20171218
ESCUDO HERÁLDICO DA ERMIDA DE NOSA SEÑORA DA PONTE DE ARANTE Francisco José Campos Dorado
Este Escudo de Armas está pintado na parede Norte interior da Ermida da Ponte de Arante, cuxos documentos máis antigos, do ano 1514, a denominan Ermida de Nosa Señora Santa María da Ponte. En 1517 usan a expresión: Hermita de Santa María da Ponte das Mestas, cuxo apelativo “mestas” provén do feminino latino “mixtas” que significa: “mesturadas”, neste caso, produto da unión ou confluencia de augas correntes do rio e regatos (augas mestas), circunstancia que ocorre no lugar onde se sitúa o Santuario. Desde o ano 1561 ata o día de hoxe, coñecese como Ermida de Nosa Señora Santa María das Virtudes, ou como agarimosamente lle din os vellos veciños, “A Santiña” (Santuario de Nosa Señora da Ponte, Arante, D.José María Fernández Fernández, Arquiveiro Diocesano de Mondoñedo, 1986, páx.7-8 // Cadernos de Investigación IES Dionisio Gamallo Fierros de Ribadeo, Nº6, 2005, Limiar de D. José Ferreiro González, Cura Párroco de Arante).
Nesta parede norte, hai pinturas murais do medievo que representan elementos evocativos, segundo se miran de fronte e de esquerda a dereita: a Asunción, a Coroación de María e o Descendemento da Cruz, e no marco da dereita destas últimas imaxes, está este escudo heráldico, sen acabar de rematar o brasonado, tal e como o vemos na foto re-debuxada. Na parte inferior das pinturas, hai unha inscrición que di: “ESTA OBRA MANDOACER EL SENNOR PERO PARDO DE AGVIAR SENNOR DEL COTO DE SAN MARVGO A SV COSTA SE INICIO DE NVESTRA SENNORA EN EL ANO DE MIL D XVI” (Ano 1516) (ibidem, Nº6, 2005, páx.12).
O escudo ten a forma que os tratadistas heráldicos chaman “español carlista” ou “de forma de casulla” (El Diseño Heráldico, Luis F. Messia de la Cerda y Pita, 1990, páx.29). O apelativo “carlista” refírese ó rei Carlos I de España e V de Alemaña (rei 1517-1556), pois da súa época datan as labras de deseños heráldicos españois con reminiscencia xermánica. É un escudo contido nas formas, sen adornos e sen ostentación algunha, coa boca (perfil que bordea o contorno do campo) formada por unha bordura diminuída chamada “filiera”, cuxa parte do xefe está desaparecida.
Como nos di a inscrición, a obra pictórica mandouna facer, “Pedro Pardo de Aguiar señor de Samarugo”, pero o escudo do mural, é un escudo partido, en cuxa partición destra (do escudo) presenta en campo de ouro os dous lobos en pao dos OSORIO e na partición esquerda non hai ningún brasón pintado, ¿por qué? ¿a quen pertencería esa partición esquerda? ¿quen foi este señor Pero PARDO DE AGUIAR? ¿onde vivía para preocuparse de obras, reformas, adornos como as pinturas murais, etc. desta Ermida da Ponte?.
Segundo vemos en “Blasones y Linajes de Galicia”, do Padre D. José Crespo del Pozo, Volume IV, páx.123-125, os PARDO da Casa de Samarugo, veñen por liña sucesoria de D. Juan NUÑEZ PARDO “el Viejo” que estaba casado con Dª Teresa RODRIGUEZ DE AGUIAR, cuxo segundo fillo foi o Mariscal D. Pedro PARDO DE CELA, casado con Dª Isabel de CASTRO OSORIO, filla de D. Pedro ÁLVAREZ OSORIO, primeiro Conde de Lemos, e da súa muller Dª Beatriz de CASTRO Y CASTILLA, señora de Sumariego e irmá do Duque de Arjona (El Mariscal Pedro Pardo de Cela, Eduardo José Pardo, Alvarellos 1981, páx. 156). O Mariscal D. Pedro Pardo de Cela, viuse Señor de Samarugo, por ser sucesor dos seus sogros, así como do señorío da Frouseira, entre outras moitas propiedades. É obrigado non esquecer o comentario que fai o Padre Crespo a pé de páxina 124, onde lle parece estraño que a “Enciclopedia de Garraffa”, sitúe Samarugo do Partido Xudicial de Vilalba, Lugo, na provincia de León, o que considera unha errata que soamente se explica cando se escribe desde Madrid, sen coñecer o territorio galego. Cousa que con bastante frecuencia atopamos noutras moitas, pero moitas, citas e feitos da nosa historia de Galiza, das que en Ribadeo temos algúns exemplos, e non só do escrito en Madrid.
Como sabemos, o Mariscal Pardo de Cela foi decapitado en Mondoñedo o 17 de Decembro de 1483, e a súa viúva Dª Isabel de CASTRO OSORIO, retírase a pasar os últimos días, na fortaleza de Castromor onde falece o pouco tempo. Dª Isabel era neta de Dª Isabel de Castro Enriquez e de D. Pedro Enriquez de Castilla, Conde de Trastámara, é por tanto, Dª Isabel de Castro Osorio, era parente dos Reis Católicos por liña directa deste avó materno, tanto de Dª Isabel por ser Trastámara por parte de seu pai Xoán II de Castela (rei 1406-1454) aquel que lle concedeu a D. Rodrigo de Villandrando o título de III Conde de Ribadeo (Escudos de Armas da antiga Fortaleza de Ribadeo, tamén en La Comarca del Eo, 16-Set-2017), como de D. Fernando II de Aragón “O Católico”, por ser este fillo de Dª Juana Enriquez e neto de D. Fadrique Enriquez mestre de Santiago e Almirante de Castela. Deste parentesco cos Reis Católicos valeuse Dª Isabel de Castro Osorio, para pedir o indulto do seu home, e ao quedar viúva, para que lle fora revocada a orde de confiscación dos bens do Mariscal, que eran cuantiosos entre Mondoñedo e Viveiro. O Mariscal e Dª Isabel tiveron tres fillos: 1) Pedro “el Mozo” ou Pero de MIRANDA SAAVEDRA E CASTRO, que segundo parece, foi decapitado o mesmo día e na mesma praza de Mondoñedo que o pai a idade de dezaseis anos. 2) Dª Beatriz de CASTRO, que casou con D. Pedro BOLAÑO E RIBADENEIRA, señor da Fortaleza de Torés, na serra do Cebreiro. 3) Dª Constanza de CASTRO, herdeira da Casa de Samarugo entre outras propiedades, casada con D. Galaor OSORIO, quen era fillo bastardo do Conde de Lemos, polo que o dito Conde de Lemos, casou ao seu fillo bastardo cunha neta lexítima, seguindo as costumes da endogamia da época, polo que un medio tío casouse cunha sobriña. D. Galaor fai testamento o 13 de Maio de 1480, data que nos sirve para situarnos no período de tempo cronolóxico.
Dª Constanza e D. Galaor tiveron por fillo a D. Pedro ALVAREZ OSORIO, señor de Samarugo, Muras, Piedrafita, etc. que casou con Dª Mayor BASANTA DE AGUIAR, os cales tiveron por fillos a: 1) Dª María OSORIO que herdou o señorío de Samarugo, e casou con D. Pedro PARDO DE AGUIAR a quen parece, pola cronoloxía e data das pinturas, que se refire a inscrición desta pintura da Ermida de Nosa Señora das Virtudes da Ponte, pois ó casarse con Dª María OSORIO pasa a ser el o Señor de Samarugo. D. Pedro PARDO DE AGUIAR, era fillo de D. Pedro PARDO DE AGUIAR, Señor do Val de Cabarcos, de aí a proximidade de veciñanza e relación coa Ponte, e de Dª María SIERRA E RON.
Dª María OSORIO e D. Pedro PARDO DE AGUIAR, o da inscrición, tiveron catro fillos: 1) D. Andrés PARDO OSORIO de AGUIAR que herda o señorío de Samarugo, e cásase en 1ª nupcias con Dª María TORRES, e en 2ª nupcias con Dª Beatriz de TABOADA. 2) D. Antonio PARDO OSORIO DE AGUIAR, casou con Dª Teresa GONZALEZ DE CÁNDAME ANDRADE E RIBADENEIRA, de cuxo segundo fillo, D. Pedro PARDO OSORIO, casado con Dª Antonia de NOBOA, descende Dª Emilia PARDO-BAZÁN. 3) Dª Inés de CASTRO ou Dª Inés OSORIO que casou con D. Luís de Villarín. 4) Dª Teresa OSORIO que se casa con D. Ruiz DÍAZ DE RIBADENEIRA.
O escudo de armas, ó ser partido (polo que vemos) e ó ter á destra do campo as armas dos OSORIO, lugar das armas do marido segundo as normas heráldicas, parece que tería que ser do matrimonio de D. Pedro Álvarez OSORIO, señor de Samarugo e de Dª Mayor Basanta de Aguiar, como describe a xenealoxía. Pero cinguíndonos literalmente o que di a inscrición, parecen ser as armas familiares de Dª María OSORIO e na partición esquerda (do escudo) terían que aparecer as armas primitivas dos PARDO DE AGUIAR: en campo de gules, unha aguia do seu color, picada, membrada e armada de ouro (en campo vermello, unha aguia negra, co pico, patas e garras de ouro). Isto contradiría a regra heráldica de colocación das armas: “á destra marido e á sinistra muller”, ¿sería por este contra motivo da regra heráldica que non se pintaron as armas da sinistra? ou ¿habería outras razóns que motivaron o borrado ou a non inclusión do brasón dos PARDO? ¿Que razóns ou incompatibilidades houbo?
Posiblemente a discrepancia que houbo para non rematar o brasonado do escudo, non foi unha cuestión heráldica, senón que había “discordia e enemistade política” por intereses moito máis terreais cós atinxidos á nobreza, entre os bispos de Mondoñedo e D. Pedro. Si miramos os documentos que aparecen na Real Chancillería de Valladolid, vemos que D. Pedro Pardo de Aguiar empezou a litigar por certas terras, co bispado de Mondoñedo desde o ano 1507, e cuxos litixios acadaron o ano 1542. Documento 1) Preito do bispo de Mondoñedo con Pedro Pardo de Aguiar e consortes, veciños de Mondoñedo, sobre a posesión de certas terras (anos 1507-1542) (Código: ES.47186.ARCHV/8.12.1.2//Preitos civís, Alonso Rodríguez (F), CAJA 2595,1. PERGAMIÑOS, CARPETA 112,6)
Documento 2) Executoria do preito litigado por D. Antonio de Guevara, bispo de Mondoñedo, con D. Pedro Pardo de Aguiar e consortes, veciños de Mondoñedo, sobre a posesión de certas terras (4-Novembro-1542) (Código: ES.47186.ARCHV/8.7.1//REGISTRO DE EJECUTORIAS,CAJA 564,45. Preitos civís, Alonso Rodríguez (F), CAJA 2595,1)
Durante estes trinta e cinco anos en preito, rexentaron a dioceses de Mondoñedo os seguintes bispos: D. Diego de Muros (1505-1512) quen inicia o preito; D. Diego Pérez (1513-1520); D. Gerónimo Suárez (1523-1532); D. Pedro Pacheco (1532-1537); Frei Antonio de Guevara (1537-1545) con quen se remata o litixio.
Estas terras en litixio, é de supoñer, que eran da herdanza de Dª María Osorio, e que pertencían a aquelas que lle foran restituídas polos Reis Católicos a Dª Isabel de CASTRO OSORIO, viúva do Mariscal Pardo de Cela. Dª Isabel de Castro, cando se casou co Mariscal, tivo unha dote espléndida do seu tío D. Pedro Enriquez de Castro que foi bispo de Mondoñedo entre 1426 e 1445. O bispado e prelados reclamáronlle o Mariscal moitas destas propiedades: “...quienes fulminaron contra él sentencias eclesiásticas que no lo conmovían en lo más mínimo” (Ibidem, Padre Crespo, Volume IV, páx. 124) de aí que houbera tantos anos de preitos xudiciais, incluso despois da vil execución do Mariscal Pardo de Cela.
D. Pedro Pardo de Aguiar, a pesar dos preitos, supoñemos seguiría sendo un fervente católico, que patrocinaba obras pías, como estes atraentes murais da Ermida de Nosa Señora das Virtudes da Ponte, que facían reflexionar sobre a idea da insubornable Morte viva e invitaban á devoción os miles de peregrinos que percorrían este Camiño Norte de Santiago, e que tamén, tantos beneficios traía para os veciños da comarca deste tramo do antigo Camiño Francés: Ribadeo, Ove, Cubelas, A Ponte, S. Xusto de Cabarcos, Lourenzá e Mondoñedo. Pero, D. Pedro, ó non querer “dar o seu brazo a torcer” e non ceder “polas boas”, aquelas ansiadas propiedades ós bispos de Mondoñedo, que levaban preiteando anos e anos tras delas, estes non lle permitiron tampouco integrar as súas armas, dentro da igrexa, no brasonado do escudo que nos acontece, posiblemente como unha acción que hoxe chamaríamos de “ninguneo”, por iso quedou o brasonado sen rematar, pois non lles gustaría que tales armas dos PARDO quedaran reflectidas en tan estratéxica e concorrida localización. As de OSORIO, ¡nin tocalas!: “viñan dos Reis Católicos”. Por suposto, non son eu a persoa máis cualificada para aseverar con toda certeza a hipótese aquí desenrolada, pero as Armas dos PARDO, non debían estar, por aquelas datas, moi ben vistas no ámbito catedralicio, pois eran as Armas daquel Mariscal que tiñan cualificado como: “un orgulloso señor “feudal” que presentaba “fobia anticlerical”, e que fora decapitado con aleivosía, trinta e tres anos antes de realizadas as pinturas da Ermida da Ponte, e segundo a lenda, pola bárbara e cruel ignominia da xente do bispo Fadrique de Guzmán (1462-1492) quen fixo entreter no lugar coñecido desde entón como a Ponte do Pasatempo, a Dª Isabel de Castro, que traía o perdón real firmado polos Reis Católicos, indultando da morte ao seu home o Mariscal D. Pedro PARDO DE CELA AGUIAR E RIBADENEIRA. Aquí pregúntome eu, pois non atopo os motivos por ningún sitio: ¿que crime cometeu o seu fillo de dezaseis anos, para ser decapitado tamén na mesma praza de Mondoñedo xunto có seu pai?. ¡Ningún, pero o exercicio da crueldade non precisa de razóns!
A lenda e a historia de PARDO DE CELA mestúranse, e aqueles acontecementos do cerco e traizón da Frouseira, dos crueis e bárbaros asasinatos, teñen feito correr rios de tinta en forma de poemas, cancións, ensaios histórico-lendarios e análises científico-históricas o que non quita en absoluto que teñamos nós, un anaco das consecuencias daquela mítica historia, na Ermida de Nosa Señora das Virtudes da Ponte de Arante, a cal, é un verdadeiro regalo tela tan cerca, e poder visitala calquera día que estea aberta, para poder contemplar e reflexionar con calma sobre os motivos das súas preciosas pinturas medievais: “onde a Morte viva, está situada na nave o lado dos fieis para que estes non poidan eludir a súa presencia, sempre a esquerda, orientada ao Norte, no reino do Demo, do frío e das tebras” (ibidem, Nº6, 2005, páx.17). Un pracer, un luxo, rememorar a nosa historia, as nosas lendas.
Etiquetas:
cultura,
historia,
Pancho Campos,
vilalba
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario