20181007

O transporte en Ribadeo: involución fronte a revolución

un esquema horario ligado á liña de autobús de escolares.

Mentres que estes últimos anos hai un movemento mundial con base nas grandes cidades para tentar solucionar o problema dos desprazamentos, en zonas moito menos poboadas, nas zonas cunha porcentaxe rural alta, os problemas estanse agudizando ó levar o mercado á dependencia de medios particulares, rubricada pola retirada de diversos xeitos dos medios comunitarios / públicos. Mentres nas grandes cidades o vehículo privado está a ser marxinalizado, non necesario, na nosa zona, con base rural, o que desaparece son os servizos públicos ou comunitarios, sexa tren ou autobús, rarificando o seu paso e o seu uso, facendo na práctica case imposible esa opción. O certo é que a reorganización de liñas de autobús pola Xunta o pasado ano mellorou a comunicación interna na cidade en liña que é a costa, mais os intereses empresariais inmediatos fan que a comunicación de Ribadeo coa Coruña, Santiago ou Lugo (incluído o hospital ó que son derivados cada vez máis servizos), estea baixo mínimos. Ou que, na zona interior do concello, o servizo teña un fin tan específico que fai que o seu uso sexa asemade específico, puntual e esquecible, pois non evita a necesidade do auto particular, que, ó telo, resulta de moito máis cómodo uso (e máis contaminante, máis caro, máis insolidario...).
Auméntase o servizo para turistas camiño das catedrais, pero se alguén de Remourelle ou Arante quere baixar a Ribadeo calquera tarde, lévao cru. Ou se alguén de Ribadeo -ou un turista- quere visitar o santuario das Virtudes na Ponte ou o Pozo Mouro en Remourelle, vai telo difícil como non leve unha tenda de campaña para pasar a noite para volver pola mañá. Son algúns caso que se poden presentar. Minoritarios e insignificantes, hoxe por hoxe en canto á vontade en relación a servizos que se podan prestar entre a Cibeles e a Praza de España en Madrid, si, pero tamén anulados por inexistentes e polo tanto, incomparables polo trato que se lles da...
A Galicia rural perde poboación non só por unha causa. Pero tamén, entre as causas, está a falta de condicións para o transporte. E, mentres o noso interior morre, tamén morremos nós no noso interior.

Ningún comentario: