20190312

Complemento á convocatoria do pleno

Onte publiquei 'Suso Peña Fillo Predilecto, subvención a ACISA ou variación no decreto de Medio Ambiente: pleno'. Completo agora con dúas cousas: O Informe-proposta da Área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo para modificar a
Ordenanza de Protección Medio Ambiental no tocante ao ruído
e a nota de prensa que acompaña a convocatoria.
Dicir que a a proposta non Substitúe a Ordenanza sobre o ruído, que non chegou a ser aprobada no seu momento ó atoparse daquela o goberno municipal en minoría, senón que regula un aspecto moi concreto sobre actuacións en directo en locais.
Velaeiquí o informe:



E a nota de prensa:
RIBADEO MIRA A CIDADES COMO SANTIAGO OU PONTEVEDRA
Ordenanza medio ambiente
11/03/2019
No vindeiro pleno do Concello de Ribadeo abordarase a modificación do artigo 80 da ordenanza de protección medio ambiental. Con ela o que se persegue é que, por exemplo, os Cantos de Taberna que albergan algúns locais hostaleiros ou que organiza o Concello sexan legais, xa que coa normativa autonómica que entrou en vigor a finais de 2018, este tipo de eventos non estarían permitidos. O Concello incorpora un novo apartado para que os bares e pubs poidan ter amenización ou ambientación musical por medios técnicos ou con voz ou música en directo, pero o alcalde, Fernando Suárez, subliña que non poderán superar os niveis de ruído, nin tampouco os límites de aforo e os horarios que xa teñen autorizados nas súas licencias de actividade.
O rexedor declarou que "somos conscientes desde o Concello desta problemática que está xerada nestas ultimas semanas, despois da entrada en vigor dunha normativa autonómica no que ten que ver cos ruídos. Desta maneira, coa lei na man e de maneira estrita, ningún bar podería ter Cantos de Taberna, que ás veces os propios Concellos organizamos como actividades municipais e que, coa entrada en vigor desta normativa, quedan dunha maneira ilegal".
Suárez Barcia explicou que "para resolver isto, desde o Concello, neste vindeiro pleno, imos ir na liña doutros Concellos que están á vangarda destas circunstancias como poden ser Santiago de Compostela ou mesmo Pontevedra. Queremos incorporar un novo apartado á ordenanza municipal de medio ambiente no senso de que nos bares ou nos pubs se poida permitir a amenización e a ambientación musical por medios técnicos ou con voz e música en directo. Iso si non poderán superar en ningún caso nin os niveis de ruído, nin os límites horarios, nin os límites de aforo que xa tiveran autorizados para as correspondentes categorías que teñan concedidas as súas licencias de actividade. Necesitamos dalgunha maneira para sacar dunha certa anarquía a normativa que neste caso se está a converter nun absurdo".
O alcalde engadiu que "aínda que en Ribadeo somos moi conscientes, tivemos moitos problemas hai anos, e somos os primeiros que queremos compaxinar o dereito ao ocio duns veciños co dereito ao descanso doutros. Temos que ter en conta a importancia deste sector e neste cambio normativo para nada se vai vulnerar ningún dereito senón todo o contrario. Vai entrar dentro do que é a normalidade racional que nun bar alguén poida cantar, por poñer por caso, ou que alguén poida tocar unha guitarra, sempre que nin os niveis de ruído, nin os límites horarios nin os límites de aforo se cambien".
Fernando Suárez agarda que "conte coa unanimidade da Corporación este cambio que pretendemos levar adiante".

Ningún comentario: