Esta semana, a través das redes sociais puidemos constatar de novo a presencia de persoas facendo fotos no interior da illa Pancha. Referímonos a persoas que supostamente non son usuarias dos apartamentos. Non pretendemos personalizar nin temos nada que comentar respecto das persoas concretas, o único que plantexamos e por que uns si e outros (a gran maioría) non. Con anterioridade xa puidemos ver a unhas persoas celebrando unha festa familiar, como unha primeira comunión ou algo semellante e noutra ocasión foron uns nenos dun colexio. Volvemos repetir que nos parece estupendo que estas persoas poidan disfrutar dun entorno tan evocador como é o da Illa Pancha. Pero cáese do seu peso que non son nen usuarias dos apartamentos, nin mariscadoras, nin funcionarias de Puertos. Polo tanto hoxe dirixímonos por escrito á Autoridade Portuaria para esixir que nos expliquen as estrañas circunstancias que permiten o acceso a este espazo reservado para algúns casos particulares mentras que sigue vedado para veciños e visitantes.
Compre lembrar tamén, como dixemos repetidamente, que a illa Pancha ten unha dimensión de 4300 metros cadrados de zona “verde”, que chegan aos cáseque 10 000 contando as zonas de rochas. Destes 4300 metros cadrados a concesión dos apartamentos so inclúe 500, que son o edificio de antigo faro e máis algunhas parcelas a carón. A ponte e o camiño que sube ata o antigo faro non están incluídos na concesión, por paradoxo e inconcebible que resulte. Como tampouco están na concesión os terreos a carón do novo fariño, onde se fixo o retrato que agora vemos na redes.
Non queremos cualificar o trato que están recibindo os ribadenses con este uso privado e aleatorio da Illa Pancha, pero non podemos deixar de lado que se trata dunha discriminación evidente, particularmente rechamante pola reiteración e ostentación. Porque se fose unha vez poderíamos pensar nun despiste, ou algunha circunstancia excepcional que non faría caso, pero xa se ve que, sexa cal sexa o medio ou mecanismo de acceso, debe haber unha chave maestra que elixe este si e a maioría non.
Por este motivo poñeremos o asunto no coñecemento da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, por ser a principal responsable da xestión do uso que se fai dos terreos da illa e mais do acceso restrinxido. Ao mesmo tempo esiximos ao Sr. Alcalde de Ribadeo que cumpra ca súa responsabilidade institucional e deixe de apoiar o uso privado da illa fronte a discriminación sistemática da gran maioría da veciñanza e dos visitantes. Neste punto non podemos esquecer que o Sr. Alcalde esixía, non hai moitos meses, o acceso libre dos veciños para conceder a licenza de actividade, pero non faremos mais comentarios, pola boca se perde o peixe.
Finalmente esixiremos a Puertos que nos mostren o expediente administrativo que xustifique o peche da Illa Pancha. Este expediente contradí a previsión de lei de Costas que obriga a deixar unha franxa de seis metros de “servidume de tránsito” para o acceso libre das persoas. Se por algunha circunstancia esta “servidume de tránsito” estivese suprimida ou restrinxida debe existir un expediente administrativo que o xustifique.
Evaristo Lombardero, colectivo “POR NUESTRO FARO”
Ningún comentario:
Publicar un comentario