Lento, pero seguro
A residencia, en construción. Imaxe do Sigpac tomada a mediodía un día polo medio do ano 2016. |
Cando José María Rodríguez comezou a capitanear a andadura da nova residencia de maiores, supoñía xa que a viaxe ía ser longa e dura, mesmo con reviravoltas e retrocesos. Nunca, ninguén dos que participamos con el na andaina nos fixemos á idea dun curto paseo entre rosas. E as expectativas cumpríronse e seguen a cumprirse.
Pasaron os anos e o edificio está construído e dotado, aínda que polo momento falte o que se podería chamar a estrutura de funcionamento.
Nestes últimos días, despois de recobrar o consenso político no pleno do pasado 23 de marzo no que a corporación votou de xeito unánime na casa do concello de Ribadeo a aprobación do convenio marco para dar soporte ó funcionamento da residencia, airéanse novas diferenzas políticas. Mais coidamos que esta volta son máis cosméticas que outra cousa, que non se basean en mandatos externos, ou en diferenzas irreconciliables, senón en posicionamentos que se tentan facer visibles de cara á procura dun oco mediático fronte ás novas eleccións que xa se albiscan.
Dende o día 23, resumindo:
-hai unha postura unánime da corporación de apoio ó convenio.
-hai unha vontade por parte da cabeza visible da Deputación de levalo adiante.
-tamén hai dificultades internas na Deputación. Esas dificultades, que veñen de atrás e pouco teñen que ver con Ribadeo ou coa residencia, manifestáronse de xeito cru xa o día antes do pleno lucense, con tempo abondo para facer algún tipo de movemento individual pero totalmente insuficiente para unha discusión calmada. E iso deu lugar a que se pedira por unha beira, a asistencia dos representantes no consistorio Ribadense ó pleno da Deputación do pasado venres en Lugo. Por outra, a que nos enteráramos con posterioridade da petición de segregación do convenio marco para ser votado de xeito independente o de Ribadeo. Aínda por outra, da ausencia sen explicar dun dos votos que se presumía a favor ou, totalmente diferente, a ausencia de membros da corporación ribadense entre o público do pleno en Lugo... e por último dunha compoñenda que pode representar un parche, pero moi ben posto a estas alturas, e sobre todo, representa a continuidade cara ó futuro: a aprobación por parte da Deputación en comisión en troques de en pleno. Nesa xuntanza, que se espera para martes, quedará aprobado ó ter asegurada a maioría, e estaremos xa encamiñados a solucionar aspectos máis finos da futura xestión.
É posible que cando estas verbas saian á luz xa se teña dado algunha reviravolta máis, dialéctica, pero sen poder deixar de asumir cada partido o que fixo no último pleno ribadense: apuntarse de xeito unánime a unha pedra angular que debuxa a grandes trazos o futuro da residencia de maiores de Ribadeo.
Plataforma pro Residencia de Maiores de Ribadeo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario