20181130

Ribadeo, Madrid. Transporte

Hoxe entra en vigor a prohibición de circulación sobre algo máis de 4 km2 no centro de Madrid. Contaminación, tráfico, aparcamento, desenvolvemento da vida no centro da capital van verse afectados. Comparar unha cidade de catro millóns de habitantes cun pobo unhas 700 veces menor non é doado, nin en tráfico. Mais, en medio da polémica do comercio que houbo días pasados, coido que ten sentido facer un pouco de planificación de futuro tamén en Ribadeo sobre o tráfico rodado, acceso, aparcamento, e, sobre todo, liñas de comunicación públicas ou compartidas de diverso xeito para facer as comunicacións e transportes mantibles e respectuosos co entorno. Hoxe por hoxe, as restricións ó transporte que pouco a pouco se van estendendo por todo o mundo teñen vairas cousas en común, entre elas, que deixan moito mellor paradas ás aglomeracións urbanas, con grande densidade de poboación, con moita xente coa que compartir e moitas posibilidades de uso de transporte público xa de xeito previo, fronte ás zonas nas que a poboación está dispersa, como ocorre no noso entorno. As liñas de tren de proximidade das cidades están a desenvolverse e fomentarse, mentres aquí o ferrocarril da costa cáese en anaquiños diante da nosa vista, desincentívase o seu uso, recórtanse conexións... algo polo estilo pasa coas liñas de autobús. Cabería facer unha excepción coa liña Viveiro-Ribadeo, pero está visto que unha cousa é a teoría e outro o funcionamento real, con pasos por paradas sen parar, retrasos ou ausencias (cousas vividas de primeira man), etc, e unha app para avisar de que vas viaxar que aínda non sei que lle fora útil a ninguén.
Cousa polo estilo pasa cos aparcamentos. Nas cidades están a estenderse os 'aparcamentos disuasorios', mentres aquí son aparcamentos complementarios polo reducido espazo de aparcamento que se estima nas rúas, dado ademais que o uso do coche particular é necesario ante a falta de alternativas. alternativas que pasan con moita dificultade polo uso de posibilidades como blablacar, pois para ir camiño de Xixón podes ter unha certa frecuencia, mais para ir a Lugo a cousa xa está máis difícil, e non digamos se tes que ir a Allariz, como me pasou a min hai non tanto tempo, ou sinxelamente desprazarte a Arante para facer alí algo pola mañá.
Coido que Ribadeo só non pode loitar contra iso, pero tamén que voluntarismos como ir ó encontro de fútbol entre os equipos de Ribadeo e Viveiro en tren (volvendo en autobús, que así están as cousas e non se pode un arriscar) ou esquecementos como a chamada do comercio a consumir aquí esquecendo que o transporte tamén atrae consumidores, e polo tanto, esquecendo esa compoñente que nos afecta a todos, non son loitar pola defensa dunha vida mellor para todos, cidadáns e comercio incluídos.
Agora ben, hai xente de Ribadeo que vive en Barcelona e non ten coche porque non le fai falta. Isto, antes da adecuación do transporte na cidade. Aquí, que nin hai nin se espera de momento dita adecuación macro, sen coche, estás atado, cautivo. Sexa para ir ó hospital da Costa (ou o HULA), sexa para mercar en Ribadeo xente de Barres ou en Lugo xente de Ribadeo, sexa para ir ó partido de fútbol en Vilalba, ou mesmo á charla que dan na Veiga. E a cousa tende a empeorar coa falta de mantemento e supresión das liñas ... sen unha loita organizada e con queixas dispersas que, ademais, pretenden facer un aproveitamento directo e non xeral (que reverquería despois no propio aproveitamento)
Autobús de liña en 1975. De https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:1975_-_Pontevedra.jpg; autor Antonio, lic. Creative Commons recoñecemento compartir igual xenérico 2.0

Ningún comentario: