20171211

Da Mancomunidade ás Catedrais

Na resaca da ponte da Inmaculada Constitución pasada por auga, despois dun mercado de Nadal que supoño que este ano non se cualificará de exitos pola temperie, aínda coas luces de Nadal xa avisando que está aí a nova festa consumista, a vida segue. E así, a Mancomunidade de Concellos da Mariña terá outra xuntanza, esta vez en Ribadeo, hoxe, ás oito e media, hora dos plenos, na que é previsible que se traten diversos problemas comúns, como os relacionados co tren ou co enfrontamento coa velutina, nos que imos perdendo, e Ribadeo é dos principais afectados. E así, segue o transcurso do tempo co Plan Especial das Catedrais xa perdido no limbo, unha vez presentado no auditorio e correndo os dous meses -ata o 16 de xaneiro- o prazo para a presentación de alegación (por certo, o mínimo período legal).
O certo é que as máis de 300 páxinas do plan asustan, e hai que lelas pouco a pouco. Os pasados días foron para min unha oportunidade para comezar e ver que na páxina 11 trata a ondada cun sentido neto de transporte litoral cara ó leste (cando hai variacións  que o mandan tamén temporalmente cara ó oeste), que recoñece como riscos a elevación do nivel do mar e tamén, no parágrafo seguinte, o risco de agomeración de xente, como se ambos foran equiparables e equitratables (punto 4.6, p. 14). Ou que na p. 9 fala de deseñar unha estratexia de participación pública na procura da complicidade da cidadanía... para sacar adiante o plan especial que xa se ten nas mans. ou, na mesma páxina, fala de 'Resolver a equidistribución de cargas e beneficios' e de 'recuperación das plusvalías xeradas para o municipio', que no conxunto parece pódense traducir a linguaxe común como concentración dos beneficios e desfacerse das cargas: aí está o sacar os vendedores ambulantes do lugar e o unilo coa vila, onde si hai comercio fixo e con influencia na espera de clientes. Seguirá.
--
Seguiu aquí.

Ningún comentario: