20180530

Un Alcalde ou un carteiro. Colectivo Por Nuestro Faro

Vella imaxe da ila Pancha
No pleno do concello de Ribadeo do pasado 25 de maio a concelleira do PSOE Aurora González Ginzo facía unha pregunta sobre o acceso á Illa Pancha de persoas aparentemente non relacionadas cos apartamentos turísticos. A resposta do Sr. Alcalde, como ven sendo o cotían, poñéndose de perfil, é que llo vai transmitir á Autoridade Portuaria. Suponse que el non sabía nada de nada porque se fixo de novas, eludiu calquer comentario e pediulle a Aurora que lle aportase documentación. O certo é que nas redes sociais hai fotos e vídeos de persoas e colectivos que entraron na illa sen que se saiba quen lles abriu a porta e mesmo accederon a zonas non concesionadas ao proxecto turístico. Nun vídeo de facebook do 26.10.17 vese a un grupo duns vinte nenos co seguinte comentario : “Hoy hemos tenido una visita muy especial, los niños de 3º de EP del colegio Sagrado Corazón de Ribadeo”. Os cativos están xogando arredor do novo faro, zona, como se sabe, non concesionada. Hai mais casos, deles o mais recente é unha foto publicada en facebook (6.5.18), na mesma zona, na que se ve un neno vestido de mariñeiro, probablemente de primeira comunión. O problema xa foi transmitido polo grupo “Por nuestro Faro” tanto aos medios como á Autoridade Portuaria hai un par de semanas. A cuestión é moi sinxela: ¿Porqué uns si e outros non?. O tema non ten moitas voltas que darlle e xa está dabondo explicado e difundido. Que a responsabilidade de controlar o acceso é da Autoridade Portuaria caese do seu peso.
O problema, dende o noso punto de vista, e un trato discriminatorio, un agravio comparativo que non atopa outro caso no noso concello. Vexamos un exemplo que tamén afecta a puertos. O acceso ao porto de Figueirúa, anteriormente libre, quedou limitado por unha norma europea despois do atentado das torres xemelgas. Gustaranos mais ou menos, podemos discrepar, pero vemos que non hai privilexios, que funciona dacordo cun regulamento e hai un persoal responsable. Nada que ver co acceso aleatorio e sinladeiro á illa Pancha.
¿E cal é o papel do concello?. ¿Cecais non representa aos ribadenses e os seus intereses, ou só a unha parte moi concreta dos mesmos? ¿Cecais non é unha desconsideración, por non dicir un insulto, o trato discriminatorio á gran maioría da veciñanza?. ¿O Sr. Alcalde non ten máis que facer de carteiro? ¿Logo xa esqueceu os compromisos e declaracións anteriores? Por se así fose ímoslle lembrar algunhas notas da páxina xeb do concello.
25.11.16: “que no seu momento deberase garantir o acceso público a toda a Illa para que o Concello poida dar a licenza de actividade”.
“”isto non é Grecia, onde se privatizan as illas. Polo tanto, e aínda que cumpre con todas as autorizacións a conversión dese edificio en hotel, desde logo deberán ter o acceso aberto para todo o público por parte do Concello, senón o Concello non poderá dar a licenza de actividade necesaria para poder operar”.
8.6.17 “O alcalde, Fernando Suárez, envioulle un novo escrito á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao pedíndolle que garanta o libre acceso á Illa Pancha”
“é necesario manter o acceso público libre, en especial para cumprir con toda esta regulamentación que acabo de indicar” …” A lei é para todos igual, están afectos tanto na illa como en terra, todo o mundo””
Finalmente o 12.9.17 o concello concede a licencia de actividade esquecendo o seu compromiso anterior de garantir o acceso da veciñanza.
As contradicións do Sr. Alcalde son tan evidentes que costa traballo despegalas dun cheirume un tanto sospeitoso por non dicir algo mais forte. Porque non estamos apelando a unhas declaracións verbais, ditas ao voo en campaña electoral. Estamos apelando á paxina web do concello, escrita negro sobre branco e con argumentos reiterados que os veciños poden constatar polo menos se non hai orden de borralos.
En conclusión, sabemos de sobras que os responsables da administración portuaria están en Ferrol e Madrid. Esiximos ao Sr. Alcalde de Ribadeo que actúe no que é da sua competencia: defender os intereses dos ribadenses e que cumprir a sua palabra dada e reiterada dende hai ano e medio.
Colectivo POR NUESTRO FARO

Ningún comentario: