20181017

Ribadeo encanto envolto

Cartel nun cruce antes de chegar ás Anzas
Ó longo da semana pasada foron aparecendo en diversos lugares do interior do concello de Ribadeo indicadores semellantes ó da imaxe. Aínda envolto en plástico, é un chanzo máis na chamada 'ruta do encanto' que está sendo sinalizada polo concello (en parte, cunha subvención da Xunta) nunha primeira fase da que a segunda se pretende usar un logotipo xa deseñado e imprimir guías.
Coido que todos coincidiremos que a parte costeira do concello é moito máis coñecida que o seu interior. Mais en tódalas parroquias hai puntos de interese, e iso é o que pretende amosar esa ruta que se está a debuxar.
A pesar da ilustración do cartel (imposición normativa da Xunta, ao que parece) a ruta é demasiado longa para recorrela dunha tacada a pé, sendo máis ben apropiada para o automóbil ou para ciclistas en forma. Asemade, a sinalización está nos cruces de estrada, preparada para os coches.
O seu comezo está en Santa Cruz, indo logo pola estrada de Vilela cara a Remourelle, voltando por Arante, pasando polas Anzas, etc. As indicacións polo momento son ben escasas, como manifestan múltiples exemplos posibles, como que pase á beira do camiño do Pozo Mouro no río Lexoso, a menos de 200 m (por un camiño difícil, iso si) sen enterarse. Pero non deixa de ser un recoñecemento dun interior descoñecido mesmo pola xente da vila.

Ningún comentario: