20180204

Ribadeo e a auga

Agora mesmo, está a chover. Auga. Mais non é desa da que quería falar hoxe.
Nótase algo na foto? Gústame a auga da billa... normalmente. As queixas pola auga en Ribadeo non son cousa nova. Veñen de lonxe. E non só polas averías e liortas sobre a necesaria modernización da rede de abastecemento, senón pola calidade da auga. Aspecto terroso cando chove, sabor forte, pel alisada despois do lavado con ela... son algunhas das situacións que xeran queixas periódicas e que son sistemáticamente ignoradas por autoridades e empresa ou contraditas pola empresa xestora.  Naturalmente, hai casos aparte, como a contaminación polo CAVI. Pero, en días como os desta finde, non é o CAVI, senón outra cousa.
Vin a auga, e logo, lin sobre a recuperación da xestión de auga en sitios tan significativos como Berlín ou Valladolid, e outros non tan sonados ou importantes como Manacor ou Ermua, nun artigo en eldiario.es, "La ola europea contra la privatización del agua ". Un máis que fala de recuperación de poder da xente sobre o que toma e como se xestiona, e dos beneficios que trae, máis aló do que fala de aforro en cartos, que tamén, ó evitar a partida de 'beneficios' na contabilidade empresarial. E non, non é unha panacea: unha empresa pública, un ente non privado, pode estar tan mal xestionado como calquera empresa mal xestionada, e producir tanta corrupción. E para que non ocorra, a solución pasa polo mesmo que para poder recuperar a xestión da auga que bebemos: por nós, a nosa concienciación e actividade.

Ningún comentario: