20190319

40 kg

Creative Commons recoñecemento compartir igual 3.0 Unported, foto de Michaël CATANZARITI collida de Galipedia.

As cousas do mundo tamén tocan a Ribadeo. Ás veces, moi profundo aínda que podan pasar inadvertidas ou case.
Hoxe vexo unha nova á que non sei que cualificativo poñerlle, aínda que lle cadrarían moitos: unha balea foi atopada morta preto das costas de Filipinas. Ate aí, nada noticiable especialmente. Mais fixéronlle autopsia, e foi reveladora: 40 kg de plástico no seu estómago. Por desgraza, unha noticia do tipo ó que nos estamos a afacer a diario.
Si, 40 kg en 40 toneladas non é moito, é como se algún de nós tivera no estómago uns 70 ou 80 g de plástico. O imaxinalo envolvendo a comida sen deixala metabolizar, ocupando abondo máis que esa cantidade ocuparía de por si, mesmo taponando a vía de saída do estómago, xa é diferente. Podería ser equivalente a ter unha botelliña pequena de refreco cerrada dentro do estómago. Agora, súmalle que algunha cantidade de plástico xa tivera pasado ó interior do corpo, como os microplásticos que cada vez se producen en maior cantidade porque son exitosos para moitas cousas debido á pequenez das súas partes, e a cousa comeza a ser moi preocupante. Máis, se consideramos que eses microplásticos están tamén no peixe que comemos e pódense ir acumulando no noso corpo.
E si, as Filipinas son un desastre no tratamento de plásticos, de xeito que é o terceiro país maior contaminante de plásticos do planeta, pero os mares están intercomunicados, non son estancos, existen correntes mariñas, e... chéganos a nós. Chegaríannos aínda que nós fósemos uns santos, aínda que non se produciran e consumiran aquí, cousa que si ocorre (non o de ser santos, claro).
Hai uns anos, participei nun día de limpeza unha illa do Parque das Illas Atlánticas. Era pequena, nun lugar paradisíaco, estaba sendo limpada de xeito periódico, e paramos de limpar cando xa non podiamos transportar máis lixo... Pensar que ó día seguinte ía ter unha cantidade semellante de plástico na súa beira deixoume pensando días.
O problema é de produción, é de consumo, é de sistema. Se grande parte dos alimentos veñen envasados en plástico, é dificultoso non usalo, o mesmo que se un electrodoméstico ou un móbil ven deseñado para 'usar e tirar', dificil será combatir para seguir usándoo porque será difícil amañalo, non haberá repostos, resultará máis caro que un novo... e xerará lixo e ineficiencia. E é cousa do sistema, pensada para manter unha mecánica de traballo por traballo e consumo por consumo para xerar uns beneficios que en realidade son sinxelamente papel de privilexios e atropello dos semellantes.
Resulta que se suprimen as bolsas de plástico (non os envases de plástico) no supermercado, pero cada vez se produce máis despercidicio, que é recollido... en bolsas de plástico a mercar noutras tendas. Mellor sería que non houbera lixo, pero xa postos, que se fai logo co lixo? Pois... iso, que se fai? Coido que se agora mesmo saio á calle e pregunto por un caso concreto como o do plástico, habería unha ampla variedade de respostas con poucas que se poideran considerar acertos, tendo ademáis en conta que a realidade vai dende tiralo a queimalo pasando pola clasificación para a reutilización en certo casos, que en lugares diferentes o aproveitamento e o tramento en xeral é diferente, etc.
A vida actual é abondo complexa e non tempos conciencia nin coñecemento de boa parte (diría que da grande maioría) dos procesos dos que nos estamos beneficiando (mellor, que estamos usando de xeito directo ou indirecto).
Pero, se a cousa non marcha, e está claro que non, haberá que pensar en cambiar, non?

Ningún comentario: