Esta mañá atopeime na rede cun par de mapas reflectindo a abundancia de topónimos árabes e xermánicos na península ibérica. Resulta que están tan en pequeno que fai falta esforzarse para ver que ambos, un referido aos topónimos xermánicos e outro, ós árabes expresan cousas diferentes. Por iso, procurei o artigo de onde están sacados e boteille unha ollada.
Vaia por diante que o meu nivel de alemán, no que está escrito o artigo, é inferior ó que teño en xeolingüística, que non serviría para aprobar nin de lonxe. E tamén, que coido que as diferenzas son boas para manter un mundo dinámico, pero que a mestizaxe é unha realidade (a D.g.) e que a identidade constrúese con base ó pasado, pero cara ó futuro, en conxunto, sen discriminación.
O artigo base, por se alguén quere consultalo, Über die topographischen Namen arabischen Ursprungs in Spanien und Portugal, Lautensach, Hermann;Die Erde - 6=[85],
33 pp (219 - 243), é do ano 1954, e referido a toda a península.
A táboa anterior é o resume de datos que son plasmados logo nos mapas. Ven representado por cada provincia (ou illa balear) o número de nomes árabes na topografía, o número por cada 1000 km2, e por cada 100000 habitantes. Logo, o mesmo para os nomes xermánicos, e logo, algo asimétrico: a porcentaxe de nomes árabes (non xermánicos) entre a suma de árabes e xermánicos. Asimetría que dalgún xeito ven avisada no título do artigo: 'Sobre os nomes topográficos de orixe árabe en España e Portugal' (logo o xermánico é só unha referencia)
Así, o anterior establece unha diferencia entre os dous mapas que andan circulando na rede na mesma imaxe, e que poño a continuación:
O primeiro representa o número de nomes árabes e arabizados na topografía cada 1000 km2, sen contar os correspondentes ós ríos.
O segundo, representa o número de nomes xermánicos (non di nada de 'xermanizados') de lugares cada 1000 km2. Vese que ambos mapas non son comparables xa non por representar cousas que non son exactamente iguais, senón polas cantidades que representan cada tipo de fondo (+ de 20 nun, + de 100, no outro)
No mapa anterior hai que avisar que os números que aparecen corresponden á numeración da táboa primeira, ordeada por provincias. En canto ás densidades de puntiños, indicando 'cada un un nome árabe ou arabizado', é lóxico que sexa superior nos lugares onde os árabes estiveron máis tempo e/ou tiveron máis influencia. En Lugo podemos contar 6 puntiños, o que significaría seis nomes topográficos (excluídos fluviais), como corresponde na táboa de arriba.
Por último, o mapa anterior, refírese a ríos con nomes árabes ou arabizados (hai unha táboa que non poño), e as liñas corresponden, segundo a lenda do mapa, á separación das 5 zonas de intensidade de arabización. A primeira, correspodendo o norte de Galicia a ela, non tería ríos con nomes árabes ou arabizados. Mais é de facer fincapé no de 'norte', pois aínda que non aparecen nomes de ríos con raíces árabes tampouco ó sur, o autor parece ter claro que a influencia foi diferente.
Entendo que o conto sería chegar a algo así como que non se pode xeralizar nin usar documentos como biblias cando non o son, aínda que teñan detalles que casen cunha explicación bíblica.
Iso si: observando a táboa, vese que os nomes xermánicos de A Coruña ou Lugo é superior ó do conxunto correspondente ó resto de España, sen Galicia. E no caso de Ourense ou Pontevedra, tampouco anda moi lonxe. Por certo, tanto os distritos de Braga e Porto, máis pequenos que as provincias galegas, e máis ó sur, e máis arabizados, teñen máis nomes xermánicos que Lugo ou A Coruña (e tamén máis árabes!).
Ningún comentario:
Publicar un comentario