20181229
Facendo propaganda a conta dos pensionistas
Hoxe foi un deses días nos que era doado, moi doado, atopar novas con titulares truculentos, sen ter que chegar a ler nada máis que iso: o titular. Como mostra, val un botón, din. E iso é o que fago neste artigo, traer unha mostra relevante. Está sacada da portada de La Voz de Galicia de hoxe. Era a nova iso, relevante, da portada: 'Los pensionistas gallegos recuperan poder adquisitivo por primera vez en cinco años'.
A ver... iso sucédelles ós pensionistas galegos por ser iso, galegos a máis de pensionistas, ou ós pensionistas españois, por ser sinxelamente iso, pensionistas en España? Coido que a resposta está clara: a raíz dunha edida tomada polo goberno, os pensionistas revalorizarán as súas pensións, de media, máis que a inflacción oficial. Pero, é iso o que di a nova? Non! só se refire ós galegos, cando está tratando cunha causa que afecta a todos os pensionistas, galegos ou non.
O artigo non entra na veracidade da afirmación da recuperación do poder adquisitivo: tería que ter en conta diversas cousas que levarían a unha análise dun nivel de datos, coñecementos e métodos netamente superior ó observado.
Non obstante, si hai algo que se ve claramente: a quen beneficia a nova. Independentemente de que a xeración da nova, a causa, poda ser considerada ou non promoción política dos gobernantes en Madrid, o caso é que a redacción leva a pensar como causantes da nova ós gobernantes en Galicia, e polo tanto, serían estes -lembremos, integrantes do PP e non do PSOE como os do goberno central- os beneficiarios da sensación positiva de mellora que trae a nova para o colectivo de pensionistas.
Prensa neutral? Non. Obxectivamente, non pode selo, pois dende a elección das novas a difundir a calquera outra actividade relacionada en diante, supón o uso de valoracións propias como base de elección. Pero, aínda que sexa imposible unha neutralidade 'total', cada medio si debe ter uns mecanismos que permitan achegarse ós feitos dun xeito veraz. Hoxe por hoxe, ese 'debe ter'representa, nunha parte abrumadora dos casos, non un deberobrigado, senón todo o máis, un desexo optativo.
Gustaríame saber a influencia, contada en votos, de un trucaxe dunha noticia así. Algo moi difícil, por outra parte. E por esa dificultade, xunto cos subterfuxios lingüísticos da avogacía, estamos así...
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario