20181127

Mirando á pasta

Pasta como sinónimo dos cartos ou pasta de papel? Ambas.
A semana pasada apareceu unha nova nos xornais resaltando non unha nova auténtica, senón o recoñecemento de algo que era vox pópuli: que Ence leva xogando cos políticos para conseguir subvencións cando está ganando cartos. E que para iso, usa Mirasol, o tren e o que faga falta. Algo moi común entre as empresas, sangrar ó sector público como complemento ou suplemento dos réditos comerciais. Aí está a mesma semana pasada o recoñecemento doutro segredo a voces, o agasallo ós bancos de 50 000 000 000 € (euro arriba, euro abaixo, que máis da, máis de mil euros por cada un de nós) despois de vendelo á opinión pública dicindo que era un préstamo con intereses para salvar ós cidadáns..
O caso é que unha vez logrado que Portos de Galicia rebaixase o custo de uso das instalacións portuarias de Mirasol, ENCE xa perdeu o interese na liña férrea. Polo medio, politiqueos de todo tipo con pouca ou nula base real, manobras como a intención da construción dunha macronave, e de xeito sorprendente para min, pouca ou ningunha referencia a que o tren é un transporte máis respectuoso co medio ambiente ou  ó estudo da posibilidade do ramal de ferrocarril a Mirasol. Ó fin, non ían por aí os tiros, como se está a ver. Pero, mentres, Portos de Galicia segue a recibir unhas cantidades moito menores polos dereitos de embarque das que percibía antes do tira-afrouxa co Musel, e o coidado do porto de Mirasol recibe menos atención da que debera, despois de ser segregado do pobo polo valado (realizado coa desculpa de tráfico con países terceiros de fóra da Unión Europea...)
De Navia a Ribadeo
Coido que o que leva pasado a conto do traslado de mercadoría de Ence ó Musel é de libro e debera servir como caso exemplificador para algunhas outras actuacións empresariais de todo tipo na nosa contorna ou máis aló. Que así se faga ou non implicará consecuencias no futuro...

Ningún comentario: