20181128

Envases lixeiros, burocracia pesada

Na procura infrutuosa dunha convocatoria do pleno de onte, atópome nas web do concello dúas notas a considerar. A primeira  corresponde a un documento de 100 páxinas, "PROXECTO DE EXPROPIACIÓN PARA A MELLORA E RESTAURACIÓN DE HÁBITATS NATURAIS NO CORREDOR FLUVIOESTUARINO DA RÍA DE RIBADEO ZEC RÍO EO-GALICIA (ES1120002) ZEPA RIBADEO (ES0000085)", aprobado inicialmente por acordo plenario de 24 de maio deste ano e asociado do proxecto LIFE FLUVIAL “Mellora e xestión sostible dos corredores fluviais na Rexión Atlántica Ibérica” (LIFE16 NAT/ES/000771).
O documento ten cousas interesantes, aínda que o que máis me chamou a atención son os planos da zona a expropiar, da ponte da N-642 en Reme cara á ría. Planos públicos, pero que se non é unha cousa destas é difícil que saian á luz. A distribución de fincas nunha zona de marismas da unha idea impacgante do que pode ser o minifundio galego. Por suposto, hai outras cousas, como que nas novas que aparecen na prensa se asocie á eliminación de pinos e eucaliptos o que son marismas, ou o que leva a pensar nos trámites farragoso-administrativos, de data de aprobación preliminar 24 de maio, data de anuncio de publicación no BOE 27/11 (coido que aínda non está publicado) e data de sinatura do proxecto, 18/7.
A outra nota está tamén relacionada co farragoso-administrativo. Trátase de que por fin se vai máis ou menos a normalizar a recollida de lixo, apartado de envases lixeiros, de xeito provisional pola empresa ASCAM mentres o concello se da sacado de arriba o contrato con Soil Recovery, que hai tempo que por problemas propios non recolle.  Procuro na rede e entendo que a 'nova' empresa é ASCAN, non ASCAM, e que ten unha longa historia en internet que inclúe multas por incumprimento. O caso é que polo momento vai funcionar, pero tamén que a seguridade que se pretende cos trámites administrativos para amparar a legalidade evidentemente teñen numerosos defectos que fan que moitas veces non salvagarden a legalidade e sexan un lastre para a boa administración.

Ningún comentario: