20180110

O CAMIÑO NORTE POR BARREIROS. Breve historia. Emilio Piñeiroa Lozano

O Concello de Barreiros atópase situado na franxa norte da provincia de Lugo, denominada A Mariña.
A súa situación xeográfica pode considerarse un privilexio natural, xa que se atopa entre o mar Cantábrico, con finísimos areais de ata 8 kms, e a montaña.
O Camiño Norte percorre a zona interior do concello, zona agrícola e gandeira por excelencia.






O CAMIÑO NORTE POR BARREIROS. Breve historia
Ribadeo era para o peregrino o primeiro punto do seu itinerario galaico ata Compostela.
Os peregrinos deixaban Ribadeo cara a Mondoñedo e abandonaban definitivamente o seu contacto co mar, internándose por Ove ata a Nosa Sra. da Ponte, na parroquia de Arante, onde o cóengo mindoniense Juan Marqués empregou os seus bens, no século XVI, na creación dun hospital para peregrinos.
O camiño atravesa unha arboreda e entra no Concello de Barreiros. Dende o alto, divísase o gando nun terreo de abundantes pastos e un pequeno val surcado polo río Porto Bragán. Aos nosos pés, a parroquia de Vilamartín Pequeno e na outra ladeira, Vilamartín Grande, barrio que pertence á parroquia de San Xián de Cabarcos. Ao fondo, Fórnea, do Concello de Trabada.
En Vilamartín Pequeno visitamos a Igrexa parroquial, na honra de San Xoán Degolado.



Os peregrinos, despois de cruzaren o río e subiren unha empinada costa que conduce a Vilamartín Grande, encontran á esquerda a Capela do Carme que pertenceu a unha fundación e que no ano 1995 foi arranxada polos veciños. No interior, na parede lateral esquerda, nunha lápida hai a seguinte inscrición: “Esta ermita está fundada un aniversario Santísimo de una misa cantada con responso y cuatro rezadas en cada día de las festividades de Nuestra Señora de la Merced y del Carmen de cada año a ocho reales de limosna por las cantadas y a tres las rezadas paso la escritura de dotación ante Bernabé de Miranda. Notario en 29 de 7 de Diciembre de 1.692, años”. No altar,na parte central, está a Virxe do Carme, patroa á que se lle celebra a festividade o 16 de xullo; a ámbolos dous lados, dúas virxes do barroco galego, de 1692; na de menor tamaño pode lerse: “Nosa Sra. de las Angustias de las Beatas Marías”. É de destacar un cáliz e unha patena, cunha inscrición na base: que di: ”D. Salvador Menéndez, año 1.692”.
Á dereita do camiño atópase o teleclub e a escola, pechada co gallo da concentración escolar e , na mesma situación atoparemos as escolas de Gondán e San Xusto.



Seguindo o camiño, antes de baixar a Gondán, o alto de Vilamartín Grande pode servirlle ó peregrino de mirador, dende onde se divisa unha perspectiva do Val de Cabarcos, formado por San Xián e San Xusto. Plinio afirmaba que os antigos “cibarcos“ eran cidadáns dunha república no convento xurídico lucense do tempo dos romanos. Podemos deixar establecido que os cibarcos extendíanse dende a desembocadura do Masma, en Foz, á do Eo en Ribadeo.
Madoz e Vicetto supoñen que foron os primeiros moradores desta terra de Cabarcos.



De crer ó P. Flórez, o documento máis antigo que se coñece en España refírese a este Concello. Trátase da doazón duns terreos do ano 755, situados entre o río Eo e o Masma, feita polo rei D. Silo, a instancias do abade Esperanta, a varios monxes para que edificaran alí un mosteiro.


O nome de Cibarcos consérvase a través da Idade Media, sen máis variación que o cambio do i en a, aparecendo xa nos primeiros séculos da Reconquista. Xa no ano 916 aparece un documento no que Ordoño II doa as igrexas situadas entre o Eo e o Masma, onde figuran as de Sancti Justi de Cabarcos e Sancti Julliani de Giliari.
No ano 1406 López Díaz de Teijeiro doaba ao bispo de Mondoñedo a terraría de Cabarcos; os seus escudos aparecen citados nun documento do Mosteiro de Lourenzá, que leva a data de1448. Deberon vivir aquí numerosas familias de recoñecida nobreza e fidalguía.
Segundo documentos encontrados, Pedro Pardo de Cabarcos (sobriño do Mariscal Pedro Pardo de Cela) era dono de grandes terreos neste val que vendeu por 2000 maravedís para axudar ós Reis Católicos na toma de Granada.
A vida das xentes que habitaban nestas terras transcorreu pacífica e sosegadamente, dedicándose ao traballo agrícola e manual; chegando a haber a finais do S. XVIII (1787), no Concello de Cabarcos 21 telares e 504 arrobas de viño.
O Concello estaba formado por S. Xián de Cabarcos, S. Xusto de Cabarcos e Vilamartín Pequeno, estando a capitalidade no primeiro.
Na actualidade pertence ao Concello de Barreiros, adicándose á gandería e á agricultura.
En Gondán (S.Xián de Cabarcos) atopamos unha pequena capela, na honra da Virxe do Pilar, coas imaxes da Virxe e de Santiago Apóstolo; ao lado a fonte de Cimadevila onde o peregrino pode saciar a sede. A poucos metros o albergue de peregrinos.
Camiñamos en descenso ata a parroquia de S. Xusto de Cabarcos, cruzando o río Puxigo, atopamos o albergue de peregrinos (antiga escola), deixamos a estrada asfaltada collendo unha pista ata a Igrexa. Atopamos un cruceiro, en recordo da capela do Bo Suceso, destruída en 1984; esta imaxe, xunto coas de S. Sebastián e S. Roque peregrino atoparémolas metros máis arriba na Igrexa; que chama a atención pola súa situación, na parte alta, coma se estivera vixiando o val e esperando a chegada do peregrino. En 1993 foi arranxada, sendo párroco D. Santiago Riguera Díaz. Data de antes do ano 900, con planta de cruz latina. Destaca o retablo barroco de 1753, a súa imaxinería como O Apóstolo Santiago peregrino, S. Xusto e S. Pastor, patróns da parroquia; entre outros é de admirar o púlpito e dous confesionarios, obra do artista local Santiago Candia (1916), autor tamén do retablo da Virxe das Dores.
Casa do Concello de Cabarcos


Cárcere do Concello de Cabarcos

O peregrino deixa o Concello de Barreiros, pasa por unha zona de bosques que o leva ó veciño Concello de Vilanova de Lourenzá, atopando a capela de Santa Cruz preto do campo de fútbol. En Lourenzá os peregrinos recibían unha calorosa acollida no mosteiro, que data do século X. Impresiona a actual fachada barroca do mosteiro, deseñada polo arquitecto compostelán Fernando Casas Novoa, autor da fachada do Obradoiro.
Da importancia deste Camiño Norte ou Camiño Real, temos o testemuño da existencia de dúas pousadas: a Casa de Veiga do Camiño Real en Gondán e a pousada de Inocente do Curbeiro en S. Xusto.

Ningún comentario: