Hai máis de 5 anos, o blog 'Ría de Ribadeo' alertaba sobre degradación da ría, que a levaba á lista de espazos RAMSAR ameazados, a pesar doutras proteccións medioambientais de diverso tipo e paisaxísticas. Hai unha semana, a prensa reproducía un artigo co título 'La ría de Ribadeo podría ser expulsada del convenio Ramsar'.
O certo é que, neste tempo transcorrido, si houbo medidas cosméticas para a ría, tentando facela máis atractiva turísticamente, ó tempo que ese mesmo turismo a poñía un pouco máis contra as cordas. Mais precisamente a base dese turismo, a sustentabilidade, parece que está a fallar. Sexa o tratamento de residuos na marxe leste, o acaparamento de ría para actividades portuarias ou outras na parte oeste, a invasión da zona central durante o verán, a colonización por especies invasoras, desfeitas varias... as agresións, máis grandes ou máis pequenas, son contínuas a pesar da existencia de grupos para a súa defensa. E a ría ten unha capacidade de recuperación que se ve superada non tanto por unha acción concreta como pola acumulación de pequenas e grandes accións de orixe humana.
Ningún comentario:
Publicar un comentario