20171107

Menos medio millón. Nota de prensa da Plataforma pro Residencia de Maiores de Ribadeo

   O grupo que formamos a Plataforma pro Residencia de Maiores de Ribadeo vemos cada pouco tempo anuncio de inversións (reais ou ficticias, actuais ou pasadas ou por vir) da Xunta de Galicia. Vemos mesmo que ditos anuncios fanse ás veces non de xeito institucional, senón por xente do partido que leva as rendas da Xunta, como bandeira non de todos nin galega, senón partidaria. E lembramos unha e outra vez entre nós, e de cando en vez de xeito público, que sexa cal sexa a cantidade anunciada para innumerables bondades traídas a Ribadeo pola Xunta, pero ao parecer polo partido que ten o poder, falta unha vez e outra como mínimo unha cantidade redonda: 500 000 €. Promesas feitas e non honradas, que levan a considerar máis polo miúdo as cantidades que se anuncian. E máis aló, como imos crer agora promesas comunicadas en prensa por xente que non manexa o presuposto da Xunta, cando en tempos pasados persoa que se sentaba nos consellos semanais do Goberno Galego, prometeu -suponse que en serio- cantidades para investir en Ribadeo, que nunca se cumpriron, e non houbo nin asomo de algo parello a desculpa?
   Desta volta, anúncianse euros para a estación de autobuses para o futuro (2018), mentres que se asegura (en presente) que a Xunta inviste moito en Ribadeo. Ao parecer, uns 3 000 000 de euros, que non se sabe moi ben de onde saen nin en canto tempo, pois segundo as contas dos xornais, atribúense aí 244 000 € de rehabilitación nos cascos históricos... tamén para o ano que ven e máis aló, sen contar con que entre as entidades que aportan cartos para dito plan a Xunta ocupa un lugar por tras do Concello ou o Ministerio.
   Sumar e restar, e máis aínda elixindo números, é moi doado, apréndese de pequenos. Pero antes aínda apréndese algo que parece que algúns non esquecen: precisamente, a esquecer o que non interesa, mentres se fai propio o que é compartido. Ou é que a Xunta non é de todos?
   Ribadeo, 5 de xaneiro de 2017

Ningún comentario: