20181009

Ence e Ribadeo. Trazos soltos a conta dunha nova

Eucaliptos en Viveiro)

Hai uns días, un xornal situaba o seguemento de Ence - Navia poñendo segundo fontes, algo máis de 300 camións diarios ou 400. Coido que as contas son doadas: se se poñen 300, 7 días á semana, saen 2100 camións, e se se poñen 400 por 5 días, algo máis de 2000, concluíndo que ambas fontes son aproximadamente coincidentes, mais facendo a media con diferente visión, de 'días' ou 'días laborables'.
Máis aló da anécdota, no blog levo tratado moitas veces sobre o impacto que o movemento de Ence ten sobre Ribadeo. Economía (quizáis menos do que se pensa) ou tráfico (un camión de ida e outro de volta cada dous minutos en horario laborable representa un tráfico significativo), entre outros factores, teñen impacto. Seiscentas mil toneladas de celulosa ó ano, e aumentando, representan moitas árbores para unha fábrica que se di é a maior e máis eficiente do seu tipo en Europa.
Entre outras informacións que se daban na nova estaba a valoración da fortuna do Presidente de Ence, Juan Luis Arregui, relacionado tamén con Artevino, Foresta Capital, Cartera Industrial Rea ou Turina 2000, pero iso non creo que vaia beneficiar moito de xeito directo a Ribadeo.
O que si chama moito a atención son os números por unidade (tonelada). Establécese o custe actual 377,8 €, distribuídos en 198,9 para pago da madeira, 113,6 de custes de produción, 32,4 para a comercialización de saída e de entrada, e 32,9 en 'gastos de estrutura'. Mentres, a pasta é vendida a 1020 $, isto é, máis de 850 €. Marxes? Se os números non enganan, máis de 120% de beneficio bruto... como para pensar en que a distribución de ganancias nesta industria, neste momento, debe reaxustarse cos traballadores e cos propietarios de montes, ou coa mesma natureza invadida polo eucalipto. Ou, por outra banda, para pensar cantos cartos se poden desviar para favorecer a plantación dunha especie invasora.

Ningún comentario: