20180529

Santiago, Mondoñedo, e agora, Ribadeo

    Tes visitado o cemiterio vello de Mondoñedo? Bonito e histórico, honrando ós mortos. Algo así diría que se pretende agora en Ribadeo, se ben en Mondoñedo naceu diso, da honra ós mortos e en Ribadeo pretende dárselle un empurrón a base do turismo a un cemiterio que non é feo, con vistas á ría e no que están enterrados diversos persoeiros relacionados con Ribadeo.
    O concello remata de liberar unha nota de prensa na que anuncia unha guía para o cemiterio e pide o seu coidado en bo estado. Paréceme ben, e máis se o mesmo concello, anos despois de repoñer as vidreiras, (no seu momento -2011- fixen un libriño con fotos sobre as vidreiras da capela do cemiterio), repón as dúas pequenas torres de respiración da casiña de autopsias, agora simples cicatrices no seu tellado, e recupera o seu interior, agora -coido- almacén do cemiterio.
A cruz da tumba de Calvo Sotelo, proxectada sobre ela.

A nota de prensa:

FREIJE PIDE QUE AS TUMBAS SE CONSERVEN EN BO ESTADO
Cemiterio municipal
28/05/2018
O Concello editará un folleto sobre o cemiterio municipal con información dalgunhas das personalidades que alí se atopan soterradas. O concelleiro de Cemiterios, Jorge Díaz Freije, subliña que se atenden así as demandas realizadas pola veciñanza ribadense e tamén polos turistas. A publicación incluirá datos sobre a Capela e sobre o cemiterio, unha obra que fora patrocinada polos irmáns Moreno Ulloa.
O edil nacionalista anunciou que "o Concello vai acometer un proceso de revalorización do cemiterio municipal do mesmo xeito que se fai con estes recintos en moitas vilas e cidades. E así imos editar un pequeno folleto indicativo dalgunhas das personalidades que nel están soterradas, como mostra de lembranza e homenaxe, e deste xeito satisfacer unha demanda de moita xente tanto ribadense como foránea, que nos dicían que porque non facíamos unha cousa así".
O concelleiro de Cemiterios explicou que "imos comezar cunha cousa aberta e sinxela, pero creo que interesante. Esta publicación facilita información sobre o proxecto, a capela e outras circunstancias desta obra patrocinada polos irmáns Moreno Ulloa".
Díaz Freije engadiu que "con este motivo se reitera o chamamento que se fixo para que os propietarios de tumbas, nichos e mausoleos manteñan estas propiedade en boas condicións de conservación e ornato, non só porque é unha obriga senón por tratarse da memoria propia e a de todos. Desde o Concello levamos xa uns días con varios traballos, arranxando beirarrúas e algún nicho que quedou en mans nosas xa o melloramos".
Jorge Díaz sinalou sobre esa publicación que "vai ser moi sinxela, moi modesta e moi aberta. Será presentada en breve prazo nos próximos días. Esperemos que guste e que siga no tempo, e que todas esas familias e toda esa xente que se involucrou por Ribadeo sexa un xesto máis de agradecer todo ese esforzo para o Concello".

1 comentario:

LUZ DE TEA dixo...

A verdade é que me parece moi boa iniciativa, só me da pena por unha cousa: apuntanse a unha moda, que non creo que comprendan moi ben, nin creoq que saiban apreciar (como xa quedou demostrado co das vidrieiras) o interese dun recinto funerario así.
Pronto sacarei o artigo sobre el e as vidrieiras :)