20180128

Illa Pancha, por Mª Luísa Mon Bellón


Obras na illa Pancha. Suso Fernández.
 
Illa Pancha
 
    Esta Covadonga Suárez, do Colectivo “Por nuestro Faro”, ademais de muller loitadora, reivindicativa e insistente, ten un moito de poeta.
    Non só escribe e se explica con suma claridade, senón que o fai xogando coa sonoridade das palabras; mesmamente lles fai vibrar, repenicar e brincar rebuldeiras nun discurso que se alguén non entende é porque decide ollar para outro lado.
    “El Defensor del Pueblo nos volvió a dar la razón y no hubo reacción ni de ... ni de...”.     “Después de haber sufrido el desprecio administrativo, el silencio informativo...”. “Chapuzas y contradicciones que se estrellan contra la sordina feroz que los poderosos...”.
    Tales imaxes remítennos invariablemente a unha potente vaga de mar que arremete sin pausa contra esa singular illa que vixía a bocana da ría. Un colosal temporal con mar de fondo son estes artigos publicados neste noso semanario(*); artigos que nunca reciben resposta, nin para ben nin para mal. Tanta reflexión e protesta parecen coarse por Pena     Furada só escoitadas polos impasibles cormoráns que habitan no seu cume.
    Unha lé e mesmo relé o que Covadonga Suárez nos relata sílaba a sílaba, palabra a plabara, frase a frase, golpe a golpe e verso a verso... porque é pura lírica o amor que se desprende de toda a súa descrición do problema que a ocupa e a preocupa. A ela e a moitos máis.
    Dicimos lírica retomando as Verbas doutra muller que escribía sobre a Illa Pancha, onde o noso faro se asenta. Mari Lola Pérez Basanta encheu cuartillas sobre o tema e advertiu tamén sobre a domesticación do Monte de Santa Cruz onde, "se antes había acacias, agora hai toda unha mestura de árbores froiteiras que precisamente nada teñen que ver coa vexetación propia dun monte. Esa é outra.
    Pero xa se sabe que nesta vila todo aquel que avisa sobre o que pode acontecer -e non sempre para ben- é traidor e, ademais, os que o acompañan sempre "caben nun pocillo de café".
Deberíamos saber xa que, grazas a estes poucos apóstolos do non, o mundo avanza e non se afonde un pouco máis ca día no fango dos asuntos máis viles e privados, no mundo dos intereses que teñen que ver cos cartos e que case sempre van en detrimento dos intereses públicos, e dicir, dos intereses de todos nós.
    Dende aquí queremos aplaudir e animar os espíritos libres e preclaros coma o de Covadonga Suárez a seguiren sen se render loitando por unha causa que consideramos máis que xusta e razoable. É unha causa nosa. De todos nós. Coma outras que xa foron. Coma algunhas que desgrazadamente se perderon e coma moitas que, afortunadamente, se ganaron, e aí está o tempo -que sempre pon o punto sobre o i- para nos dar a razón.
    A defensa do noso patrimonio é un deber inexcusable. Debemos salvagardalo para o transmitir intacto ás xeneracións futuras tal e coma nós o recibimos dos devanceiros.
Covadonga Suárez é, para ben de todos nós, das boas e xenerosas que levan na frente unha estrela e no bico un cantar... loitador e reivindicativo.
-
(*) Este artigo apareceu por primeira vez en La Comarca del Eo de 20 de xaneiro de 2017

Ningún comentario: