O 15 do mes pasado foi o día de temperatura máis alta no que levamos de século en Ribadeo. O Cambio climático non só e medido, senón que é sentido a traverso da nosa pel e tamén polos fenómenos que produce. Os datos acumúlanse.
Este ano está resultando seco, aínda que hai un un par de anos que teñen sido ata o momento máis secos que este no século. Tamén está sendo un ano caloroso, se ben tampouco é ata o momento o máis caloroso do século, como se ve no gráfico inferior:
As tendencias locais do clima sofren variacións máis aleatorias que as xerais e disponse de menos datos para referilas, por iso hai que tomalas con máis precaución. No caso de Ribadeo, ademáis, hai que ter en conta factores como o seu lugar a carón do mar, que suaviza o cambio.
Por iso, que onte mesmo un xornal presentara un titular con "Galicia necesita 500 litros de lluvia durante varios meses para recobrar la normalidad", necesita cando menos unha explicación. Trátase de que caia chuvia ós poucos (cousa que explica máis ou menos no interior da nova) para que non se produza arrastre do chan queimado, queima que se superpón á seca. E trátase de litros caídos en cada metro cadrado, naturalmente, non en toda Galicia. Pero non que poidan ser, poñamos, 10 meses, para eses 500 litros por metro cadrado, pois iso significaría que continuaría a seca precisamente nos meses máis chuviosos do ano...
Asemade, hai poucos días, outra nova apuntaba a unha alza notoria da temperatura do Cantábrico. Molesteime en recoller as temperaturas do mar recollidas máis próximas/semellantes ó Cantábrico na zona. Velaí os gráficos:
O primeiro é a representación das medias dos 12 meses anteriores dende o 2004. Contando o tempo que non estivo operativo, indica... un descenso de temperatura media! Moi suave, pero descenso. E é que o cambio de correntes no Cantábrico pode dar moitas sorpresas, traendo ou afastando auga máis cálida da corrente do Golfo, por exemplo. A lembrar que as augas desta zona son máis cálidas que as das rías baixas, onde afloran augas profundas.
En cambio, o segundo, que colle as medias mensuais, como comeza as series nun marzo, a interrrupción de medidas prodúcese precisamente dende que comezaba a baixar a temperatura nos meses de outono ata un mes, xa no verán, no que a temperatura estaba alta de novo. E ademáis, aínda estamos en meses con temperatura por riba da media, resulta que, neste caso, a tendencia é que a temperatura suba preto de cinco centésimas de grao ó ano de media... dun xeito ficticio.
Si, o cambio climático está xa aquí. Pero é serio, non para tomalo de calquera xeito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario