Presentación do libro e mesa redonda: José María Rodríguez Díaz
Onte domingo no salón de actos da Casa do Mar tivo lugar a mesa redonda e presentación do libro 'José María Rodríguez Díaz, In memoriam'. A poucos metros, no mesmo edificio no que traballou durante anos no Instituto Social da Mariña.
O acto desenvolveuse como estaba previsto: fun presentando ós participantes na mesa, ó alcalde de Ribadeo, a José Antonio Ares, unha das dúas persoas que acoderon a José María e coas que comezou o proceso para lograr a residencia, participante na plataforma veciñal e na comisión oficial, a Pablo Mosquera, presidente dos Aventados e colaborador con José María en diversas ocasións, a título persoal ou a traverso das asociacións, a Pancho Campos, presidente de O Tesón, sociedade na que José María deixou impronta, pasando boa parte dos seus últimos anos na directiva, e a Marta Rodríguez, que como filla de José María non necesitaría doutras credenciais para estar na mesa. Interviu tamén, de xeito extraordinario Sabela Martínez, filla de Antón Aneiros, gran amigo de José María.
Cincoenta persoas atenderon ó acto, no que se resaltaron aspectos diversos da persoa que foi José María. Non se tratou dunha homenaxe, de honralo, que era honrado xa de por si, senón dun acto de lembranza, de cariño e de recoñecemento un ano despois do seu pasamento co motivo da presentación dunha obra inédita, que inclúe dous libros, sobre 'o gardarríos' e a 'versión Ribadeo' que el deixou preparada da súa obra sobre 'O cura vello', xunto con aproximacións a José María de diversas persoas e un listado de artigos publicados por el xa no século XXI.
Na mesa redonda destacáronse cousas como a súa adicación ó interese público, amosada unha e outra vez, ó tempo historia interminable e interminada da súa vida, prolongada en diversos detalles como se viu na mesa, e no caso particular da residencia de anciáns ribadense, interminable dende hai xa abondos anos, e non rematada pero próxima a estalo na actualidade. Saíu a colación a cita de Platón 'necesitamos que os nosos dirixentes sexan cultos e decentes', algo ó que José María empurrou suavemente ós políticos, ó tempo que lles amosou o camiño como dirixente veciñal, como un home incómodo, e máis incómodo por ser máis culto. Tamén, a residencia de maiores como dereito, non como doazón xenerosa dalgún poder; dereito que houbo que lembrar por medio mesmo dunha manifestación á que se convocou ó pobo de Ribadeo. Quedou claro que José María devolveu á sociedade o que a sociedade lle deu: estudos diversos, si, cunha base sólida, pero tamén un ímpetu que dentro das súas forzas convertiu en social. E lembrouse tamén que, de estar entre nós, seguiría a 'poñernos deberes' para facer un mundo mellor.
O acto, de algo máis dunha hora, cerrouse coa foto de todos os participantes que o quixeron, incluídos na mesa e na sala de butacas.
O libro xa está a venda, e coincide que en tres semanas haberá unha xornada sobre Luís Trigo, 'o gardarríos' en Mondoñedo no que a bon seguro José María terá participación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario