20171213

Funcionando como concello

Luns pasado tivo lugar unha xuntanza da mancomunidade da Mariña. E a próxima semana, haberá outra.
A unión de concellos mariñás é fundamental. A 'antiga provincia de Mondoñedo', como non se cansan de repetir persoas como Pablo Mosquera, chama por unha consideración conxunta tanto polas súas peculiaridades como pola desatención dende a lonxana e diferente capital provincial acutal. Entre outras cousas, a máis do evidente Cantábrico que baña a costa, o dinamismo económico, ou, ligado con el, pero non só, o mantemento da poboación costeira fronte a baixada demográfica provincial de Lugo, establecen á Mariña como un 'lugar diferente'. E moito máis aló dun provincialismo que hoxe xa sería diferente do da antiga provincia, a zona marítima da Mariña é case unha pequena cidade continuada. Cidade que aínda hai que vertebrar a pesar dos seus evidentes lazos, sen esquecer o que sería 'o extrarradio' da mesma, a zona non tan poboada máis o interior. E vertebrar loitando non só pola supervivencia independente do hospital para non ter que rematar indo a Lugo para calquera cousa, senón tamén nas comunicacións, mellorando as que xa hai, potenciando a rede de transporte público, tanto na súa versión infraestruturas como organizativa, de horarios, frecuencias de transporte, etc. É dicir, facendo algo que parece que comezaron a facer os alcaldes o pasado luns en Ribadeo e para o que tanta falta fai unha coordinación para reverquer algúns futuros evitables como o desmantelamento da liña de tren da costa.
E tomar decisións comúns cando toque enfrontarse a problemas comúns debera ser un costume, tanto no caso do transporte ou o hospital como no da velutina, onde quizáis poñerse de acordo sexa máis doado por ser un fenómeno externo contra o que loitar máis que algo a organizar. E contactar con quen pode saber algo e está interesado xunto con quen pode aportar intraestrutura ou cartos, como no caso das velutinas AGA (aínda que parece que máis ben foi AGA a que contactou coa mancomunidade como principal zona afectada en Galicia) por unha beira e a Deputación Provincial por outra. E é que accións como a instalación de 5000 trampas e o mantemento en bo estado operativo das mesmas durante máis de catro meses require colaboración.
Colaboración, algo que por certo parece non afectar á cidadanía máis que cando se trata de poñer o ombro. E é que tamén neste nivel, a cidadanía vese a distancia, e de resultas das votacións cuatrienais. Algo que 'tamén' habería que mellorar.
Vespa velutina. Imaxe de Wikipedia. Didier Descouens. CC by-sa 3.0


Ningún comentario: