20171206

O seis de decembro non é o día da Constitución máis que no nome

Alguén celebra o día que foi feita a 'Pepa', a primeira Constitución española? E as seguintes? Pois a Constitución que se celebra este día 6 de decembro xa foi desconstituída ( máis de incumprida nos artigos 1, 14, 16, 20, 31, 35, 47, 48, 50, 51... como podes ver en '10 artículos de la Constitución que se incumplen sin que casi nadie se alarme ') Iso pasou (podes elixir data) o 26 de agosto, coa votación no Congreso, o 7 de setembro, coa votación no Senado ou o 27 de setembro de 2011, coa sinatura do El Rei, coa reforma exprés sen participación do pobo dunha Constitución que antes e despois se dicía e se di intocable (debe ser intocable polos intocables, en sentido parello ós parias indios). Non me meto nin co sentido da festa nunha autonomía na que sei que moita xente aspiraría ó federalismo, senón que só aplico o sentido común.
A constitución foi difundida popularmente cun formato de libriño grapado, e nas comunidades bilingües, comezaba por unha cara en castelán e pola outra pola lingua correspondente: en Galicia, en galego. Non se fixo o mesmo cando se realizou a reforma exprés pro mercado, polo que deixo aquí de novo o texto de dita reforma:
"
Reforma do artigo 135 da Constitución española, aprobada polas Cortes Xerais en sesións plenarias do Congreso dos Deputados, do 26 de agosto de 2011, e do Senado, do 7 de setembro de 2011. Sancionada pola Súa Maxestade o Rei o 27 de setembro de 2011.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Máis de trinta anos despois da entrada en vigor da Constitución, formando parte España da Unión Económica e Monetaria Europea, que consolida e proxecta as súas competencias no marco dunha crecente gobernanza común, e sendo cada vez máis evidentes as repercusións da globalización económica e financeira, a estabilidade orzamentaria adquire un valor verdadeiramente estrutural e condicionante da capacidade de actuación do Estado, do mantemento e desenvolvemento do Estado Social que proclama o artigo 1.1 da propia lei fundamental e, en definitiva, da prosperidade presente e futura dos cidadáns. Un valor, pois, que xustifica a súa consagración constitucional, co efecto de limitar e orientar, co maior rango normativo, a actuación dos poderes públicos.
Para chegar ata aquí, a salvagarda da estabilidade orzamentaria xa supuxo un instrumento imprescindible para lograr a consolidación fiscal que nos permitiu acceder á Unión Económica e Monetaria e foi posteriormente recollida en normas de rango lexislativo.
No mesmo sentido, o Pacto de Estabilidade e Crecemento ten como finalidade previr a aparición dun déficit orzamentario excesivo na zona euro, dando así confianza na estabilidade económica da devandita zona e garantindo unha converxencia sustentada e duradeira das economías dos Estados membros.
A actual situación económica e financeira, marcada por unha profunda e prolongada crise, non fixo senón reforzar a conveniencia de levar o principio de referencia á nosa Constitución, co obxecto de fortalecer a confianza na estabilidade da economía española a medio e longo prazo.
A presente reforma do artigo 135 da Constitución española persegue, por tanto, garantir o principio de estabilidade orzamentaria, vinculando todas as administracións públicas na súa consecución, reforzar o compromiso de España coa Unión Europea e, ao mesmo tempo, garantir a sustentabilidade económica e social do noso país.
Artigo único.
O artigo 135 da Constitución española queda redactado como segue:
«1. Todas as administracións públicas adecuarán as súas actuacións ao principio de estabilidade orzamentaria.
2. O Estado e as Comunidades Autónomas non poderán incorrer nun déficit estrutural que supere as marxes establecidas, de ser o caso, pola Unión Europea para os seus Estados membros.
Unha lei orgánica fixará o déficit estrutural máximo permitido ao Estado e ás Comunidades Autónomas, en relación co seu produto interior bruto. As entidades locais deberán presentar equilibrio orzamentario.
3. O Estado e as Comunidades Autónomas deberán estar autorizados por lei para emitir débeda pública ou contraer crédito.
Os créditos para satisfacer os xuros e o capital da débeda pública das administracións entenderanse sempre incluídos no estado de gastos dos seus orzamentos e o seu pagamento gozará de prioridade absoluta. Estes créditos non poderán ser obxecto de emenda ou modificación, mentres se axusten ás condicións da lei de emisión.
O volume de débeda pública do conxunto das administracións públicas en relación co produto interior bruto do Estado non poderá superar o valor de referencia establecido no Tratado de funcionamento da Unión Europea.
4. Os límites de déficit estrutural e de volume de débeda pública só poderán superarse en caso de catástrofes naturais, recesión económica ou situacións de emerxencia extraordinaria que escapen ao control do Estado e prexudiquen considerablemente a situación financeira ou a sustentabilidade económica ou social do Estado, apreciadas pola maioría absoluta dos membros do Congreso dos Deputados.
5. Unha lei orgánica desenvolverá os principios a que se refire este artigo, así como a participación, nos procedementos respectivos, dos órganos de coordinación institucional entre as administracións públicas en materia de política fiscal e financeira. En todo caso, regulará:
a) A distribución dos límites de déficit e de débeda entre as distintas administracións públicas, os supostos excepcionais de superación deles e a forma e prazo de corrección das desviacións que sobre un e outro puideren producirse.
b) A metodoloxía e o procedemento para o cálculo do déficit estrutural.
c) A responsabilidade de cada administración pública en caso de incumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria.
6. As Comunidades Autónomas, de acordo cos seus respectivos Estatutos e dentro dos límites a que se refire este artigo, adoptarán as disposicións que procedan para a aplicación efectiva do principio de estabilidade nas súas normas e decisións orzamentarias».
Disposición adicional única.
1. A lei orgánica prevista no artigo 135 da Constitución española deberá estar aprobada antes do 30 de xuño de 2012.
2. A devandita lei fixará os mecanismos que permitan o cumprimento do límite de débeda a que se refire o artigo 135.3 da Constitución española.
3. Os límites de déficit estrutural establecidos no artigo 135.2 da Constitución española entrarán en vigor a partir de 2020.
Disposición derradeira única.
A presente reforma do artigo 135 da Constitución española entrará en vigor o mesmo día da publicación do seu texto oficial no «Boletín Oficial del Estado». Publicarase tamén nas demais linguas de España.
"
Quedou dito na reformada irreformable Constitución Española.

Ningún comentario: