20171204

Iniciativas de desinteresado interese

Un xornal de amplia tirada e máis amplia subvención directa e indirecta en Galicia vai contratar ós presidentes galego e asturiano para debatir sobre infraestructuras, crise demográfica e modelo de Estado e financiamento.
É claro anunciando que quen paga será un bondadoso banco recentemente trasladado de Cataluña a Madrid, e no aviso deixa caer pinceladas sobre a biografía do presidente galego, dicindo que foi nomeado para o primeiro cargo político, mentres no caso do asturiano, de partido de nome máis obreiro, nomeouno Areces para conselleiro.
O grupo galego, que xa ten unha cabeceira nomeada 'de Asturias' mercada de xeito recente, levará o encontro á 'orilla galega do río Eo', distinguido xeito de chamar a Ribadeo na convocatoria de 'Encuentros en el Eo', así, en medio do río parecería, aínda que queda claro que é "a orilla gallega del Eo, el río que hermana a los dos territorios" o esceario ideal.
E é que esto é política pura, non o que viu facer un tal Errejón que en vez dar unha charla deu un mítin, segundo deu nova o mesmo xornal. Un debate entrambos presidentes, nas alturas, lonxe das interferencias do pobo, que pode aplaudir pero non deixa de ser un inconvinte cando participa.
O entusiasmo dialogante chega a suprimir a existencia desa antigualla que era a ría de Ribadeo, ou mesmo 'a ría', a secas, desaparecida na xeografía da convocatoria, aínda que non se saiba que polo momento o consello de nomes xeográficos teña recibido unha proposta en firme do xornal para a súa supresión definitiva, nin para que a Calvo Sotelo lle sexa retirado o seu hoxe anacrónico marquesado.
De es.wikipedia.org,CC BY-SA 4.0,por Bruñuelesco.

Ningún comentario: