20180320

Fará falta unha nova subestación eléctrica?

Martes 13 de febreiro: inauguración da subestación eléctrica de Piñeira. Case unha semana antes, o día 7, o concello sacou unha nota de prensa para anunciar o que pouco menos se considerou unha panacea. Cinco semanas despois, vento e choiva producen cortes de luz apreciables, e deixan supermercados sen pode cobrar durante un cuarto de hora, entre outros exemplos posibles. Si, estamos afeitos, pero, non era iso dos cortes unha das cousas que a subestación ía evitar?
Falouse dos atrancos á subestación como un prexuízo neto contra o progreso. Agora alcanzounos o progreso, e o prexuízo neto vese que non foi para o progreso por culpa dos atrancos, pois os cortes que ían desaparecer seguen aí.
Estamos en 'zona rural', pero coido que as cidades non sofren en xeral estes cortes, e que a subestación foi vendida como equiparación con zonas urbanas. Estamos afeitos a cortes peores, e iso fai que estes pasen desapercibidos. Pero pasan, e cada vez é máis patente que non é cuestión de tecnoloxía, senón de apreciación dos usuarios por parte da compañía, de mantemento. Así o defendía ó día seguinte da inauguración e fronte unha nova nota de prensa do concello, e así parece que o tempo me da a razón.

Ningún comentario: