20180420

A nova da semana? As Catedrais, claro!


Cando se move algo nas catedrais, as miradas apuntan cara ó areal dos arcos. E é que aínda que a participación non sexa fomentada (pedida si, pero non articulada), a conversión dos arcos en icono de Ribadeo  leva consigo esa desviación de miradas cando o icono se ve afectado.
Hai tempo que se sabe e se ten publicado (a última de xeito oficial, no PEC) sobre os efectos negativos que o paso de milleiros de persoas ten sobre a capa límite na beira superior das catedrais. Tivo que ser un desprendemento mortal no interior dunha cova o que 'animara' a decretar a prohibición de paso pola zona. Agora, non sei se farán unha pasarela elevada para permitir vexetación en baixo dela ou non, pero a aceleración de efectos erosivos debido á desaparición da capa de manto vexetal na beira do cantil terá efectos ata que a zona se veña abaixo... Ou sexa, un efecto non só actual, senón tamén 'en diferido'.
A nota de prensa do concello:
BARCIA AGARDA MAIS INSTRUMENTOS DE ORDENACIÓN NO AREAL
Novas medidas nas Catedrais
18/04/2018
O Concello mantén un diálogo fluído e aberto coa Xunta de Galicia para que a praia de As Catedrais siga a ser visitable, pero sobre todo para que siga a ser un lugar seguro. Ao alcalde ribadense, Fernando Suárez, parécenlle ben as últimas medidas informativas, recomendatorias e prohibitivas que está a implantar a Xunta no areal.
O alcalde ribadense declarou que "estamos a manter un diálogo fluído, sincero e aberto para que o areal siga a ser visitable pero, por riba disto, siga sendo seguro".
Suárez Barcia lembrou que "este entorno está cualificado como monumento natural, e espazo protexido da Rede Natura 2000, polo que a conservación, a xestión e a planificación son competencia exclusiva da Xunta de Galicia. Máis con todo, como sempre dixemos, queremos colaborar e estamos a facelo para promover unha xestión racional deste espazo, tanto do monumento natural en si como do ámbito adxacente da súa contorna".
O rexedor sinalou que "neste senso estas medidas informativas, recomendatorias e nalgúns casos prohibitivas parécennos ben porque son adoptadas precisamente para iso, para que siga a ser visitable pero que sexa o máis seguro posible dentro do que é un espazo natural tan singular como este".
Fernando Suárez confía "en seguir traballando con esta disposición como o estamos a facer entre a Xunta, o Ministerio de Medio Ambiente e máis o Concello, e confiamos tamén que en vindeiras datas poidamos seguir avanzando na implementación de medidas e na aprobación de instrumentos de ordenación para lograr que As Catedrais sigan a ser un lugar que nos enorgulleza a todos e a todas".

Ningún comentario: