20190220

Indefensión aprendida, debilidade asumida

De cara ás próximas (varias) eleccións, coido sería interesante poñer no foco un concepto que non se estila moito en polítca e menos en época preelectoral. Algo que, non obstante, aplícase de xeito case sistemático neste ámbito. Trátase do que en psicoloxía se coñece como 'indefensión aprendida'. En breve, refírese a que se se amañan as regras dun xogo, sexa o xogo que sexa, e se fai dun xeito opaco co resultado de que sexa máis difícil xogar e chegar a resultados para unhas persoas que para outras, entón a xente afectada pola discriminación negativa verase como peor xogadora, e en consecuencia, desincentivarase e terá peores resultados e unha imaxe máis negativa de si en relación o xogo.
Agora ben, a política tal como está concebida no sistema de representación, é un xogo...
En política, de longo tempo por estes lares, ven sucedendo algo polo estilo. Vista a política como xestión do poder sobre o conxunto social e as súas actividades, se as persoas non teñen poder por outros medios, poder 'de feito', 'poder fáctico', ven sistemáticamente como o valor da súa participación política tende a anularse. Como resultado, diminúe a súa participación primaria e en consecuencia, a súa representación, incidindo máis aínda no seu sentemento de perda de poder político nunha espiral decrecente da que non se pode saír dentro do sistema.
Se a participación se mantén en parte, é por un interese secundario, debido non á expresión do que é, sinte ou lle parece á persoa, senón debido a propaganda dos diversos partidos, nunha especie de chamamento que indica 'comigo serás forte', abandoa o teu e vente. Pero isto significa que a participación xa é mediatizada, para o uso puntual dos partidos e non das persoas, que se se benefician en algo é de xeito secundario.
Mesmo esa posibilidade de cambio que se podería albiscar cada x anos nos procesos electorais está así mediatizada de diversos xeitos, dende o filtro polo que pasan os candidatos para chegar a selo, á convivencia do poder político cos poderes fácticos, pois haxa ou non connivencia de principio, pode aplicarse aquelo de que dous que durmen no mesmo colchón vólvense da mesma opinión...
Mentres, para saír desta espiral só queda cambiar as regras do xogo, ou sexa, cambiar o xogo.
--
Nota: esta entrada é unha versión de https://tentandoeducar.wordpress.com/2019/02/20/indefension-aprendida-debilidade-asumida-fora-da-educacion/

Ningún comentario: