documentación, de ámbalas dúas que nos puidera axudar a descifrar a analoxía. O dono da Casa de García, D. Antonio García Álvarez, a quen desde aquí lle dou as grazas pola súa atención, me explica que a súa casa, antigamente, era coñecida como a “Casa do Artilleiro”, pois quizás algún antepasado seu, serviu na Arma de Artillería, pero sen coñecer nin cando, nin onde, nin en que circunstancias, o que, parece non ter nada que ver con este brasón fincado na fachada da súa casa.
No campo do Escudo brasonado, preséntase en xefe unha cruz patada (de brazos ensanchados), perfilada e de catro brazos baleiros (rañurados) que a fan resaltar no contorno e no centro. Ao redor da cruz aparece un círculo gravado, que a circunscribe en parte, polo que o conxunto puidera ser a representación dunha Sagrada Forma dentro dunha custodia, ou peza de metal nobre, onde se expón o Santísimo Sacramento á pública veneración. A mala conservación en que se encontra o brasón, non permite interpretar a parte baixa do campo, pois está moi desgastada, practicamente desaparecida e indescifrable, aínda que en faixa central, aparecen como dúas letras, moi borrosas que semellan ser “M” e “O”, a ámbolos dous flancos do que debera ser un cáliz ou figura central, polo que dá a entender algunha relación coa provincia de Mondoñedo, pero esta interpretación pode ser moi discutible, pois non se distingue o copón ou o cáliz, sobre o que estaría a Sagrada Forma, como ocorre no Escudo de Armas da Cidade de Mondoñedo.
Porén, parece ter que ver coa custodia ou o cáliz do Escudo de Armas do Reino de Galiza, pois como se explica nun folletín informativo da Xunta sobre o “Fogar de Breogán”, Galicia, “Galice” en francés, ten similitude fonética (homofonía) coa voz “calice” ou cáliz, por isto aparece no armorial inglés de Segar’s Roll, do ano 1282, un Escudo de Armas de Galiza con forma triangular redondeada (clásica forma francesa que influíu no deseño heráldico inglés e algo no español) e no campo, tres copóns ben ordenados (dous en xefe e un en punta). No século XVI incorpóranselle seis cruces os flancos, en pau tres e tres. Mais tarde reinterprétanse as Armas do Reino de Galiza, como a exposición permanente do Santísimo Sacramento da catedral de Lugo, privilexio do século XVI, relacionado có Concilio de Trento (1545-1563), e o copón transfórmase en cáliz coa Hostia, e ás veces, en custodia barroca tal como aparece nos selos da obra “Armas y Triunfos, Hechos Heroicos de los Hijos de Galicia” do Padre Mestre da Orde de San Agostiño, Frei Felipe de la Gándara do ano 1653. Pero para que este brasón da Casa de García representara, na data en que foi gravado, unha copia do Escudo do Reino de Galiza, tería que ter nunha bordura, ou nunha cinta de divisa, a lenda: “HOC MYSTERIUM FIRMITER PROFITEMUR”, o que significa: “Cremos de firme neste misterio de fe”, que foi engadido polo padre F. Ojea no seu mapa de Galiza do ano 1612, moi anterior a este brasón do 1755, polo que pensamos que este brasón da Casa de García, é persoal de algún abade ou prior, ou dalgunha delegación ou oficina xurisdicional do bispado ou dunha orde relixiosa.
A casa, segundo me comenta un veciño, era dunha condesa, cuxo nome non sabemos, e logo pasou a ser propiedade dun abade chamado “Mauro” que dependía da Abadía de San Xulián de Samos. Este mosteiro medieval, fundado no século VI, por Martiño de Dumio, pasou a rexerse no século X, baixo a regra de San Bieito, e no século XII sumouse a reforma cluniacense. O mosteiro foi colexio de Teoloxía e Filosofía e era parada importante no Camiño de Santiago pois tiña hospedería, e posuía duascentas vilas e quiñentos lugares, o que nos dá a entender da súa gran relevancia. ¿Era esta Casa de García unha desas propiedades que servía de descanso ós peregrinos do Camiño de Santiago, ou era simplemente a casa dun abade, “Mauro”, encargado dalgunha encomenda?.
Pero quizais, polo que nos mostra o brasón, tamén puidera ser que fora propiedade dun xesuíta da Compañía de Xesús (Societas Iesu), orde relixiosa da Igrexa Católica, fundada o 15 de Agosto de 1534 por San Ignacio de Loyola, e cuxo selo distintivo consta das letras IHS (Iesus Hominum Salvator: Xesús Salvador do xénero Humano) surmontadas por unha cruz cravada na asta da “H”, e acompañadas por Tres Cravos que simbolizan a Paixón e Morte de Xesús de Nazaret, e o todo, rodeado dun sol de trinta e dous raios, alternando un recto e outro ondulado. Este disco solar, fai referencia á Resurrección e á Ascensión do Señor, así como, é unha alusión evidente ó dogma do Santísimo Sacramento da Liturxia Católica e, de forma particular, alude á Congregación Xesuítica (https://es.wikipedia.org/wiki/Compañía_de_Jesús#Símbolos). O remate dos brazos desta cruz potenzada con triángulos, como si fora feita con cravos, presenta a mesma forma que a cruz que se atopa no lintel da porta principal da Igrexa de San Roque de Vilandriz, moi preto desta Casa de García (Escudo de Armas da Capela da Virxe do Camiño –particularidades-, tamén en La Comarca del Eo 24-Xuño-2017).
Carecemos de calquera documentación expresa que nos puidera guiar, polo que trataremos de contextualizar a época do escudo, para albiscar algo máis da súa probable historia. Na documentación escrita medieval do século XIII, xa consta este asentamento de Vilandriz xunto có de Cinxe: “...as nosas herdades que nos auemos... en Cinge e Vilaldris...” (E.Cal Pardo, Estudios Mindonienses 9, 1993), pero o seu topónimo é moito máis antigo, pois refírese á “Vila de Andericus”, nome da casa de campo e do seu propietario xermánico, posiblemente un suevo do século V ou do VI, como ocorre co nome de Vilamariz (Vila de Malaricus), de Vilaframil (Vila de Fraamir), de Vilausende (Vila de Ausendus ou de Adosindus) (José María Rodríguez Díaz, “Estudio sobre Toponimia de Ribadeo”, 2007). Os suevos nesta parte da Gallaecia asentaron no século V e VI como señores de grandes propiedades, ás que, có paso do tempo, pasaron a ser as parroquias cristiáns, máis menos da extensión territorial de hoxe, e a maioría delas neste caso, pertencentes o Mosteiro de San Salvador de Lourenzá, con aforamentos en grandes fincas de señoríos e patronatos que no ano 1763, no reinado de Carlos III (rei 1759-1788) comezou a liberalización de bens do excedente agrario de propietarios eclesiásticos principalmente, para garantirlles ós campesiños a continuidade na posesión das terras que cultivaban e polas que pagaban un foro. A desamortización de Mendizabal de 1836 e a Lei Madoz ou Xeral de Desamortización de 1855, estableceu a redención dos foros, que aínda sendo favorable os campesiños, estes non puideron adquirir as propiedades por carecer de liquidez e, salvo raras excepcións, estiveron ausentes nas poxas polas terras, o que deu lugar, a que aquelas propiedades da igrexa, inmobilizadas, chamadas “terras de maos mortas”, foron a parar a maos de altos cargos, comerciantes burgueses, profesionais acomodados e fidalgos, normalmente alleos o mundo rural e aos que, os campesiños agro-gandeiros tiveron que seguir pagando rendas moi elevadas, respecto do rendemento produtivo que tiñan, o cal, foi un proceso escravizante para a xente do campo galego que seguía ancorada nun sistema laboral anticuado, e en Galiza iniciouse o éxodo masivo dos seus fillos (“Historia de Galicia”, David Pérez López, 2015, páx. 275; “Vilaselán, aproximación histórica”, José María Rodríguez Díaz, 2010, páx. 35; Larousse P45, pax. 3778). Quizais fora nos acontecementos destes tempos, cando a casa cambiou de propietarios, e motivou a perda da documentación histórica.
Por outro lado, non quero deixar no tinteiro os datos que fun encontrando, indagando na relación que podía haber entre o Mosteiro de Lourenzá e o Concello de Ribadeo, onde atopamos cousas curiosas na Real Chancillería de Valladolid, en variados documentos do século XIII e XIV, que nos falan desta relación. Vexamos tres exemplos:
1. Un documento en pergamiño de 246x445 mm (código ES.28079.AHN/3.1.3.3.64//CLERO SECULAR REGULAR, Car.1108,N.13) escrito en lingua galega, gótico cursiva de albalaes (letra que se utilizaba en documentos, cartas e cédulas reais nas que se concedía algunha mercé, ou se provía ou se facía constar algunha cousa). Título: “Fernán Pérez, abad del monasterio de San Salvador de Lourenzá, hace avenencia con el Concejo de Ribadeo sobre el puerto de Rinlo y las villas de Vilamariz, Vilabois y Vilandriz” (data: 26-Abril-1291), con outro documento inserto que di: “El monasterio de San Salvador de Vilanova de Lourenzá da poder a Fernán Pérez, abad del dicho monasterio, para hacer avenencia con el concejo de Ribadeo por razón de la venta que hizo Fernán Alfonso, juez del Rey, del puerto de Rinlo y de otras heredades” (data: 11-Abril-1291).
2. Documento en lingua galega, escritura gótico cursiva, con data 7-abril-1285: “El monasterio de San Salvador de Vilanova de Lourenzá hace avenencia con el Concejo de Ribadeo sobre la villa de Vilamariz”. "Feitas las cartas sete dias dabril, Era de mill e treçentos e viinte e tres anos".
3. Documento en lingua galega e latín, escritura gótico cursiva, con data 13-Outubro-1310. “Pedro Ponzo, adelantado mayor del rey en Galicia, resuelve el pleito entre el concejo y alcaldes de O Burgo de Ribadeo y el monasterio de San Salvador de Vilanova de Lourenzá sobre el caritel de la villa de Vilamariz. Así mesmo inserta, carta de procuración do dito concello a favor de Ares Martínez, xuíz, Martín Ares e Alfonso Eanes, dada o 30-Set-1310.
Este último documento, datado en Outubro do 1310, danos un dato histórico de Ribadeo que non sabíamos de certo: “...pleito entre el concejo y alcaldes de O Burgo de Ribadeo...”. Esta expresión de “O Burgo de Ribadeo”, segundo a Etimoloxía, “burgo”, é un termo que provén do xermánico “burg”: “fortaleza”, “castro”. Na Idade Media nomeábase así, un núcleo de poboación formado arredor dun castelo ou dunha cidade amurallada, e posteriormente, dise dunha aldea ou vila pequena, dependente doutra maior ou máis importante, que ficaba próxima ("Gran Dicionario Xerais da Lingua". 2000). Sabemos de certo que Ribadeo foi Sede Episcopal desde o ano 1182 co bispo Rabinato ata o 1218 co bispo Pelaio de Cebeira, polo que nesas datas era unha poboación autónoma e non dependía de ninguén, dentro do contexto do Conventus Lucensis do Reino de Galicia. Aínda sendo Ribadeo unha vila pequena comparada cos tempos actuais, ¿como podemos dicir que daquela era pequena, comparada “con quen” a cen quilómetros a redonda?. Polo tanto, e baixo esta perspectiva, a expresión “O Burgo de Ribadeo”, refírese a “unha poboación arredor dun castelo ou a poboación dunha vila amurallada”. Non sabemos de cando databa a Fortaleza de Ribadeo, nin de cando foron feitas as murallas, pero segundo isto que acabamos de dicir, é moi posible que se poidan datar no século XIII, quizais incluso no século XII, bastante anteriores a denominación do Condado de Ribadeo dado a Pierre de Villaines no ano 1369, e por seguro, anterior o Conde Rui López Dávalos que compra o condado a finais do século XIV, e a quen algúns textos lle atribúen a construción da Fortaleza, pois foi o único Conde que parece pasou algún tempo en Ribadeo, nos vinte cinco anos que estivo este Condado baixo o seu dominio.
Non tería nada de estraño que a poboación primixenia de Ribadeo, que se trasladara coas invasións vikingas para a Vilavella, mellor dito para Santiago de Vigo, segundo documento do ano 1151 (Templarios en a Vilavella, José Mª Rodríguez Díaz, La Comarca del Eo, Xullo 2016) cando foi retornando no século XI e XII para Cabanela e Porcillán, puideran amparar as súas vidas, construíndo unha muralla e edificar unha Fortaleza de defensa, de maior ou menor envergadura, que máis tarde se poido remodelar para servir de morada os Condes de Ribadeo ou os seus representantes.
Isto que acabamos de expresar aquí, está en desacordo co que di Francisco Lanza, na eminente e esencial obra do “Ribadeo Antiguo” (páx.133, 134) onde nos di, da incredulidade que lle producen as “Antigüedades de Rivadeo” e a “Miscelánea literaria” de Acevedo Rivero, a quen chama “un amartelado escritor”, pois di que as murallas foron construídas como medida de precaución contra a invasión dos hérulos ou piratas do Báltico, aló polos anos 458 e 459. Posiblemente Francisco Lanza, teña razón en non crer que as murallas nin a Fortaleza foran de tan cedo construción, pero non polo que nos di, de que no privilexio de Pierre de Villaines, concedido por Enrique II de Trastámara (Ibidem páx.135): “no se hace la más mínima referencia al castillo e fortaleza” (da vila de Ribadeo) “de que (si) habla el privilegio de Juan II” (cando se lle concede o Condado de Ribadeo a Rodrigo de Villandrando), “y como no es creíble que los escribanos de Enrique de Trastámara se olvidasen de citar las “defensas militares” de la tierra donada, hay que suponer lógicamente que estas fueron construídas en la época de los primeros condes...”.
Francisco Lanza, refírese estritamente ao que expresan os documentos escritos, pero o texto do privilexio de Enrique II, é bastante ambiguo e motiva dubidas tamén, por exemplo, en algo tan esencial, como son os límites ou demarcacións do territorio do Condado de Ribadeo pois a explicación é moi xeral e pouco ou nada particularizada (Ibidem, páx. 44): “damos vos la dicha villa de Ribadeu e la pobla de Nauia con todos sus términos e alfozes e pertenencias... con montes, e prados, e valles, e pastos, e deuesas, e rios, e agoas correntes e estantes...”. ¿Como é que non están expresados os lindes particulares dos cardinais, tal como: “Desde el río (Este ou de Levante) hasta el río (Oeste ou de Poñente), desde el monte (Sur ou de Mediodía) hasta la mar (Norte ou de Setentrión), acompañado todo por accidentes xeográficos pertinentes e marcacións de octantes, etc.? Un territorio por moi extenso que sexa, non deixa de ser como unha propiedade particular...
É moi posible que nun futuro próximo se atopen documentos máis concluíntes, pero de momento témonos que conformar cós que temos, e cúmprenos examinalos e remiralos dunha e doutra forma, polo que especular cós datos, pode levarnos a distintas conclusións, que dependerán dos criterios e da forma distinta de enfocar a discusión.
Non quero deixar sen dicir e lamentarme, de que non lle prestamos a atención debida a todas estas reliquias do pasado. Esta falta de sensibilidade cara ós restos históricos da Nosa Terra Galega: asentamentos arqueolóxicos como Louselas, castros, mámoas, castelos, pazos, igrexas, capelas, escudos heráldicos, brasóns, camiños reais, etc. está destruíndo anaco a anaco, a historia da nosa civilización céltica e medieval, tanto do patrimonio de Ribadeo, como do patrimonio da Mariña en tódolos lugares a onde miremos da nosa xeografía. É unha magoa. Pero non sirve de nada lamentarse de que as nosas autoridades locais ou nacionais de Galiza, non teñan máis sensibilidade e respecto polas nosas antigüidades, e non incrementen as axudas para estudar e conservar ó Patrimonio público e o privado de interese público, tamén temos que ser nós, os cidadáns, quen nos impliquemos persoalmente no asunto, e cando vexamos algo que nos chame a atención polo seu valor artístico ou patrimonial, non dubidemos en denunciar a súa presencia ou a súa destrución, pois todo tipo de Patrimonio posto en valor, prodiga riqueza pública e por tanto, ben estar social para todos. En fin, espero que estes trinta e sete artigos onde, de forma incompleta e moitas veces especulativa, describín corenta e sete Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, serviran para dar a coñecer outros aspectos particulares da historia da nosa magnífica Nación Galega, tantas veces vilipendiada e desdeñada por “pobre” e emigrante.
Etiquetas:
historia,
Pancho Campos
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario