Hai anos que O Tesón o pediu e que no blog se expuxo a necesidade. Agora o concello prepara a licitación que fará posible ós peóns o chegar á zona do Vilar e en xeral, á Avenida Ría de Ribadeo, a antiga estrada nacional, cedida dende hai anos ó concello. O anuncio está feito. Agora, espérase que siga a cousa paseniño ata que se complete a obra, con axuda da Deputación. A nota de prensa do Concello é clara:
BARCIA DI QUE SE MELLORARÁ A SEGURIDADE DOS VIANDANTES
Avenida Ría de Ribadeo
24/05/2018
O Concello ven de sacar a licitación as obras de acondicionamento e urbanización da avenida Ría de Ribadeo. O investimento ascenderá a 512.000 euros, dos que a Deputación de Lugo aporta 380.000.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, explicou que "se trata da licitación das obras de acondicionamento e urbanización da avenida da Ría de Ribadeo, grazas a este convenio de colaboración que asinamos coa Deputación de Lugo. Dun total de 512.000 euros do custo do proxecto, a Deputación vai aportar 380.000 euros".
O rexedor salientou que "con estas importantísimas obras de mellora e de humanización contribuiremos tamén a dotar dunha seguridade necesaria para todos os viandantes desta longa avenida, que foi pensada no seu momento fundamentalmente para o paso de vehículos rodados, máis hoxe en día cada vez é máis frecuentada por peóns e viandantes dado que a afluencia a todos estes talleres, tendas, bazares e centros comerciais fai que cada vez haxa máis xente andando por lugares que non son apropiados tal e como están deseñados".
Suárez Barcia detallou que "as obras neste máis de 1 quilómetro de actuación, van ser a dotación de beirarrúas onde aínda non estean, a construción de pasos de peón elevados para maior seguridade dos viandantes, a canalización soterrada desas torres de media tensión que afean a paisaxe neste momento, e novo alumeado público, é dicir, a substitución das luminarias por outras led máis modernas. Ademais procederase á colocación de tubaxe, de pluviais e de saneamento, e dos sumidoiros necesarios para completar a totalidade dos servizos urbanísticos da zona, novo arborado e nova capa de aglomerado e pintado en todo o longo desta avenida".
O alcalde indicou que "o procedemento de licitación desta importantísima obra vai ser aberto e unha tramitación urxente, polo tanto todas as empresas interesadas, e coa cualificación necesaria, terán trece días de prazo para presentar as súas ofertas, e poderán velas no perfil do contratante da nosa páxina web e tamén na plataforma de contratos do Estado".
Fernando Suárez engadiu que "o que estas obras perseguen é que calquera viandante do centro urbano de Ribadeo poida ir con comodidade e con seguridade ata o límite urbano de Ribadeo, que é practicamente na rotonda de Dompiñor".
Algunhas entradas anteriores (dos últimos anos) sobre o Vilar:
Ribadeo e competencia.
Vilar non se escribe con b de bicicleta.
Mercadona, enfocando a solución.
De lixo e outras merdas.
Unha ollada non só ó Vilar
Ningún comentario:
Publicar un comentario