20190217

Un partido informando ('informando', así se titula)

Vou tirar un papel á papelera e fíxome: un aviso de que un acto de presentación dun candidato non se vai celebrar por cambios de última hora na axenda dun alto cargo do partido.  Pero o candidato éo ás municipais. Os carteis xa estaban impresos e colocados, e a nota foi algo rápido, para saír do paso, o que significará un novo aviso para cando a axenda do alto cargo teña un oco...
A modo de separación de poderes, houbo un tempo que crin que tamén había separación de funcións entre as administracións dos diversos niveis, coa coordinación pertinente, claro, pero tamén coa separación entre o que é administración e o que é partido. Hai tempo que abandoei a idea, ó ver un manga-por-hombro entre administración e partido tanto como a vertebración, partido mediante, de diversas administracións con ausencia de coordinación con outras vertebradas por partidos diferentes. E o cidadán pinta pouco, só comparsa, se non está nun partido metido. As asociacións cidadáns teñen que ganarse día a día un minúsculo oco para facer algo parello á súa función nun sistema en equilibrio. Porque meterse no sistema como cooptadas polos partidos non é ser asociación, senón sucursal.
Sigo soñando, son un soñador, tal vez iluso: tal vez mañá esa coordinación exista, vertebrada a partir dos cidadáns, cara arriba dunha a outra administración, de abaixo arriba, e os partidos sexan agrupacións de cidadáns con ideas semellantes para vender as súas ideas e non maquinarias de guerra social mediatizada de arriba abaixo.
Si, sei que o sistema propicia a súa reprodución e que a cousa está difícil. Mais os cidadáns temos un sistema de relacións cunha plasticidade que pode permitilo. Traballo nos ha costar. Pero é a supervivencia o que está en xogo, e o sistema actual, cos seus fallos, non a asegura.
--
Tamén en Galicia Dixital.

Ningún comentario: