20180611
A MORTE VIVA. Francisco José Campos Dorado
Dentro da Ermida de Nosa Señora Santa María das Virtudes da Ponte de Arante, encóntrase esta figura que forma parte, entre outras, das preciosas, e mal, moi mal e moi precariamente conservadas pinturas murais, que mandou facer en 1516, D. PERO PARDO DE AGVIAR SENNOR DEL COTO DE SAN MARVGO, como reza a lenda baixo ditas pinturas (véxase a súa xenealoxía no artigo “ESCUDO HERÁLDICO DA ERMIDA DE NOSA SEÑORA DA PONTE DE ARANTE”, tamén en La Comarca del Eo, 23-Decembro-2017).
Estas pinturas, sen lugar á miña dubida, foron feitas por un gran mestre pintor, por desgracia anónimo ata o día de hoxe. Digo que foron feitas por un gran mestre, non so porque están ben feitas, coa agudeza dos trazos ben perfilados, definidos e ben debuxados, senón porque, co cualificativo “gran” quero expresar que ademais do coñecemento da técnica e arte da pintura, tamén ten coñecemento do misterioso mundo esotérico dos símbolos.
Esta figura representa á MORTE VIVA: “situada na nave ó lado dos fieis para que estes non poidan eludir a súa presencia, sempre a esquerda, orientada ao Norte, no reino do Demo, do frío e das tebras” (Cadernos de Investigación IES Dionisio Gamallo Fierros de Ribadeo, Nº6, 2005, páx.17). Excelente descrición da situación da figura, pero ese esqueleto que está medio en sentadillas cun arco tensado en disposición de querer disparar unha frecha cara ó altar, parece querernos dicir algo máis.
En primeiro lugar o esqueleto ten un corazón vivo, de cor vermello, de aí o de a Morte VIVA. Por outro lado, interpretouse o símbolo da frecha como a terrible lacra da PESTE, algo que na Idade Media propagaba a Morte a milleiros de individuos. Outros interpretan a escena, como: “unha alegoría da morte... coa pretensión de resaltar o papel de María como intercesora que redime os fieis dos seus pecados, por iso apunta ao presbiterio onde está a imaxe de Nosa Señora das Virtudes...” (Nosa Señora das Virtudes, Emilio Piñeiroa Lozano, 2018, páx.36)
Esta última interpretación cristiá pode ser a máis acertada. Pero no caso de que se pensara fora a PESTE, nesta figura, persoalmente dubídoo, ¿por qué?. Porque o esqueleto está pintado apuntando a frecha cara ao altar, e si a Morte propagaba a peste coas súas frechas, a figura tería que estar disparando a frecha cara aos fregueses, pois é aos homes e as mulleres a quen quere matar, e polo tanto non estaría disparando cara o Sagrario, a Deus e ós Santos que están no altar.
Entón ¿que representa esta figura da MORTE VIVA?
O adxectivo “esotérico" proben do grego “esoterikos” que significa: “reservado aos únicos adeptos”, e aplícase a todo o que é misterioso e incomprensible para a maioría das persoas, o que impide revelar aos non iniciados algunhas partes dun rito ou dunha doutrina, sobre todo relixiosa. A este adxectivo oponse, “exotérico” do grego “exoterikos” que significa: “destinado ao público”....., “exotérico” remítenos a “forma”, mentres que “esotérico” relaciónanos co “contido” (El Simbolismo Esotérico, M. Centini, Editorial de Vecchi, 2001, páx.9-10). Así, tan sutil diferencia como a destas dúas palabras, que son practicamente iguais a excepción dunha “s” que cambia por unha “x”, pode ser o significado e interpretación das figuras simbólicas. Na Heráldica, isto ocorre de cotío, e a forma de cada figura, a súa posición a destra, a sinistra, arriba, abaixo ou de fronte, significan algo distinto, o cal debe terse moi en conta a hora de interpretar cada brasón.
Pois ben. No mundo hinduísta e no budismo, esa figura da Morte dispara tamén unha frecha cun arco, pero a súa interpretación e moi distinta. Neste caso a morte ten collido fortemente pola cintura ao Home, representado polo Arco, co que lanza a sílaba sagrada OM, esa vibración cósmica que deu vida o universo, e que no mundo cristián podería interpretarse como o sopro divino que deu vida o home, a ALMA do home, a cal, unha vez disparada, cruza o espazo baleiro da IGNORANCIA para alcanzar ao SER SUPREMO, ó Máis Alto, ó verdadeiro DEUS que está no altar, no sagrario.
Outra interpretación paralela, dinos que a frecha é o EGO, o propio EU da persoa, do home, que é lanzado pola MORTE VIVA, para liberalo da individualidade, do EGOÍSMO, para abrirse paso ao encontro do ABSOLUTO, do CREADOR, para alcanzar a auténtica e suprema SABIDURÍA.
Esta interpretación oriental parece ser máis acertada que aquela da PESTE, pois a Morte disparando cara o altar para facer dano a aquelo que o altar representa, non parece consecuente, nin lóxico. Por esta mesma razón lanzar a ALMA cara a María para que sexa intercesora ante DEUS, pode ser tamén unha boa interpretación.
Pero entón xúrdennos outras preguntas, e non sinxelas de responder. ¿Quen foi o autor, o mestre que realizou tal pintura? ¿Seguro que tódalas pinturas son da mesma época, e foron feitas polo mesmo mestre?
Haberá moitas dúbidas o respecto. Pois si ben, D. Pero Pardo de Aguiar, mandou facer un mural onde as figuras representan escenas exclusivamente de devoción relixiosa cristiá, a MORTE VIVA, en cambio, é representación dunha figura que ensina FILOSOFÍA, e pola interpretación, antes dita, Filosofía Oriental, que puido ser traducida o saber cristián, como se fixo con decenas de outras. ¿Quen era entón ese home que tiña este tipo de coñecementos na nosa bisbarra? Puidera ser que houbera algún veciño con coñecementos tan exclusivos para a época, quizais un Mestre pintor que rexentara unha Escola de Pintura e que estivera inmerso no movemento de renovación do Renacemento?. Non o sabemos, pois ó ser Ribadeo porto de mar desde a máis remota antigüidade, non sabemos que veciños chegou a haber en Ribadeo, e non hai padróns completos e específicos de cada veciño, nin das profesións, nin dos gremios artesáns aos que cada un pertencía.
Pero quizais, incluso, o Mestre non era de Ribadeo nin dos contornos, e puidera ser un Peregrino que percorría o Camiño de Santiago en busca das súas propias revelacións para poñer en claro o seu propio elucidario, e que por circunstancias descoñecidas, puido verse involucrado no deseño e creación das pinturas da Ermida de Nosa Señora Santa María das Virtudes da Ponte de Arante, nas que participou, e deixou a súa impronta filosófica na figura da MORTE VIVA, e ¿nalgunha figura máis? ¿Quen era aquel sabio peregrino? Seguramente nunca o saberemos, pero sen dúbida deixounos unha magnífica obra para admirar e, sobre todo, para facernos reflexionar, pois despois de toda unha vida de traballos e sacrificios, o final, aínda non sabemos nada.
Etiquetas:
historia,
Pancho Campos
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario